PRIMEIRA MONOGRAFÍA SOBRE OS VERDUGOS DO 36

'Os nomes do terror' apreséntase na Guarda e en Monforte

'Os nomes do terror' apreséntase na Guarda e en Monforte
Presentación de 'Os nomes do terror'.
Presentación de 'Os nomes do terror'.  

A primeira obra monográfica sobre os que reprimiron e mataron na Galiza de 1936 vaise apresentar esta semana na Guarda e en Monforte de Lemos. Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, editado por Sermos Galiza, reúne 13 investigacións que tratan o golpe fascista de Franco e as súas repercusións inmediatas pero cun obxecto de estudo pouco visitado, os vitimarios.
 


Coordinado por Xoán Carlos Garrido Couceiro, Xosé Ramón Ermida, Eliseo Fernández e Dionisio Pereira, Os nomes do terror achega perspectivas territorializadas e sectoriais á durísima realidade da represión franquista na guerra e nos anos posteriores. "Esta publicación saca á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer", sinala Xosé Manuel Méndez, da Comisión pola verdade do 36.

 

Méndez participará na presentación da Guarda, esta quinta feira ás 20.30 na Casa dos Alonso. Canda el estarán a poeta e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero, o investigador Xosé Álvarez Castro -autor dun dos ensaios do libro- e mais Garrido Couceiro. O volume contén diversos episodios sobre os sucesos do 36 no Baixo Miño e, máis concretamente, no Concello da Guarda.

 

Ao día seguinte, sexta feira, Os nomes do terror chegará á Terra de Lemos. Tamén ás 20.30 no Centro de Interpretación do Viño, organizado polo BNG local, falarán sobre a obra o concelleiro nacionalista Emilio Sánchez, Xosé Ramón Ermida -que, amais de coordinador da mesma, achega un texto de pescuda- e Xosé Carlos Garrido Couceiro.

 

"Queremos achegar o noso gran de area á recuperación da memoria histórica e á divulgación da verdade dos demócratas", indican desde o Bloque de Monforte. Os nomes do terror detense na Terra de Lemos e fai referencia ás Escuadras Negras da Falanxe existentes en Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober e Monforte.

 

Os nomes do terror esgotou a súa primeira edición en menos de dous meses. A segunda atópase xa distribuída.



x