ELISEO FERNÁNDEZ, COORDINADOR DE 'OS NOMES DO TERROR'

"Un dos obxectivos é rachar coa sensación de que hai un terreo vedado á investigación histórica"

"Un dos obxectivos é rachar coa sensación de que hai un terreo vedado á investigación histórica"
Eliseo Fernández
Eliseo Fernández  

O historiador Eliseo Fernández, referencia no estudo do franquismo en Galiza, é un dos coordinadores de 'Os nomes do terror' (Sermos Galiza), ademais de autor do artigo sobre a comarca de Ferrol, unha zona especialmente castigada pola represión. Fernández tamén estará na presentación desta obra pioneira que terá lugar o 25 de xullo ás 17 horas no Festigal. 


-A comarca de Ferrolterra, que estudas no libro, tivo características diferentes na represión ao resto do país. Por que?


-Hai diferenzas con outras zonas quizais polo grao de activismo político e sindical na bisbarra de Ferrol, e pola forza dos militares que había na cidade, con moita influencia do movemento do 34. Isto fai que sexa unha represión moi dirixida e controlada pola Dirección de Orden Público. 

 

-Foi unha das comarcas onde máis mortos houbo, non?


-Polos traballos de Xosé Manuel Suárez, estamos falando de 700 mortos na bisbarra, e iso é unha cifra moi significativa, se temos en conta que a cifra total en Galiza é de 5.000 asesinatos. 

 

As minorías que detentaban o poder acoden á represión como a única solución que teñen para impoñerse 

 

-Era -e segue a ser- unha cidade moi polarizada...


-Si, era unha comarca moi politizada, había un movemento sindical e político forte, mesmo chegando até Ortegal. As minorías que detentaban o poder até o momento e que vían que estaban sendo superadas socialmente por forzas emerxentes, procedentes do sindicalismo e do nacionalismo, acuden á represión como a única solución que teñen para impoñerse sobre unha maioría da poboación que ía por outro lado e que estaba acabando cos seus privilexios. 

 

-Sorprendeume o detalle de que o xornal local ferrolá -El Correo Gallego- puxese no escaparate os nomes dos mortos. 


-En Ferrol había unha vontade moi forte de darlle publicidade ás execucións e, sobre todo, ás execucións irregulares cun carácter exemplarizante, creo que é algo significativo. Eu sempre escoitei falar de que a xente ía mirar á pizarra do xornal El Correo Gallego, que estaba na rúa Real, a principal de Ferrol, e era o lugar onde se contaban as noticias. Pero claro, nese momento, a noticia eran os mortos. 

 

En Ferrol houbo unha política de captación de xente que era militante doutras organizacións políticas

 

-Hai apelidos que hoxe nos soan coñecidos, como López-Sors, ao igual que en moitos outros lugares do país. Tamén falas de que un dos grandes logros dun dos maiores represores, Victoriano Suanzes, foi converter Torrente Ballester, que era galeguista antes da Guerra. 


-Si, é curioso e significativo que en Ferrol houbo unha política de captación de xente que era militante doutras organizacións políticas. De feito, algúns dos falanxistas de primeira hora viñan do PCE, por exemplo, e tamén no momento do golpe militar, mediante ameazas e a utilización da chantaxe, conséguese que algunha xente -como Quintana Pena, deputado socialista por Ourense, ou Florentino González Villamil, de Izquierda Republicana- sexan organizadores dos sindicatos fascistas e dean mítins a favor do novo réxime, aínda que algúns deles marcharon ao exilio, como Quintana Pena, que marchou e fixo borrón e conta nova. Sen embargo, Torrente, que militara no galeguismo, é un dos que se suma ao réxime e queda aí durante moitos anos até que nos 60 parece que racha de novo co réxime. Non hai constancia documental de que fora a través de Suanzes esa conversión, pero si que é probable, porque foino nos outros casos, porque ademais Victoriano Suanzes exerce en Ferrol durante eses meses unha política de control absoluto, é un auténtico dominador da vida da cidade en todos os aspectos. 

 

Torrente Ballester, que militara no galeguismo, é un dos que se suma ao réxime e queda aí durante moitos anos até que nos 60 parece que racha de novo

 

-Como evolucionaron os represores no caso de Ferrol? Chegaron até a Transición?


-Houbo de todo, porque outro personaxe importante na represión en Ferrol, Florentino González Vallés, xa morre no ano 38, e Suanzes continúa ascendendo na Garda Civil, ocupando as máximas responsabilidades até os 60, cando morre. Esta é xente metida no cerne do réxime. Ese grupo de xente foi parte importantísima do réxime a todos os niveis, mesmo con relación familiares. Por exemplo, Juan Antonio Suanzes, que foi ministro de Industria con Franco, era curmán de Victoriano. Eran familias que tiveron un relevo importantísimo no réxime. Outro caso é o fillo de Florentino González Vallés, Lorenzo González Vallés, que é gobernador civil de Guipúzcoa nos anos da Transición e foi asasinado por ETA. 

 

-Este libro, Os nomes do terror, é o primeiro que aborda a nivel nacional a represión do punto de vista dos vitimarios. Cres que haberá un efecto chamada aos historiadores para seguir traballando neste sentido?


-Eu creo que si. Un dos obxectivos é rachar coa sensación de que hai un terreo vedado á investigación histórica, como é a dos vitimarios. No limiar falamos diso, como no cadro dos fusilamentos de Goya, onde vemos as caras das vítimas e os represores están de costas. E eu creo que a historia debe facer ese contraplano no cal os represaliados teñan a súa importancia, pero tamén saber quen estaba do outro lado, que mecanismos usaban, como funcionaba esa represión. Iso era algo que estaba por saber, en certa medida estaba vedado por problemas legais, porque ao non existir condenas xudiciais sobre os asasinos na historia parece que había unha certa impunidade, e o libro tenta rachar con iso e abrir unha porta. Se cadra queda un pouco fachendoso, pero creo que é así. 

 

Ao non existir condenas xudiciais sobre os asasinos na historia parece que había unha certa impunidade, e o libro tenta rachar con iso e abrir unha porta.

 

-De todos os xeitos, fostes prudentes e só puxestes nomes en base a fontes documentais fundamentalmente. 


-Claro, pero pódense facer suposicións e traballar con hipóteses, pero os documentos son os que nos dan seguridade. Ademais, creo que tamén é importante dicir que no caso de Ferrol é moi significativo como os propios represores saían nomeados na prensa, onde se di: fulanito de tal tenta fuxir e mátanos. Están dando os nomes dos represores. Nós o que fixemos foi recoller esa documentación. Porque os nomes en parte xa estaban, mesmo a prensa da zona republicana xa daba nomes de represores, na prensa do exilio tamén. Suárez Picallo por exemplo publicou algúns artigos dando nomes, entón nós o que fixemos recompilar esa información e darlle forma de ofrecer esa mirada sobre eles. 

 



x