DEBATE EN LA SEXTA NOCHE

Luís Bará pide cambios na lei para que Meirás sexa devolto ao pobo galego

Luís Bará pide cambios na lei para que Meirás sexa devolto ao pobo galego
Luís Bará participou desde Pontevedra no progama "La Sexta Noche".
Luís Bará participou desde Pontevedra no progama "La Sexta Noche".  

“Nos pensamos que hai que cambiar a lei, e como se fixo con moitas incautacións ilegais que se produciron durante a ditadura franquista, promover a devolución dese ben que foi espoliado, roubado ao pobo galego, e que se converta nun ben público que poida ser gozado libremente”, dixo Luís Bará onte no programa La Sexta Noche no que foi entrevistado en relación á toma simbólica do Pazo de Meirás.


O deputado do BNG no Parlamento galego explicou que os nacionalistas pretenderon facer “unha denuncia pública dunha situación intolerable, que é que a Fundación Franco anunciara a súa intención de utilizar o Pazo de Meirás para facer apoloxía do franquismo, da ditadura, do xenocidio e do terrorismo en definitiva”, e engadiu que é “intolerable que isto suceda a estas alturas e que se faga coa complicidade, coa tolerancia, coa pasividade cómplice do goberno da Xunta do Partido Popular”.


Bará insistiu en que foi “un acto democrático e pacífico de toma do Pazo de Meirás para reivindicar a devolución do Pazo”, e precisou que “nós non pedimos a expropiación nin que se lle pague nada á familia Franco por un ben que foi espoliado, que foi roubado ao pobo galego mediante unha subscrición popular que foi na práctica un imposto revolucionario, mediante unha taxa cobrada aos concellos da provincia da Coruña e, finalmente tamén, mediante a utilización do aparato do Estado de maneira absolutamente corrupta para favorecer os intereses do ditador, para facer obras e melloras no Pazo, para beneficiar polo tanto á familia Franco, que despois foi obxecto tamén no réxime do 78, supostamente democrático, de regalías como a concesión do Señorío de Meirás, un título nobiliario, á viúva do ditador”.


Finalmente, Bará comentou que o BNG está disposto “a asumir todas as responsabilidades desta acción reivindicativa e de denuncia” e, respecto do futuro do espazo, sinalou que este podería ser “utilizado como un lugar de memoria para promover a memoria antifranquista e tamén outros aspectos da cultura galega como poder ser tamén a memoria de Pardo Bazán, que fora propietaria do Pazo”.



x