JUSTO G. BERAMENDI / HISTORIADOR

“As Irmandades da Fala modificaron a dinámica política galega”

“As Irmandades da Fala modificaron a dinámica política galega”
O historiador Justo Beramendi. Foto: AELG.
O historiador Justo Beramendi. Foto: AELG.  

Repensar Galicia. As Irmandades da Fala é o título do volume colectivo, coordinado por Uxío-Breogán Diéguez, Carme Fernández, Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo e Justo Beramendi que recolle as achegas ao simposio do mesmo nome organizado en novembro de 2016 polo Museo do Pobo Galego, a revista Murguía, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) coa colaboración da Xunta.


Sermos Galiza disponibiliza agora os vídeos que rexistraron as intervencións nas xornadas. O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941) explica con concisión o papel fundamental das Irmandades da Fala para a Galiza contemporánea.

 

-Cal é a importancia histórica das Irmandades da Fala?

 

-É altísima. Por suposto foron moi importantes para a articulación do galeguismo político. E para o salto do rexionalismo a un nacionalismo pleno e moderno. Ademais, contribuíron a que se xerase en Galiza un espazo sociopolítico diferenciado e a apontoar un segundo Rexurdimento, coa consolidación da lingua e a literatura galegas.

 

-A súa influencia excedeu o campo galeguista?

 

-Aínda que o desenvolvemento do nacionalismo foi lento, ou non tan vizoso coma o vasco ou o catalán, aquí foi decisivo para a historia de Galiza. As Irmandades modificaron cualitativamente a dinámica política galega. Sen elas non se entende, por exemplo, a aprobación do Estatuto na II República.

repensar_galicia_as_irmandades_da_fala

 

-En 2016 fixo un século da fundación das Irmandades. Esa efeméride serviu para divulgar o seu legado?

 

-Non o sei, habería que facer unha sondaxe sociolóxica para sabelo. Eu non son quen de dicir se este bo esforozo que se fixo desde diversos ámbitos chegou á sociedade [ri].

 

-Pregúntolle pola súa propia impresión.

 

-Algo si que se conseguiu, claro. Mais, como sempre nestes casos, non sei se abondo.

 

-Houbo achegas investigadoras salientábeis?

 

-Eu creo que si. Neste libro [refírese a Repensar Galicia. As Irmandades da Fala] e noutros, como o que publicou a Universidade da Coruña [As Irmandades da Fala, cen anos despois] ou, xa individuais, o de Emilio Ínsua [A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)]. O coñecemento sobre as Irmandades era amplo, pero co centenario completouse.

 

-En que sentido?

 

-A súa acción polítca estaba ben estudado, mais afondouse nas súas dimensións artística, lingüística, científica, etcétera.

 

-Que falta por saber das Irmandades?

 

-En historia nunca se acaba, aínda que coa Irmandades eu creo que xa está cuberto 80% do terreo. O que falta son cousas menores. Pero outra cousa é que este traballo chegue á xente.



x