Impunidade e represión fascista nas terras da Mariña luguesa

Impunidade e represión fascista nas terras da Mariña luguesa
Fascistas desfilando por Mondoñedo. 
Foto de Nomes e Voces
Fascistas desfilando por Mondoñedo. Foto de Nomes e Voces  

Dende a declaración do estado de guerra e o conseguinte levantamento militar contra a República, os golpistas e os seus partidarios comezaron unha implacable persecución e depuración de todas aquelas persoas consideradas desafectas ao movemento sedicioso. Coa constitución da denominada Junta de Defensa Nacional, os novos órganos de Xustiza pasaron a depender da mesma, asumindo todos os poderes e afectando directamente aos tribunais de Xustiza Ordinaria. Estes perderon a maioría das súas atribucións a prol da Xustiza Militar, que asumiu en exclusiva a xurisdición de guerra para xulgar todos os opositores e destruír o poder político e social democraticamente establecido nos territorios onde trunfaron os insurrectos. Tal foi o caso de Galiza, e en particular na Mariña luguesa, onde os novos gobernantes a fin de asegurar o dominio sobre unha ampla maioría democrá- tica e de esquerdas decidiron aplicar o terror como método para rematar calquera tipo de oposición. Coñecidas resultan as instrucións de Mola ou de Queipo de Llano “o carniceiro de Sevilla”, recorrendo reiteradamente ao uso da violencia, ás persecucións indiscriminadas, ás detencións arbitrarias, ás execucións sumarísimas e aos “paseos” dos adversarios políticos. Tan só na provincia de Lugo, calcúlase que no período comprendido entre 1936 e 1940, a represión franquista deixou un total de 8.300 posibles vítimas, sen contar a loita guerrilleira.

 

No caso concreto da Mariña luguesa, onde houbo unha forte resistencia contra os elementos fascistas, especialmente en Viveiro, Ribadeo e A Pontenova, poboacións que contaban con importantes continxentes proletarios, a represión acadou uns índices verdadeiramente arrepiantes debido á amplitude de mortes, torturas, purgas, detencións, incautacións de bens, multas, humillacións e castigos de todo tipo impostos aos seguidores da legalidade republicana.

 

Ademais dos militares, na retagarda, xogaron un rol determinante as forzas falanxistas que aplicaron a sangue e lume a coñecida máxima joseantoniana da dialéctica de los puños y las pistolas. Deste xeito foron executados, amparados sempre na máis grande impunidade, moitas das persoas que, pertencendo a sindicatos, partidos frentepopulistas, ou cárregos públicos republicanos non puideran ser finalmente encausados nas farsas xurídicas dos procesos militares, debido á absoluta falta de probas acusatorias. Así, foron asasinados, en Viveiro, o comandante de Mariña Carlos Morris Serrano, o Vista de Alfándegas Luís Sánchez Mendezona, o sindicalista Andrés Vale Blanco, o concellal Luis García Blanco e os obreiros J. Mª Almoina, Domingo Galán e José Vidal Urrutia. Outro tanto pasou en Ribadeo e A Pontenova onde foron paseados Santiago Fariñas, Marcelino Álvarez, Florentino Carballo, Bruno Martínez, Antonio Mª Martínez, José Antonio Díaz, Enrique Navarret, Jesús Longarela, José Torviso, César Margolles e o ex-gobernador e deputado José María Díaz Villaamil.

 

Debido ao paso do tempo e aos silencios obrigados, resulta moi difícil coñecer os nomes dos autores materiais de tales atrocidades, aínda que no maxín popular sempre ficou a imaxe do famoso “coche da morte” ou do “Caranguexo” co que actuaban os falanxistas da zona. Grazas ao artigo intitulado La Gesta de Ribadeo, publicado no número 8 do quincenario Nova Galicia, editado en Barcelona (1-8-1937), dispoñemos da seguinte testemuña:

 

“Ladinamente, los jefes locales, un abogado apodado “Condín”, el portugués Neira, Leonardo Cuervo Cortés(a) “Tito” –fraile perjuro-, un hermano suyo llamado Rafael, médico; el secretario de Falange, Manuel Cortés, su hijo Pepe, y el cura de Rivadeo Enrique López Galuá, organizaron las matanzas extraoficiales. Disponían de un automóvil que la gente llamaba el “Centollo”, que, ocupado por parte de los nombrados y por un quinteto de pistoleros, se dedicaban a recoger detenidos en la cárcel del pueblo que marchaban sin rumbo conocido. Horas más tarde, horriblemente mutilados, acribillados a tiros, se los encontraba, en las carreteras y caminos, siempre a 1 kilómetro escaso de Ribadeo”.

 

Os asasinatos cometíanse case sempre polas noites, non só para conquerir un maior grao de impunidade, senón tamén para atemorizar máis a xente. Unha vez perpetrado o crime, era usual deixar a vítima abatida nun lugar moi visible e transitado para que servise de escarnio e advertencia.

 

Carlos Nuevo Cal é historiador, cronista oficial de Viveiro e investigador da represión nas comarcas da Mariña e Lugo.

Publicado no AFondo 'Os nomes da represión, co Sermos Galiza nº208. Agosto de 2016



x