O imperio da roubacha tras o golpe militar: o caso de Tabeirós-Montes

O imperio da roubacha tras o golpe militar: o caso de Tabeirós-Montes
[Imaxe: cedida] Manuel Castro Pena e Manuel García Barros, xuntos abaixo e á esquerda, serán vitimario e vítima, respectivamente, tras o golpe militar
[Imaxe: cedida] Manuel Castro Pena e Manuel García Barros, xuntos abaixo e á esquerda, serán vitimario e vítima, respectivamente, tras o golpe militar  

Entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937, a bisbarra de Tabeirós- Montes foi escenario dunha sistemática morea de asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios de antigos esquerdistas, cuxo planeamento apunta a mandos provinciais e locais da Falange. Bota luz sobre estes feitos o historiador Dionisio Pereira.


É sabido que a represión económica, pola que persoas desafectas ao novo réxime faccioso pagaban o seu desleixo co patrimonio, regulamentouse co Decreto-Lei do 10/1/37 polo que se creou unha “Comisión Central Administrativa de Bienes Incautados por el Estado”, encargada de incoar a nivel provincial os “Expedientes de Responsabilidades Civiles” que adoito remataron en multas ou expropiacións. Antes, confiscados xa os bens dos colectivos afectos á Fronte Popular por outro Decreto datado o 13/9/36, na Galiza o que imperou maiormente foi a ladroeira pola brava: co movemento consolidado, asaltos a domicilios e negocios nos que tiñan lugar roubos de pertenzas persoais ou ferramentas de traballo, estiveron á orde do día; tamén as multas impostas de xeito masivo por todo tipo de “autoridades” e por calquera motivo, amosaron unha alta eficacia na socialización do castigo.

 

Daquela, entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937, a bisbarra de Tabeirós- Montes foi escenario dunha sistemática morea de asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios de antigos esquerdistas, cuxo planeamento apunta a mandos provinciais e locais da Falange. Diante do silencio dunha veciñanza atemorizada polos asasinatos cometidos na contorna, foi o xuíz de instrución da Estrada Fermín Bouza Brey quen desenguedellou o novelo nun sumario aberto o 1.12.36, días despois de se producir perto de Codeseda o derradeiro asalto, desta volta na casa dun antigo apoderado das dereitas. Así, o ideario afín á “Santa Causa” da vítima deu pé a Bouza para investigar e, ao cabo, focalizar a responsabilidade das agresións en dúas persoas, o xefe provincial de FE Manuel Castro Pena e o seu enlace Ramón Bao Lagares, antes de pasar a instrución aos O imperio da roubacha tras o golpe militar: o caso de Tabeirós-Montes tribunais militares. A fin de contas, a información da Causa 8/37 permite albiscar tanto a fosca metodoloxía das represalias, como formular a pregunta de se aquela puido ser aplicada polo país adiante. Velaí, en síntese, o “modus operandi”.

 

A desfeita comeza mediado agosto, cando o estradense Castro Pena convocou unha xuntanza de xefes locais da contorna (A Estrada, A Consolación, Cuntis, Cerdedo…) co obxectivo de recadar 1,5 millóns de pts. para, seica, rescatar a José Antonio e devolver uns préstamos. Aos poucos, confórmanse as partidas encargadas das requisas con milicianos do cuartel de FE da Consolación (Tabeirós) e tamén da escolta do xefe provincial: o referido Bao, matón de pésimos antecedentes aveciñado en Quireza (Cerdedo), Constantino Alonso, sarxento de Regulares natural de Castro (Cerdedo), Ricardo Menéndez “O Cubano”, implicado en varios asasinatos e secuestros en Bouzas, o xefe de milicias da Consolación Alfonso Castro Pena, o xefe local de FE de Tabeirós Pelayo Bergueiro…. Tras eles, un fato de falanxistas, algúns moi novos.

 

As requisas, realizadas tras ordes verbais de Castro Pena con violencia e nocturnidade, durarán máis de 4 meses (o mestre galeguista Manuel García Barros, foi unha das vítimas) e terán como centros loxísticos os cuarteis da Consolación e da Estrada, así como a taberna-cheka do Outeiro (Quireza) rexentada polos falanxistas Rogelio Gamallo e Paulina Bugallo. Nesta, moitos veciños incluídos en listas negras elaboradas por Bao, foron extorsionados baixo ameazas e malleiras para que entregaran fortes sumas de diñeiro, contando coa anuencia do crego e do concurso dos pedáneos. Mesmo se utilizou un documento apócrifo do General Cabanellas para xustificar as multas. Non foi a única lista de “roxos” que circulou naquela altura, pois o crego da Madalena (Soutelo de Montes) Aquilino López Picón, ideou outra de varóns esquerdistas comprendidos entre 18 e 40 anos, para envialos á fronte a cargo da Falange. Para iso contou cos padróns aportados polos párrocos de Castro, Tomonde e Quireza; logo, eliminábanse da listaxe aqueles que efectuaran o pago de certas cantidades, que Bao se encargaría de cobrar.

 

Como quedou dito, tras a intervención de Bouza, a trama ficou ao descuberto e, no albor de 1937, o “Delegado Territorial de 2ª Línea de Falange”, Raúl Boo, iniciou un inquérito interno que ratificou o sumario e provocou a expulsión de Castro Pena, Bao, Alonso e outros da FE, así como a supresión da xefatura de Tabeirós. Mais a Causa 8/37, instruída contra unha trintena de falanxistas, ficou na gabeta en abril de 1938, xa que o Auditor de Guerra Martín Barbadillo só enxergou exceso de celo nos dirixentes e obediencia debida nos milicianos; todos eles, saíron á rúa tras poucos meses de cadea. Do diñeiro incautado, nunca máis se soubo; os delitos, pois, ficaron impunes. Unha impunidade que, insistimos, perdura mercé á Lei de Amnistía de 1977.

 

[Esta información foi publicada no A FONDO "Os nomes da represión", publicado co Sermos Galiza 208, á venda na loxa]



x