VII XORNADAS

“Memoria dun tempo” recupera as mulleres esquecidas

“Memoria dun tempo” recupera as mulleres esquecidas
Fotograma do documentario de Margarita Ledo
Fotograma do documentario de Margarita Ledo  

Organizadas pola Asociación Nordés, a quinta feira, 24 de agosto, arrancan no concello de Mañón as VII Xornadas Memoria dun tempo, que este ano se centran nas mulleres.


A casa do concello de Mañón acollerá a partir das quinta feira as VII Xornadas "Memoria dun tempo”, organizadas pola Asociación Nordés, que dedica esta edición á muller desde a perspectiva da memoria nun sentido amplo.

 

Así, tal e como informa a entidade, as proxeccións e intervenións previstas amosarán en feminino “a vida e loita baixo o franquismo, como se está a traballar na recuperación da historia das mulleres galegas daquela época, e tamén haberá tempo para coñecer das súas experiencias na emigración”.
 

Na primeira xornada intervirán, ás 20h, Victoria Martíns Rodríguez e Ángel Rodríguez, co relatorio "O compromiso coa igualdade: unha visión de futuro desde a análise do pasado", e a proxección previa do seu documentario Digna Rabia.
 

Na sexta feira será a quenda da xornalista Montse Fajardo Pérez, quen forma parte do
equipo redactor do programa "A memoria das mulleres", promovido polo Concello de Pontevedra, coa conferencia "A memoria das mulleres no relato da represión franquista".
 

O sábado 26, novidade desta edición, terá lugar entre as 11h e as 13h “un espazo de encontro, libre expresión, participación e creatividade, aberto a todo o mundo”, que leva por título "Unha flor pola memoria", no escenario da ponte vella do Barqueiro. Trátase dun acto de “recuperación da memoria e de divulgación da cultura da paz”.

 

Durante a tarde, proxectarase o documentario de Margarita Ledo Apuntamentos para un filme, composto por testemuñas de mulleres galegas emigradas á Arxentina no primeiro terzo do século XX. A continuación, Pilar Cagiao pronunciará o relatorio “Ser muller e ser emigrante: a experiencia das galegas en América Latina".

 

María Manuela e Xurxo Varela fecharán as xornadas.



x