O agosto negro de 1975

O agosto negro de 1975
Manuel Fernández "Manolo de Remesar", Xosé María Brañas e Xan López "Lito" fotografados durante o seu presidio no cárcere d´A Coruña. Imaxe. Fundación Terra e Tempo.
Manuel Fernández "Manolo de Remesar", Xosé María Brañas e Xan López "Lito" fotografados durante o seu presidio no cárcere d´A Coruña. Imaxe. Fundación Terra e Tempo.  

O asasinato de Xosé Ramón Reboiras o 12 de Agosto de 1975 mentres cubría a retirada de dous compañeiros de clandestinidade, a detención de ducias de nacionalistas ao longo e ancho do país ou  a persecución de moitos militantes da UPG, algúns dos cales remataría por exiliarse en Portugal, son o resultado dunha operación política que tentaba aniquilar a un nacionalismo galego


O asasinato de Xosé Ramón Reboiras o 12 de Agosto de 1975 mentres cubría a retirada de dous compañeiros de clandestinidade, a detención de ducias de nacionalistas ao longo e ancho do país ou  a persecución de moitos militantes da UPG, algúns dos cales remataría por exiliarse en Portugal, son o resultado dunha operación política que tentaba aniquilar a un nacionalismo galego. O aumento da influencia social do movemento nacional popular galego, o seu maior peso organizativo e a súa cada vez meirande capacidade de mobilización, do que ao longo dese ano foron exemplos a fundación da ANPG e a manifestación do Día da Patria Galega, apuraron unha  resposta represiva que comezou a facerse patente a partir do mes de Maio. Á altura de Xullo a presenza policial intensificase en Galiza, sendo abafantes os controis nas estradas con gardas civís armados con metralletas, nun despregue que nada tiña a ver coa chegada de Franco a Meirás, así como o dispositivo de vixilancia organizado arredor do 25 de Xullo. Máis de dez persoas serían detidas na manifestación patriótica, sendo arrestados nos días sucesivos na Coruña Carlos Díaz, Concepción Fernández e Fernando Souto Guinarte que permaneceu varios días na comisaría da cidade, onde foi duramente torturado como acreditou o parte de lesións elaborado polo médico forense.

As detencións que suceden ao asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia acadan un carácter indiscriminado entre o movemento nacionalista

O operativo represivo vaise ver favorecido pola chegada a Galiza en Xuño de 1975 de dous militantes de Euskadi ta Askatasuna, Emilio Goitia Batiz e Iñaki Villanueva Lanza, nun momento en que os servizos de seguridade españois conseguiran infiltrar na dirección da organización vasca ao membro dos corpos de intelixencia franquista Mikel Lejarza Eguía “El Lobo”. A participación e a responsabilidade de “El Lobo” na caída de Agosto de 1975, aspecto sobre o que sempre se especulou no mundo do nacionalismo galego, foi perfectamente documentada polo historiador abertzale Iker Casanova, tanto na súa biografía do dirixente vasco José Miguel Beñaran “Argala” como na súa historia de ETA. Segundo Iker Casanova,  ETA político militar responsabilizou dos seus comandos fora de Euskadi a Mikel Lejarza, provocando sucesivas mortes e detención ao longo de 1975 en Madrid, Catalunya , Galiza e a propia Euskal Herria, até o punto de que a finais dese ano só lle ficaba un comando en Heogoalde. Ao tempo Emilio Goitia e Iñaki Villanueva eran dúas persoas de sobra coñecidas pola policía cuxo desembarco no país prodúcese após caer os seus grupos operativos en Madrid e na fronteira da Junquera.

Cartaz concentración.

