PRESENTACIÓN DE 'OS NOMES DO TERROR'

"En Ordes, a represión foi proporcional á resistencia contra o golpe"

"En Ordes, a represión foi proporcional á resistencia contra o golpe"
O historiador Manuel Pazos Gómez
O historiador Manuel Pazos Gómez  Foto: Cedida

Na súa contribución ao libro colectivo pioneiro Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, o historiador Manuel Pazos Gómez céntrase na comarca de Ordes, onde reside. "Este libro é un chanzo máis dentro da recuperación da memoria histórica", afirma, "e aínda que en Ordes investigamos en diversas frentes desde 1996, é a primeira vez que recompilamos os nomes dos presuntos culpábeis da represión". Pazos participa este venres na presentación de Os nomes do terror en Ordes xunto ao presidente de Sermos Galiza -editora do volume- Xoán Costa e a Eliseo Fernández, un dos coordinadores da obra.


"O meu traballo enfoca sobre todo a vila de Ordes", di o autor do ensaio titulado Atila en Ordes. Listaxe de vitimarios, "onde comprobei como todos os poderes institucionais estiveron implicados na represión". Refírese á Garda Civil, aos políticos militares instalados despois do 18 de xullo, á Igrexa e aos paramilitares e bandas descontroladas de "matóns pouco ideoloxizados" encargadas de paseos, torturas, persecucións ou rapa de cabeleiras.

 

A diferenza doutras zonas de Galiza, a bisbarra de Ordes organizou certa resistencian ao alzamento fascista de 1936. "A xente da Frente Popular armouse, e viñeron comunistas e socialistas de Santiago de Compostela, e mais os mineiros de Lousame". Segundo Manuel Pazos, este feito condicionou as características singulares do terror nacional no lugar. "A represión foi proporcional á resistencia que houbo", asegura.

 

O novo poder fascista mesmo chegou a abrir unha causa en Ordes, que desembocou en 11 fusilados no cemiterio compostelán de Boisaca, e case 20 condenados. "Pero esta represión inmediata ten un período de meses. Despois, durante a guerrilla antifranquista, ensáiase outra modalidade, e comezan os desterros". Os franquistas deportaban fóra de Galiza as familias dos guerrilleiros demócratas. "Ás veces, metían nun camión a 7 ou 8 familiares e deixábanos en Soria ou por aí para que se buscasen a vida", lembra Pazos.

 

Os nomes do terror, cuxa presentación en Ordes será este venres ás 20.30 no Museo do Traxe, afronta por primeira vez de xeito global a cuestión dos verdugos facistas. Por que esta demora histórica? "Todo ten os seus tempos", reflexiona o historiador, "e a orde lóxica foi facer primeiro un estudo exhaustivo das vítimas. Agora damos os nomes dos vitimarios, asentados solidamente en fontes orais e documentais que levou o seu tempo localizar". A iso cómpre engadirlle, di, as políticas reaccionarias do Goberno galego sobre o particular. "Este Goberno liquidou a memoria histórica institucional", conclúe.



x