'Os nomes do terror' apreséntase en Betanzos

'Os nomes do terror' apreséntase en Betanzos

A apresentación do volume editado por Sermos Galiza -xa na segunda edición, após o grande suceso da primeira- será esta sexta feira, 29, ás 20h, na libraría Biblos.


A Libraría Biblos de Betanzos acolle esta sexta feira 29 de setembro a apresentación do libro ‘Os nomes do terror. Galiza 1936:os verdugos que nunca existiron’ (Sermos Galiza). Será ás 20:00 horas e participarán o historiador de Betanzos Xesús Torres Regueiro, a directora do semanario Sermos Galiza, María Obelleiro, o coordinador do volume Xoán Carlos Garrido e o coautor do libro Manuel Pazos Gómez. O traballo recolle un extenso estudo sobre a represión franquista e os seus responsábeis en diferentes zonas de Galiza, entre elas, As Mariñas. Achega, por primeira vez, dados sobre algunhas das persoas que participaron nos asasinatos de demócratas nas diversas zonas da provincia da Coruña

 

Segundo sinala o coordinador do volume Xoán Carlos Garrido Couceiro, “até agora contabamos con numerosos estudos sobre as vítimas da represión, pero a realidade dos represores permanecía agochada. Con esta presentación do volume editado por Sermos Galiza queremos sacar á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer. Non hai vítimas sen verdugos. A carón dun venerábel ancián como Bernardo Miño, fusilado após un consello de guerra, ou dun alcalde como Tomás da Torre, executado diante dun pelotón de fusilamento, ou duns obreiros libertarios como Antonio Maceiras e Xosé Edreira, paseados nunha gabia da Reborica en Aranga e cuxos corpos rematarían por ser comidos polas alimañas, atópanse aquelas persoas responsábeis da súa execución, como os paramilitares e falanxistas a sementar o terror pola comarca”.

 

A represión en Betanzos

 

A mecánica represiva non se explica sen ter en conta o papel xogado polos militares, a igrexa, os grupos paramilitares (onde destaca o papel xogado pola Falanxe) e os sectores oligárquicos. Porén a máxima responsabilidade na represión, fose esta legal, a organizada a medio dos Consellos de Guerra, ou a paralegal, a formalizada a través dos “paseos”, foi dirixida e visada polos militares nun proceso perfectamente planificado desde o comezo. A Igrexa destacaría na xustificación ideolóxica da represión, na delación e tamén na represión propiamente dita, sinalándose de xeito moi negativo no caso de Betanzos. Segundo se deduce de diversas causas militares consultadas para o caso de persoas asasinadas de Betanzos, as declaracións dalgúns cregos son definitivas para a condena a morte dos procesados. Así, por exemplo, no caso de Tomás da Torre os testemuños de dous cregos, e concretamente de Eliseo Barros Gamallo.

 

A publicación editada por Sermos Galiza refire diversos episodios da represión paralegal no concello de Betanzos, recollendo diversos testemuños tanto documentais como orais onde se testa a participación de diversos veciños do concello en accións represivas. O terror vai estar vinculado tamén a diversos lugares da comarca onde apareceron os cadáveres, destacando entre estes escenarios macabros a Costa do Sal e a Ponte da Castellana, na Nacional VI. Ao tempo vai funcionar un Campo de Concentración na antiga fabrica de curtidos da Magdalena, onde se recluíron demócratas procedentes de diversos puntos do estado, sendo común nesta zona os episodios de represión nocturna así como os corpos de persoas asasinadas polos valados das leiras da Magdalena e polos xuncais da Cangrexeira.



x