O verán de Meirás

O verán de Meirás

Catorce meses despois de que no Parlamento de Galiza se emitira unha declaración institucional de condena do franquismo na que se animaba a “proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo”, o debate sobre a memoria histórica segue no mesmo punto, entalado entre a porta e o corredor, nin arre nin xo!, como lle gusta ao PP e, postos a conservar a memoria, na cámara de representación galega manda a dereita e oficia de látego da oposición un brillante deputado, de nome Pedro Puy Fraga.


Aquela declaración do 19 de xullo de 2016, como se demostrou despois, non estivo motivada por outra cousa que pola intención do PP de rematar a lexislatura cun lavado de cara do seu pasado intimamente franquista co que presentarse ás eleccións galegas. Catorce meses despois, o debate regresou ao mesmo punto e iso malia un verán moi animado en Meirás cun Pazo que escribiu titulares nos meios de todo o Estado e se converteu na serpe informativa que se resiste a morrer nun parlamento inda dominado por vellas dialécticas.

 

O relato deste verán en Meirás haino que comezar polo final. O final tivo lugar nese mesmo Parlamento esta cuarta feira onde o PP, con Puy Fraga surfeando entre a desmemoria das novas xeracións e a indixencia dunha oposición obrigada a aturar o mesmo conto, impuxo unha solución que non soluciona nada: a Xunta encargará un estudo xurídico para, “respectando a legalidade vixente” e “sen que implique un novo custo para o pobo”, incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público. Ese final ficara escrito nalgún sitio, pode que no envés daquela declaración mentireira de hai un ano.

 

Primavera: Fernández Gil

 

Foto 1. César Fernández Gil durante o debate parlamentario do 9 de maio. Pazo de MeirásO PP comezou a se desdicer a si propio en marzo cando Luís Bará, deputado do BNG, apresentou unha proposta para unha lei galega de memoria histórica. Bará tamén apelou a Xunta para que aplicase a lei 8/1985 de Patrimonio Cultural de Galiza diante do incumprimento do réxime de visitas a Meirás. En maio foi Antón Sánchez, de En Marea, o que reclamou que o Goberno galego instase a un cambio na lei estatal de memoria, do 2007, para facilitar a recuperación do Pazo. Aquela mañá no Parlamento a defensa da posición do PP e dos dereitos de propiedade da familia Franco correu a cargo dun deputado ourensán, César Fernández Gil, que citou Carl Jung como elemento de autoridade para reclamar seguranza xurídica para os Franco. Daquel pleno a oposición apenas conseguiu tirar unha visita dos membros da comisión de cultura ao Pazo. Na visita participou Fernández Gil, que explicou aos medios que a Xunta abrira un expediente informativo para estudar os posíbeis incumprimentos dos Franco no réxime de visitas ao Ben de Interese Cultural. Non debeu convencer moito a Puy Fraga a apelación a Jung nin os recursos como filósofo e avogado de Fernández Gil, do que só se voltou a saber cando se converteu no primeiro parlamentario que exerceu a delegación de voto.

 

Xuño: A CRMH recupera a memoria

 

Apenas dúas semanas despois, a CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña), que anos atrás liderara unha intensa campaña pola devolución de Meirás, decide tomar a iniciativa dado o bloqueo parlamentario imposto polo PP. A CRMH convoca un grupo de traballo para “impulsar unha demanda clara e decidida desde a sociedade civil” e “rachar de vez coa anomalía democrática que representa o Pazo de Meirás, e que vai moito máis alá do incumprimento do réxime de visitas e do descoido do patrimonio”. O grupo reúnese o día 15 e del fan parte, ademais da CRMH, a Universidade da Coruña, a Casa Museo Emilia Pardo Bazán e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. O grupo dispón de material dunha investigación inédita que leva a cabo desde hai tres lustros Carlos Babío, neto dunha espoliada en Meirás, e na que colabora tamén o historiador Manuel Pérez. A investigación, de título provisional O espolio de Meirás, achega abundante documentación que demostra a ilexitimidade da propiedade dos Franco. En base a ese estudo, o grupo de traballo iniciará unha campaña de divulgación da verdade arredor do Pazo de Meirás: un roubo directo a quen foran expropiadas ou obrigadas a vender baixo ameazas, a quen foran obrigadas a contribuír a subscrición popular nos anos da guerra, e a todo o pobo galego mediante o traspaso sistemático, continuado e constante de cartos públicos ás arcas privadas da familia Franco até a morte do ditador.  

