Laracha xa non ten Plaza del Generalísimo mais mantén a Rúa Almirante Carrero Blanco

Laracha xa non ten Plaza del Generalísimo mais mantén a Rúa Almirante Carrero Blanco

BNG insta o goberno local do PP a asumir a lei de memoria histórica e modificar do nome desa rúa de Caión 


Hai dous anos o goberno local de Laracha (Partido Popular) abrira a porta a tirar do rueiro nomes de personaxes ligados á ditadura franquista. Era necesario nomear diversas rúas nos núcleos urbanos de Caión, Paiosaco e A Laracha e aproveitando a oportunidade, podíase variar o nome daqueles espazos urbanos que aínda levaban nomes ligados ao rexime franquista. “Naquel momento tanto os grupos políticos como algúns veciños achegaron propostas de nomes para esas rúas”, explican desde o BNG de Laracha

De feito, mudouse o nome de Praza do Generalísimo por Praza do Concello. Mais o nome de Carrero Blanco continúa a presidir unha das rúas principais de Caión, levando o nome así do militar e político franquista. “Desde o BNG levamos anos denunciando o feito de termos un goberno reticente a deixar de homenaxear os ditadores". Lembran que se van cumprir dez anos da aprobación da lei de memoria histórica (o 26 de decembro de 2007), que especifica no seu artigo 15 que “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, adoptarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”.

Os nacionalistas inciden en que manterán a revivindicación de tirar “do noso rueiro os nomes dos represores. Seguiremos defendendo que a quen hai que honrar é ás vítimas e non os verdugos”.



x