Un home, un lugar, un poeta: José B. Casás

Un home, un lugar, un poeta: José B. Casás
Estación de José B. Casás, na actualidade en estado de abandono.
Estación de José B. Casás, na actualidade en estado de abandono.  

A presenza galega en Buenos Aires na segunda metade do século XIX era moi numerosa. Tanto que, xa no final do XVIII,  o franciscano P. Castro considera que a colonia galega era tan importante  que constituían  "la mayor y más poderosa nación" para a seguir facer fincapé, algo estrañado, na solidariedade que entre eles se daba, cousa que non tería acontecido, di, na Galiza: "lo que regularmente no pasa en España pasa aquí, pues se hermanan y ayudan valientemente unos a otros, amparándose mutuamente y poniendo su caudal a los que vienen de allá" . 


Mostra deste amparo mutuo son as máis de 200 entidades galegas que podemos encontrar na Arxentina, a primeira fundada en 1790. Non corresponde aquí entrar nas causa de tanta saída cara á ultramar, causas que tanto peso teñen na obra de Rosalía, mais a presenza en cidades como A Coruña de emigrantes que embarcaban era tan visíbel que mesmo a prensa se fai eco.

"Son tantas las persoans que estos días emigran para las Américas que no se ven más que grupos de veinte o treinta por las calles de La Coruña. Los soportales del gobierno civil están ocupados por estas pobres gentes, víctimas de la miseria", escrebe Gaceta de Galicia en 1884 e aínda en 1887: "Dicen de las ciudades de la costa que continúa la emigración en proporciones tan desconsoladoras como no se recuerda en ninguna época de nuestra historia. La noticia no nos sorprende  porque en muchas localidades reina la miseria más espantosa".

Un lugar chamado José Benito Casás 

José Benito Casás é unha pequena localidade ubicada a 62 km, da cidade de Carmen de Patagones, 30 km da localidade de Stroeder e 12 km. de Los Pocitos e, até o ano 2012, a única localidade do distrito que non posúe data de fundación certa. Daí que a corporación municipal reclame que persoal do museo histórico Emma Nozzi pesquise nos arquivos locais e provinciais para tratar de documentar o establecemento dos primeiros poboadores. E non achando un acto documental con data certa de fundación, mais si un documento con data 11 de xullo de 1922 mediante o cal o señor José Benito Casás cede as terras onde actualmente se encontra a estación dos camiños de ferro, proponse que os veciños elixan entre o 11 de xullo e o 8 de setembro, Día  da  Agricultura  e do Produtor Agropecuario, saíndo elixida esta data por considerar que  precisamente foi a agricultura  a  actividade económica da que naceu a localidade.

E desde o 16 de maio de 2012, con rango de ordenanza municipal de 2014,  esta localidade xa ten partida de nacemento. O que non ten é camiño de ferro e a estación está fechada desde 2011 por razóns de seguranza nas liñas.

Un pontevedrés chamado José Benito Casás 

Froito desa grande etapa migratoria de que falamos son as entidades asociativas que hoxe coñecemos, ao principio de carácter asistencial mais que pouco a pouco van adquirindo comportamentos que implicaban posturas políticas. Xornalistas, escritores e elites económicas na procura do ascenso social interveñen na creción destas sociedades.

Foto%20estación%20J.%20B.%20CasasUnha destas persoas é José B. Casás, definido nos xornais galegos como “pontevedrés que tanto se distingue por el amor a su país”.  Naceu en Pontevedra en 1851 e morreu en 1930 en Buenos Aires, aonde chegara cara a 1872.Desde 1879 o seu nome aparece moi asiduamente na prensa ligado a actividades e a sociedades de carácter benéfico e mutual en América. 

Na súa necrolóxica, Vida Gallega, 10 de setembro de 1930, fala del como unha persoa dotada de espírito “laborioso y enérgico y de grandes iniciativas y trabajador infatigable, llegó a ser uno de los grandes ganaderos del país. Fué el señor Casás presidente de la Asociación Española de Socorros Mutuos en varios períodos y tuvo también destacada actuación ... en el Banco de la provincia de Buenos Aires donde desempeñó el cargo de síndico desde la fundación del mismo hasta hace pocas semanas” .

Tamén estivo vencellado ao Centro Gallego de Buenos Aires. Esta vinculación ao Centro arranca do mesmo momento da súa fundación pois aparece como secretario en maio de 1879, mes en que realmente se fundou e comezou as actividades este primeiro Centro Gallego de Buenos Aires. Nese acto fundacional, no que houbo intervencións musicais, unha conferencia para conmemorar o 70 aniversario da batalla da Ponte San Paio, feito “memorábel nos fastos da historia de Galiza” acontecido o 8 de xuño de 1809, e recitado de composicións laudatorias dos heroes da Ponte San Paio e de Galiza, o único texto en galego que se leu foi o poema Aos defensores da Ponte San Paio, asinado por José B. Casás. 