 

Esa quinta feira 15 de xuño Manuel Monge, ex presidente da Comisión, propón que se constitúa unha réplica da ferramenta usada polas elites franquistas coruñesas para agasallar a Franco cun pazo: converter aquela Junta Provincial pro Pazo del Caudillo nunha Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás acudindo en primeiro lugar ás institucións públicas que participaran do espolio.

 

Xullo: A Fundación Nacional Francisco Franco levanta o brazo

 

O grupo de traballo da CRMH definira a principios de mes unha folla de ruta para ir acumulando argumentos e forzas e chegar ao 5 de decembro de 2018, a data en que se cumprirán 80 anos da entrega das chaves de Meirás a Franco, cun movemento cívico e institucional capaz de esixir na rúa o que o PP nega no Parlamento. 

 

Inicio dunha das visitas ao pazo de Meirás o pasado mes de agosto

[A Franco entregáranselle aquel día de 1938 unha enorme chave e un papiro conmemorativo. Unha copia do papiro ficou no arquivo da Deputación Provincial. Esa copia estaba asinada por Julio Muñoz de Aguilar, o gobernador civil; Juan José Barcia Goyanes, presidente da Deputación; e Fernando Álvarez de Sotomayor, alcalde da Coruña. En febreiro de 2009 un funcionario comunicou que desaparecera. Houbo unha investigación. Non resolveu nada.]

 

A finais de mes comezou unha tempestade. O día 27 de xullo sóubose que a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) levaba semanas xestionando as visitas a Meirás. A Fundación ten en mente crear un museo dedicado a Franco e desde a súa constitución en 1976 fai apoloxía do franquismo e un labor de deturpación da historia no seu afán de “posibilitar a los jóvenes españoles una base cultural y un conjunto de valores y principios que les abrirá nuevos caminos”. A Xunta reacciona dicindo que a lei (galega) non establece quen debe ser o xestor das visitas a un BIC. A oposición cualifica de “inmoralidade” e “insulto ás vítimas” o novo rol da Fundación en Meirás. Mesmo o alcalde de Sada, Benito Portela, manda unha carta á Xunta reclamando a xestión das visitas para o concello. A Fundación non esperou moito para avivar os ventos. Pronunciouse o día 31. Cunha provocación: dixo que as visitas constituían unha excelente oportunidade para “mostrar al gran público la grandeza de la figura de Francisco Franco”.

 

Agosto: A fronte popular

 

A CRMH, que terminara o mes pedindo un pronunciamento firme do Parlamento e das institución públicas galegas, comeza agosto a solicitar a ilegalización da FNFF. En realidade, esa petición xa estaba lanzada en change.org desde setembro de 2015, pero só recibira 20.000 adhesións. Nas seis semanas seguintes, o número de adhesións multiplicaríase por dez.

 

Foto 4. Reunión da Xunta pro Devolución o 19 de setembro na Deputación da Coruña. Pazo de MeirásO primeiro discurso político contundente contra a Fundación pronúnciao Goretti Sanmartín o 1 de agosto na inauguración da feira do libro da Coruña. A nacionalista, vicepresidenta da Deputación, advirte que denunciará á FNFF por incumprir a lei da memoria se se comproba que fai apoloxía do franquismo en Meirás. A FNFF dálle as grazas a institución provincial por ter colaborado no espolio. Esa mañá o Pazo abrírase ás visitas. Entrou un visitante. Un xornalista.

 

Pero Meirás xa está na axenda mediática como serpe de verán e lugar de práctica do activismo en agosto. A FNFF comeza a aparecer nas televisións, e desde a CRMH Carlos Babío ponse enfronte para contestar. A folla de ruta pausada e silenciosa do grupo de traballo saltara polo ar. E mentres a oposición reaccionaba vía parlamentos e tamén vía Europa (Ana Miranda e Lidia Senra), a Xunta despachaba o asunto con preguiza. Cando o escándalo abría telexornais (fóra do país, claro), Núñez Feijóo pediu “moderación e mesura” á FNFF –que estaba falando, Jaime Alonso, un portavoz, da “grandeza de Franco” proxectada “más allá de su vida”–, e Alfonso Rueda dixo que se alguén tiña que facer denuncias que falara coa Fiscalía.