As detencións que suceden ao asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia acadan un carácter indiscriminado entre o movemento nacionalista, conseguindo  outra parte da afiliación fuxir da cadea agochándose ou pasando ao exilio portugués. Así n´A Coruña son encarcerados entre outros, Manuel Naia, Carlos García, Fernando Suárez, Fernanda Cotelo, Amparo Carracedo, Xosé Manuel Fernández, Marisol Juárez, tiña só 16 anos, e Xan López Álvarez “Lito” que se enfrontaría a policía até rematárselle o cargador da pistola. Na cidade de Compostela correrían a mesma sorte Gonzalo Rei Chao, Asunción Múñiz, Marisa Vázquez  e Manuel Fernández “Manolo de Remesar”. Na zona de Vigo ingresaran en prisión Xosé González “Pepiño de Teis”, Margarita Vázquez Veras, Xesús Sanxoas Formoso, Xosé Luís Villaverde e Luz Rei Pousada. Xosé María Brañas, Lois Diéguez, Emilio Goitia, Iñaki Villanueva e Pedro Luaces serán detidos nas terras de Lugo e como moitos dos citados anteriormente brutalmente torturados, quedando ao cabo das semanas catro deles en prisión ate 1977, Xosé María Brañas, Xan López Álvarez “Lito”, Marisa Vázquez  e Manuel Fernández “Manolo de Remesar”. Estes catro, canda os outros dous militantes vascos, organizaron un plano de fuga da Prisión da Coruña, onde se atopaban retidos, chegando a construír un túnel de 19 metros até ser descubertos polos vixiantes da penitenciaría.

 

A nova situación política que vive Portugal após o 25 de Abril, o funcionamento dunha estrutura clandestina da UPG na cidade de Porto dirixida por Margarita Ledo, exiliada no país veciño dese 1974 e que naquel momento asumía a responsabilidade da delegación do exterior deste partido, e a pericia dos militantes da organización posibilitaron a fuxida e o exilio de varios afiliados nacionalistas. Así o Portugal revolucionario e concretamente Porto, cuxo máximo responsábel militar era na altura o Coronel Corbacho, grande amigo de Galiza, vai acoller aos militantes da UPG Xosé Moa, Ramón Muñiz, Elvira Souto, Xoán Carlos Martínez, García Crego, Elsa Costas, Fernando Souto e Concepción Fernández. As condicións de vida destas persoas foron particularmente precarias, como consecuencia das  dificultades económicas dun partido que non tiña máis apoios que os ofrecidos pola súa propia afiliación, non volvendo, os máis deles a Galiza até comezos de 1976. A fronteira portuguesa permanecerá aberta para o nacionalismo após o 12 de Agosto de 1975, non tardando en chegar  materiais e propaganda a Galiza, papel no que destacou Bautista Álvarez como responsábel do Comité Executivo da UPG para o exterior.

 

A operación política de aniquilar o nacionalismo pola vía da represión non vai dar os resultados agardados polo réxime. Se ben como sinalou Francisco Rodríguez lembrando estes feitos “ as consecuencias para o aparato orgánico da UPG foron moi destrutivas. Este aparato ficou debilitado, esparexido e con persoas moi relevantes no exilio, nun retiro clandestino inactivo ou no cárcere”, o que naquela altura coñecíamos como o movemento nacional popular galego vai saír obxectivamente reforzado destes feitos. Primeiramente polo crédito a xeito de exemplo que este sucesos xeraron diante de amplos sectores do noso pobo, animando a organización do mesmo nas estruturas políticas e sociais do nacionalismo. Nun segundo lugar pola madurez e clarificación política que estes feitos provocaron na  afiliación da UPG e do seu tecido de masas, gañando, xa que logo, coherencia na acción, capacidade de iniciativa, firmeza militante e  evidenciando que as debilidades políticas das persoas sempre xorden nos momentos de máxima dificultade. Após 42 anos daqueles feitos, a memoria e o exemplo de Xosé Ramón Reboiras Noia e da xeración que puxo en marcha e mantivo o rumo da nave nacionalista en momentos especialmente complexos, son un capital político do que non se pode prescindir.

 

Imaxe inseriida no texto: Cartaz da UPG chamando a unha concentración para esixir a libertade dos presos nacionalistas. 



x