No mesmo ano de 1879 aparece entre os patrocinadores de La Ilustración Gallega y Asturiana e El Eco de Galicia de 20 de maio de 1897 recólleo entre os asistentes á reunión que se celebrou para “tratar de que se dedique un recuerdo a la memoria de Rosalía Castro de Murguía en el 12 aniversario de su muerte”.

O naufraxio do Flor de María

Foi moita a presenza de Casás, ou das entidades que representaba, en Pontevedra. Nesta localidade, dispuña de mansión, a chamada Finca La Argentina, que debeu visitar regularmente e onde tiña amizades importantes no campo político e cultural. En 1923, escribe unha carta a Diario de Pontevedra na que manifesta a súa alegría pola reelección de Eduardo Vicenti Reguera como deputado dicindo que se el estivese por aquí sería sen dúbida axente político de Vicenti.

prensa_0253Cualificado habitualmente pola prensa pontevedresa como filántropo, mantivo unha liña constante de doazóns a entidades benéficas ou en sucesos que causaron profunda conmoción. Un deses foi no ano 1900 en que entregou 2.000 pts para os náufragos da lancha Flor de María, de Marín. O naufraxio acontecera ao solpor da segunda feira tres de xuño de 1899, á altura da illa de Ons. Un forte refacho de vento do norte fixo naufragar a lancha na que ían 13 mariñeiros.  Conta a prensa que o patrón e nove mariñeiros máis lanzáronse ao mar tentando alcanzar terra. Mais foron desaparecendo un tras outro tragados polo mar. Os outros tres, que non sabían nadar, agarráronse á quilla da lancha até que o capelán de Ons, que os viu sobre a quilla nunha situación desesperada, se achegou e, con grande traballo, recolleunos e levounos a unha praia da illa onde foron embarcados nun vapor que acababa de prestar servizo no faro, o “ Riotesa”, que os trasladou a Marín.

En agosto de 1906 está de visita en Pontevedra, facendo doazóns á súa partida por valor de 1500 pts nunha liña que se mantén até a súa morte e que permite a prensa da época falar de “acaudalado filántropo”.

Un escritor chamado José Benito Casás

Ignoro se José B. Casás escrebeu máis textos en galego que o que vai a seguir. Ignoro tamén se é o primeiro texto escrito, e publicado, en galego na emigración bonaerense. Mais paga a pena  lembrar este texto pois o acontecemento que se toma como pretexto, a guerra, supuxo tamén na Galiza, un revulsivo para o galego reaparecer como lingua escrita.

Aos defensores da Ponte San Paio
Episodio da guerra da independencia 8 de xuño de 1879


Daquel día memorabre,
fai hoxe setenta anos,
en que os valentes gallegos
alí na Ponte San Paio,
deron á patria victoria
contras os franceses, loitando
pola sua independencia.
Contra o invasor ousado;
mulleres homes e nenos
todos foron bos soldados;
Uns con crabina ou sable,
outros con fungueiro, ou sacho;
matar franceses querían
ou no río alí afogalos;
morrer na loita primeiro
antes que quedar escravos.
....................................
Ananeceu aquel día
en bretemas embozado;
dun lado dez mil gallego
si valentes, mal armados;
do outro dez mil franceses
que de batalla en mil campos
victoria sempre lograran;
mais alía á liberdade
non daba forza os seus brazos
que nunca trunfar puderon
contra os libres os tiranos.
Trabouse a batalla fera;
o regueiro de San Paio
roxas ondiñas levaba
e o aire membros humanos;
camposanto as veigas eran,
eran túmulos os valos
dos que por honra da patria,
pelearon como bravos,
e morreron por ser libres
pola victoria arrolados.
.......................................
..........................................
Deixemos cair as bágoas
ante un recordo tan santo;
choremos os que morreron
Por Galicia peleando,
e aquel exemplo glorioso
gardémolo venerado:
Loor eterno os valentes
que venceron en San Paio!

Buenos Aires, 8 de xuño de 1879
José B. Casás

 

Nas fotos interiores estación de Cardenal Cagliero, irmá xémea de José B. Casás, e páxina de Vida Gallega que mostra os presidentes galegos da Sociedade Española de Socorros Mutuos (o 4º, de arriba para baixo é Casás)



x