O “legalismo” dos militares sublevados

O “legalismo” dos militares sublevados
Fusilamentos no Campo da
Rata da Coruña en outubro de 1936
Fusilamentos no Campo da Rata da Coruña en outubro de 1936  

Os golpistas de xullo do 1936 desenvolveron de xeito planificado unha durísima represión contra as “cabezas” locais institucionais (militares fieis ao goberno, gobernadores, deputados, alcaldes, concelleiros, secretarios de concellos, xefes de correos…) e sociais (mestres, médicos, sindicalistas…). Con elas caeron tantas outras persoas do común que, sinxelamente, exerceran as liberdades democráticas que lles abrira a Segunda República.

 

Os sublevados basearon as súas primeiras actuacións para a toma do poder en Bandos de declaración do Estado de Guerra rematados con vivas á República, redactados segundo o articulado do “Código de Justicia Militar” de 1890. O goberno republicano deixara en 1931 parcialmente en suspenso e pendentes de reelaboración varios capítulos dese Código, de xeito que a súa íntegra recuperación e inmediata aplicación era tan ilexítima como usar desa mesma lexislación contra quen defenderan a legalidade, pois a declaración do estado de guerra era competencia exclusiva do poder executivo (art. 76 da Constitución da República), e non dos militares, estes, en democracia, sempre supeditados ao poder civil. En aplicación dese bando ordenaron centos de fusilamentos sen formación de causa.

Acae aos militares sublevados a responsabilidade da represión paralegal

Os xenerais da “Junta de Defensa” rebelde consideraron definitivamente o 28 de xullo de 1936 que “El ejército actúa bajo el régimen de los Bandos declaratorios del estado de guerra, quedando rota, en consecuencia, la anterior Ordenación Jurídica, asumiendo todos los poderes del estado la justicia armada”, pondo baixo a súa xurisdición “todos los hechos delictivos de origen o fin político o social, especificamente los de rebelión, adhesión a la rebelión, auxilio a la rebelión, resistencia, sedición, desobediencia”, é dicir, todas as transgresións das leis que os xulgadores cometeran sublevándose.

 

Vixente tal excepcional normativa de guerra, os rebeldes elaboraron con rapidez normas para ”la reconstrucción del orden y de la disciplina”, recollidas, entre outros, no decreto nº 79 do 31 de agosto do 1936, polo que todos os procedementos das xurisdicións militares “Se instruirán por los trámites de juicio sumarísimo que se establecen en el título 19º del Código de Justicia Militar, y título 17º de la Ley de Enjuiciamiento Militar de la Marina de Guerra”. Continuaron regulando decreto tras decreto ata o nº 108 de setembro, que ilegalizaba partidos e organizacións republicanas con incautación dos seus bens. Cun decreto do 1 de novembro derrogaron todas as disposicións legais que non emanaran deles e o do 10 de xaneiro do 1937 estaba redactado contra “quien por acción u omisión” tiveran apoiado á Fronte Popular ou “que se hayan opuesto o se opongan al Movimiento Nacional con actos concretos o por pasividad”, con extensión a todos os maiores de catorce anos e aplicable con efectos retroactivos a actitudes e actividades sindicais ou políticas que eran legais cando se produciran, é dicir, de abril de 1931 ata a sublevación de xullo do 1936.

 

Finalmente, tamén acae a eses mesmos militares sublevados toda a responsabilidade ética e xurídica da represión paralegal, dos actos bárbaros exercidos polos facciosos civís, a quen, segundo as directrices do golpista xeneral Mola o 18 de xullo, deran liberdade para “eliminar sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros”.

 

O coñecemento verídico do que aconteceu é a mellor homenaxe que podemos facer ás vítimas do franquismo.

 

Bernardo Máiz Vázquez é catedrático de Historia e pioneiro na investigación da II República e do Franquismo en Galiza.

Publicado no AFondo 'Os nomes da represión, co Sermos Galiza nº208. Agosto de 2016



x