Lis Quivén e a obscena impunidade

Lis Quivén e a obscena impunidade
Lis Quivén
Lis Quivén  

Perfil dun vitimario non illado


Amalia un día conta a súa nai que se lle achegou o veciño da súa casa de Poio mentres xogaba na beirarrúa e lle pregunta se ela era a filla de Bóveda, desde aquela non a deixou saír máis. O veciño era Lis Quivén.

 

Relatounos Sabino Torres como ao lle preguntar a seu pai estrañado porque lle publicara o libro “La medicina popular en Galicia” no 1949, este confesoulle que lle debía a vida; entendemos entón tamén por que Fermín Bouza Brey lle fixo o prólogo logo de saber das negociacións e xestións naqueles días mouros para salvar seu pai e irmán, e todas as persoas que puido.

 

Xosé Álvarez fainos un retrato exhaustivo no seu blog “Pontevedra nos anos do medo” concluíndo: “Odiado polas vítimas, repudiado polos seus correlixionarios, a súa figura solitaria no antigo Cafetín da Alameda é lembrada por moitos pontevedreses”.

Vítor Lis paseábase polas rúas da cidade do Lérez e polos imaxinarios da represión en Galiza como o prototipo de vitimario, ao que nos gosta crer que acabou infeliz e só rodeado dunha atmosfera de temor e amizades obrigadas

Vítor Lis paseábase polas rúas da cidade do Lérez e polos imaxinarios da represión en Galiza como o prototipo de vitimario, ao que nos gosta crer que acabou infeliz e só rodeado dunha atmosfera de temor e amizades obrigadas, que quizais nos leve ao erro de despachalo como anomalía ou espurio ao propio réxime. Mais pouco a pouco fomos sabendo do caso de Alberte Martínez Tiscar.

 

O primeiro libro que dou conta da represión, tras do cal intuímos a pluma de Luís Seoane, La Galice sous la botte de Franco no 1938, xa denunciaba este episodio de terror: “A pobre muller non volveu ter noticias do seu home. Non hai xa ningunha dúbida de que foi asasinado. E o cadáver non apareceu”.

 

Evaristo A. Mosquera achegounos máis contexto cando dá noticias na súa obra do caso do irmán desta vítima, inicialmente partidario da “nova situación”, que chegou a dicirlle: viches o que lle pasou a Bóveda, o mesmo vaiche pasar a ti. E que logo do asasinato de Alberte cambiará radicalmente até tal punto que se dedicou a “percorrer os cárceres, xustificándose ante os prohomes de esquerda detidos, a quen case lles pedía perdón polo seu pasado”. Tamén pode de ser de interese a razón que atribúen a causa deste paseo: “un antigo pucheirazo electoral”.

 

O caso é que nas fantasías populares que ocupaban o espazo baleiro da falla de información quedaba fixada a idea deste paseo a unha persoa que non era de esquerdas, senón todo o contrario, atribuíndoo á falanxe como xente que ía por libre, e aventurando que a explicación a non aparición do cadáver é que este se atopa no fondo do mar. Por iso me sorprendeu cando un parente dos Tiscar me chama ao coñecer as miñas pescudas nos arquivos militares e me pide, se puidese, indagar sobre o seu familiar. Eu xa lle anticipo que dificilmente pode atoparse algo cando esta documentación dá conta da represión formal e “legal”, e tampouco sabería como buscar. Porén, de súpeto, topo coa causa 440/1940 co nome Alberto Martínez Tiscar.

 

Esta causa é incoada a instancia do seu irmán Felix, e é apoiada por este na folla de servizos que presenta a favor do golpe. Mais nela queda demostrada que Alberte foi sacado da súa casa o 5 de setembro do 36 pola Garda Civil co visto bo do Gobernador Civil Macarrón Piúdo, e non por ningún corpo paramilitar ou informal. Queda probada que a orixe desta orde está no propio Vítor Lis Quivén (“de este que no quede ni rastro”), topamos a confesión dos que obedeceron dita orde da execución en Bueu e o ter botado o seu corpo á ría. E aínda así a sentenza inicial poñía literalmente: “Que no resulta debidamente justificada la perpetración de delito alguno”. Diante de semellante aberración alguén corrixe a lapis: “Que [aún cuando] resulta debidamente justificada la perpetración del delito… [no puede concretarse responsabilidades a exigir contra persona determinada”. En calquera caso o resultado é o mesmo, o sobresemento da causa.

 

Esta documentación acredita a complicidade de todo o sistema xurídico-político do franquismo nos crimes e na súa legalización, e deixa en evidencia que Vítor Lis non era un asasino illado e abandonado polo favor oficial.

 

En definitiva, sobre estas bases xurí- dicas e morais é sobre as que se construíu o actual réxime que ten a gala ser evolución pacífica e lóxica do anterior.

 

Xoán Carlos Garrido é profesor de filosofía e investigador da represión nas comarcas de Pontevedra.

Publicado no AFondo 'Os nomes da represión, co Sermos Galiza nº208. Agosto de 2016



x