O SÁBADO 13 DE XANEIRO

Mondoñedo homenaxea tres militantes asasinados da Unión Socialista Galega

Mondoñedo homenaxea tres militantes asasinados da Unión Socialista Galega
Un enterro laico en Mondoñedo, en 1936. Foto: cedida.
Un enterro laico en Mondoñedo, en 1936. Foto: cedida.  

A veciñanza de Mondoñedo vén de anunciar unha homenaxe a tres políticos asasinados polo fascismo o 12 de xaneiro de 1938. Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, militantes da efémera Unións Socialista Galega -organización pioneira na síntese de socialismo e galeguismo-, serán obxecto dunha xornada de reivindicación e recoñecemento o sábado 13 de xaneiro.
 


“O obxectivo da homenaxe é restaurar a memoria dun tempo histórico que sistematicamente nos foi negado”, expoñen os promotores do acto nun comunicado remitido á prensa, “recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia de Mondoñedo”. Os organizadores engaden que “a homenaxe chega tarde pero non queremos deixar pasar esta efeméride”.

 

Siervo González Rivas, nado en 1886, foi funcionario municipal e dirixente da Sociedade de Obreiros Católicos, presidente da sección local da CNT e militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega. Encabezou a candidatura desta formación nas eleccións ao Congreso español en 1933 pola provincia de Lugo.

 

A Graciano Paz Amieiro (1893) alcumábano O Latoeiro. Participou das mesmas organizacións ca González Rivas. Manuel Rodríguez Núñez era comerciante e residía na rúa Febreiro, e tamén militaba na CNT, no Partido Sindicalista e na USG.

cartaz mártires mondoñedo Daniel Caxigueiro

O programa do 13 de xaneiro de 2018 comezará ás 12 da maña no parque da Travesía, detrás do cemiterio vello. Alí foron asasinados “polo seu compromiso social e a súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolvido culturalmente e democratiacemento avanzado”. Falarán familiares de Siervo González e Graciano Paz, o cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa e membros de todos os grupos políticos que fan parte da actual corporación municipal (PP, BNG e PSdeG). Haberá música a cargo de César Morán.

 

A comitiva visitará a seguir o propio camposanto para tributar a memoria dos veciños de Ribadeo e Viveiro asasinados en Mondoñedo en setembro do 36. Trátase dos ribadenses Bruno Martínez  Fernández O Barquillero, Antonio Martínez López, Henrique Navarret García e Florencio Carballo Novegil, ademais do líder da CNT de Viveiro André Vale O moreno de Cobas, mortos o día 12 daquel mes. O día 20 será asasinado en Argomoso o veciño de Obe e dirixente do sindicato La Prosperidad Xosé Antonio Díaz Álavarez, o 7 de outubro o tamén ribadense Xesús Longarela e o día 12 de outubro, o dirixente socialista do Marco de Alvare, Benito Folgueira Trashorras.

 

Unha hora despois, unha mesa redonda na Casa da Xuventude -antiga sede da Sociedade de Obreiros Católicos-, abordarán as figuras dos mortos e o seu contexto político social. Falarán Xosé Ramón Ermida e Eliseo Fernández, historiadores que se teñen ocupado das figuras homenaxeadas. Presentará a palestra Fran Bouso. Un xantar porá o ramo dos actos.

 

Para se adherir á homenaxe ou anotarse no xantar -limitado a 50 persoas-, os promotores facilitan o teléfono 605792399 e o enderezo electrónico martiresdemondonhedo@gmail.com.



x