En Marea pide reformar a lei de memoria histórica para declarar a “nulidade do réxime franquista”

En Marea pide reformar a lei de memoria histórica para declarar a “nulidade do réxime franquista”

As deputadas de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, acompañados polo historiador Bernardo Maíz e presidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ARMH), Fernando Souto Suárez, presentaron na Coruña a Proposición de Lei para a reforma da Lei de Memoria Histórica. "Cubrimos un baleiro lexislativo. A Lei de Memoria Histórica tivo unha eiva de partida, que era que non declaraba a nulidade do réxime franquista, tan só declaraba a ilexitimidade. Isto tivo consecuencias perversas", asegurou Yolanda Díaz.

 

Gómez-Reino resalta que na Lei de Memoria Histórica "falta concreción" polo que "cómpre que haxa mecanismos para que esa norma sexa efectiva e este é o propósito da iniciativa que presentamos". A iniciativa establece que "é unha débeda histórica declarar expresamente a nulidade de pleno dereito das sentenzas e resolucións xudiciais e administrativas ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunais ou órgaos penais ou administrativos durante a ditadura e posibilitar a plena rehabilitación xurídica das vítimas do franquismo coa anulación das sentenzas que as condenaron inxustamente".

 

 

Outro dos eixos fundamentais desta modificación normativa é esixir a responsabilidade do Estado na tarefa de localización e identificación das persoas asasinadas e desaparecidas a partir do 1936. Para iso, indícase no artigo 11 que cada ano dotarase nos Orzamentos Xerais do Estado unha cantidade con esa fin.

 

Na redacción desta Proposición de Lei participou o historiador Bernando Maiz, quen destacou que, no caso de Galiza falta un reconto exhaustivo das vítimas. "Os datos apuntan a que hai 5.000 vítimas mortais, pero os datos máis altos apuntan a 7.000".

 



x