AXENDA DO DÍA DA GALIZA MÁRTIR

Lembranza e homenaxe a Bóveda no 81 aniversario do seu fusilamento

Lembranza e homenaxe a Bóveda no 81 aniversario do seu fusilamento
Alexandre Bóveda
Alexandre Bóveda  

Con motivo do Día da Galiza Mártir, diversos actos renderán homenaxe a Alexandre Bóveda, asasinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936.


Como cada ano, con motivo do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, diversos actos lembrarán a figura e pensamento de Alexandre Bóveda na data do seu fusilamento polos fascistas.

 

O primeiro acto da xornada terá lugar nas Escaleiras de San Francisco, en Pontevedra, ás 12:00 horas, organizado por En Marea, que desenvolverá un acto político en que intervirán Luís Rei, edil da Marea en Pontevedra, Carlos Aymerich, a deputada de En Marea Ánxeles Cuña e o portavoz da formación, Luís Villares.

 

Ás 13 horas, na Caeira (Poio) decorrerá a homenaxe institucional por parte da Fundación Alexandre Bóveda e do Concello de Poio a Alexandre Bóveda e todas as persoas represaliadas polo franquismo. Un acto que contará coas intervencións de Lidia Salgueiro, concelleira de Cultura, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, filla de Bóveda, e Luciano Sobral, alcalde de Poio.

 

Por volta das 14.30h, farase entrega do XII Premio da Galiza Mártir, que nesta ocasión recae no profesor e historiador Xosé Estévez. O acto decorrerá no transcurso do xantar popular que vai realizarse no Parque da Memoria. Xa pola tarde, no cemiterio de San Amaro, terá lugar unha misa na memoria de Bóveda, e posteriormente un acto cívico en que intervirá Fernando Souto (Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña), ademais Xosé Estévez recibirá o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.

 

Aliás, Galiza Nova organiza o xantar do Día da Galiza Mártir tamén ás 14.30h na Taberna Saudade e, posteriormente, ao redor das 17.30h, fará o roteiro Xoán Manuel Pintos por Pontevedra.

 

Ao serán, contra as 20.30 fechará a xornada o tradicional acto político organizado polo BNG na Praza Curros Enríquez de Pontevedra baixo a escultura que lembra o nacionalista fusilado. Un acto en que intervirán a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón e o responsábel comarcal da organización nacionalista, Demetrio Gómez.



x