 

Nos mesmos días nos que as adhesións en change.org se disparaban, a petición de ilegalización socializase. Mais as vías xurídicas semellan pechadas. Os avogados opinaron, pero ninguén dá coa fórmula. 

 

A Fundación consegue por uns días desviar a atención do Pazo e da historia do espolio. Porén, o día 9, unha reunión na Deputación na que participaron os grupos de goberno (PSdG-PSOE e BNG), os concellos de Sada e da Coruña, a UDC e dúas asociacións de memoria, a Iniciativa Galega pola Memoria e a CRMH, reorganizou a acción política e social. Foi o primeiro chanzo da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. O sábado día 12 celebrase un pleno multitudinario en Sada e, malia as diferenzas de estratexia, dos acordos daquel día partiron as distintas mocións que desde entón se foron aprobando nos concellos da provincia da Coruña. Betanzos e Bergondo, esta mesma semana, votaron no pleno a súa adhesión á Xunta pro Devolución.

 

Mentres o PP preparaba a volta ao Parlamento en setembro, a oposición foi perfilando as súas demandas: rematar coa tutela da Fundación Franco sobre o Pazo de Meirás e definir as vías para a súa recuperación polo patrimonio público. 

 

Militantes do BNG cunha pancarta no interior do Pazo de Meirás o 30 de agosto

 

No Día da Galiza Mártir, Ana Pontón e Luís Villares mantiveron a presión sobre a FNFF. “Existen unha elites políticas e económicas que se beneficiaron do franquismo e manteñen os seus privilexios”, sostivo o líder de En Marea; “a Xunta ten que deixar de mirar para outro lado ante o ataque aos principios democráticos”, advertiu a portavoz nacionalista.

 

O ramo á tormenta de agosto púxollo o BNG cunha ocupación simbólica do Pazo de Meirás o día 30, día de visitas. Militantes e cargos do partido saltaron o muro, entraron na Torre da Quimera e despregaron dúas faixas denunciando a apoloxía do franquismo e o espolio. Ás portas do pazo, Luís Bará fixo o resumo das propostas que o nacionalismo ía levar a semana seguinte ao Parlamento.   

 

Setembro: Palacios, estatuas e poderes notariais

 

O PP regresou das vacacións cunha estratexia e un encargado de negociar co asunto Meirás. Falta lle fai.

 

[Porque máis alá de que a continuidade política do réxime salvagardase a continuidade das elites económicas e parte das políticas, o PP mantivo relacións moi estreitas cos Franco e non só a través de subvencións directas á FNFF. En 1989, o daquela alcalde popular de Sada, Rodríguez Ares, recualificou unhas fincas anexas ao Pazo de Meirás que dous anos despois foron vendidas para promoción inmobiliaria. Mentres tramitaba o cambio de usos do solo, parece que, segundo investigacións xornalísticas publicadas, Rodríguez Ares recibira un poder notarial dos Franco para negociar as vendas. Rodríguez Ares xa non está no PP, pero segue en política. Naquel pleno de Sada do 12 de agosto foi quen se opuxo a calquera iniciativa contraria aos intereses da familia. Os Franco conservan amigos en Galiza].

 

Pedro Puy Fraga explicou -na reunión da Deputación Permanente do Parlamento previa ao inicio do período de sesións que non habería un pleno extraordinario sobre Meirás- que “o razoable sería devolver Meirás ao público de forma legal” e que o seu partido rexeita “calquera ditadura e tamén calquera forma de dexeneración da democracia en réximes autoritarios, se produzan en Polonia, Venezuela ou Cataluña”, e dixo tamén que eles non comparten “nin o ideario nin o proceder da Fundación Franco e pensamos que a situación actual non debe manterse moito tempo”. 

 

Até aí é até onde está disposto a chegar o PP. O PSdG-PSOE quixo participar do debate e Xaquín Fernández Leiceaga propuxo unha comisión parlamentaria. Puy Fraga sumouse de inmediato á iniciativa.  

