As galegas violadas polo franquismo

As galegas violadas polo franquismo
Rosario Hernández "A Calesa, moza violada e asasinada aos 20 anos, após o golpe fascista de 1936
Rosario Hernández "A Calesa, moza violada e asasinada aos 20 anos, após o golpe fascista de 1936  

A violación é a forma máis caracterizada do que coñecemos como a “represión de xénero” ou a “represión sexuada”. Violábase nos cárceres, nos campos de concentración, nos centros da Falanxe, nas casas das vítimas e violábase calquera muller de compromiso ou práctica democrática.


Violábase como materialización da humillación da derrotada, pero tamén como demostración do poder que os homes exercen sobre as mulleres. Ao fin tratábase de demostrar quen eran os vencedores, quen impoñía as normas ao tempo que se proxectaba un patrón de conduta que os franquistas proxectaban como un factor central do seu corpo doutrinal. As violacións, como testemuñou nas súas memorias a presa comunista Juana Doña, tiñan a ver “con el sadismo de sentir debajo de ellos unos cuerpos que se desgarraban de horror en un acto que estaba hecho para el placer, convirtiéndose, por tanto, en la reafirmación del machismo”.

 

A falta dun estudo de conxunto sobre este tema en Galiza, cuestión que debe ser abordada con urxencia, debemos suplila cos dados que nos fornecen monografías ou traballos realizados sobre a represión franquista no ámbito comarcal. Así coñecemos, entre outras, as violacións da bibliotecaria e pedagoga da Coruña Juana Capdevielle e da mestra de Miño María Vázquez, unha e outra asasinadas. Outro tanto acontece con algunhas vítimas do masacre de Montecubeiro  en Castroverde como Manuela Graña ou coa veciña de Navia, asasinada en Cangas de Foz, María del Carmen Pérez y García. Anuncia Casado AtanesA Pasionaria”, unha labrega de Viana do Bolo, foi violada antes de ser asasinada no lugar das Reverdeitas no camiño da Gudiña a Viana e Carme Jerés, unha enlace da guerrilla da Fervenza no Barco de Valdeorras, correu a mesma sorte en Monteares, perto de Ponferrada. E así podíamos seguir con Carme PesqueiraA Capirota” en Marín ou Rosario Hernández "A Calesa", unha vendedora de xornais de Vigo cuxo corpo foi fondeado e desaparecido no mar das Cies.

 

Violábase como materialización da humillación da derrotada pero tamén como demostración do poder que os homes exercían sobre as mulleres

 

A grande maioría das informacións sobre as violacións das demócratas chegáronos a través das fontes orais, correlato lóxico do carácter paralegal desta tipoloxía represiva; porén, a propia a documentación xerada polo franquismo fornécenos dados sobre o tema. Nun recente traballo publicado no volume colectivo Os nomes do terror, editado por Sermos Galiza, recupérase dun consello de guerra diversa documentación que certifica estas prácticas por parte dos falanxistas na comarca de Sarria. Así nun informe da propia Falanxe afirmase que “a otros los llevaban a la carcel y para que pudieran verlos sus familiares, precisaban obtener de ellos unos volantes de autorización para el Jefe de la Cárcel, habiendo explotado también estas autorizaciones, cuya obtención dio lugar incluso a violaciones de esposas e hijas de los detenidos y como precio para la obtención de la libertad”. Na mesma liña, e noutro documento recollido nesa mesma causa, neste caso elaborado pola Jefatura Nacional de Seguridad do Goberno de Burgos, en relación coa actuación dos falanxistas de Sarria sinalaba que “se hicieron toda clase de violaciones con mujeres que no tenían más delito que el de gustar fisicamente a sus propios inmoladores”.

 

Nun recente traballo publicado no volume colectivo Os nomes do terror, editado por Sermos Galiza, recupérase dun consello de guerra diversa documentación que certifica estas prácticas por parte dos falanxistas na comarca de Sarria

 

As violacións foron unha práctica represiva moi estendida, cun alcance que supera de longo a atención que mereceu o tema no plano historiográfico. Actuacións semellantes as que vimos de sinalar para o caso da comarca de Sarria, atopámolas en informacións orais recollidas para o caso de compañeiras e fillas con familiares retidos nos campos de concentración de San Simón ou das Figueiras, no concello estremeiro de Castropol. Aínda así, como teñen documentado os investigadores de Nomes e Voces Domínguez Almansa, Gustavo Herbella, Antonio Somoza e Lourenzo Fernández Prieto, as violacións permaneceron moito máis agochadas que outras prácticas represivas nas testemuñas das propias vítimas. O silencio destas, tanto no espazo público como privado, ou a falla de vontade por transmitir estes feitos no propio ámbito familiar é consecuencia directa do patriarcado, que operou como un bozo para as vítimas e como un pano para excluír esta realidade do relato sobre a represión. 

 



x