 

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás tardou en nacer, mais superadas reticencias das partes, a vicepresidenta da Deputación defendeu no pleno provincial do día 15 de setembro a súa creación. O PP provincial ficou fóra do acordo despois de ter esixido primeiro que a declaración conxunta excluíse a referencia a unha lei galega de memoria, e finalmente aludindo a que non vía a necesidade de tal Xunta por Devolución. Mais os votos do PSdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños sacaron adiante a proposta e a Xunta pro Devolución reuniuse o día 19 incorporando a Casa Museo Emilia Pardo Bazán e fixando un calendario que debería levala a un plenario a finais de outubro na Coruña no que pretenden citar “a máis dun cento de institucións públicas, concellos e entidades e colectivos da sociedade civil”.

 

En medio do pulso político para manter vivo o debate sobre Meirás –“só é a punta do iceberg, debaixo hai toda unha trama que fixo posíbel o espolio e que os favores foran devoltos”, insisten Babío e Pérez cada vez que teñen ocasión–, a Fundación Franco volveu á televisión para enlodar o debate con mentiras sobre a permisividade en Italia coa apoloxía do fascismo e a figura de Mussolini e o BNG respondeu levando a denuncia contra a FNFF e a demanda de devolución do Pazo de Meirás diante da ONU. 

 

Mentres, Compostela e A Coruña entraron na lea. Na capital, o concello advertiu á familia Franco que ten que restituír ao municipio dúas estatuas (o Abraham e o Isaac, tamén protagonistas dunha campaña televisiva) que fixeran parte da fachada da catedral compostelá e que foran regaladas aos Franco nos anos cincuenta por Ángel Porto, o alcalde, que llas comprara ao conde de Ximonde en 1948 por 60.000 pesetas. 

 

 Carlos Babío e Manuel Pérez nunha conferencia en febreiro deste ano na CoruñaMáis vinculada a Meirás está a Casa Cornide, un palacio no casco vello da Coruña, que esta semana foi recuperada, tamén simbolicamente e polo mesmo método de asalto pacífico empregado en Meirás, por militantes do BNG. Neste caso, o home clave fora Pedro Barrié de la Maza, o financeiro, que en 1962 gañou unha poxa municipal e inscribiu a propiedade a nome da familia. Carlos Babío e Manuel Pérez rescataron unha carta de agradecemento do xefe da Casa Civil de Franco que explica toda a operación. Tamén contan que Barrié de la Maza tivera un poder notarial de Franco para actuar no seu nome entre 1939 e 1946.

 

A Fundación Franco terminou o mes abrindo o pazo ás visitas guiadas. Á última, hai apenas unha semana. Asistiron público e xornalistas, e descubriron que un dos guías era Carlos Fernández Barallobre, un coñecido ultra nos anos da transición na Coruña. Os Franco seguen tendo amizades.

 

Outono: a verdade

 

A idea de Manuel Monge no comezo do verán deu lugar a unha entidade, a Xunta pro Devolución, que tratará de desvelar a historia de Meirás, descubrir os mecanismos xurídicos da reparación e asentar unha verdade política máis alá do balbordo mediático. O libro de Babío e Manuel Pérez sairá este outono se os autores conseguen vencer as resistencias de algún arquivo español a autorizar a publicación de material procedente de fontes franquistas. 

 

“Por que non se fixo antes?”, preguntouse Puy Fraga esta cuarta no Parlamento para botarlle en cara á oposición que o Pazo sega sendo privado. “Por que non se contou antes a verdade de Meirás?”, devólvelle a pregunta Carlos Babío, “por que ninguén se atreveu?”. Servirá de algo a verdade? 

 

Tamén este outono, Ana Miranda, a representante do BNG en Europa, tratará de levar a Bruxelas a verdade, testemuños do que está sucedendo coa memoria histórica da democracia no Estado. E tamén este outono concellos e colectivos sociais, cargos públicos, veciñanza e activistas e expertos terán que poñerse de acordo en teimar pola verdade diante dos gardiáns doutra memoria.

 

Nota: As fotos que van no meio do texto son (1). César Fernández Gil durante o debate parlamentario do 9 de maio. (imaxe da web do Parlamento); (2). Inicio dunha das visitas ao pazo de Meirás o pasado mes de agosto. (autor E. D.); (3). Foto 4. Reunión da Xunta pro Devolución o 19 de setembro na Deputación da Coruña. (Foto Deputación da Coruña); (4). Reunión da Xunta pro Devolución o 19 de setembro na Deputación da Coruña. (Foto Deputación da Coruña); (5). Foto 5. Carlos Babío e Manuel Pérez nunha conferencia en febreiro deste ano na Coruña. (autor E.D.)



x