A MEMORIA GRÁFICA ARRAIANA ENTRE SALVATERRA E MONÇÃO

O paradoxo da fronteira do Miño

O paradoxo da fronteira do Miño
Barca na beira galega do Miño. Ao fondo a torre de Lapela, en Monção. Foto: Lazoiro
Barca na beira galega do Miño. Ao fondo a torre de Lapela, en Monção. Foto: Lazoiro  

O relato colectivo dunha singular comunidade humana, a que producía a fronteira entre Galiza e Portugal á altura de Salvaterra do Miño, poderá observarse esta fin de semana na localidade arraiana. A asociación cultural Lazoiro reuniu máis de 60 fotografías, achegadas por veciñanza de ambas as dúas ribeiras do río, que amosan o gran paradoxo do Miño: a mellora das comunicacións foi paralela ao arrefriamento das relacións humanas.
 


"Para nós é imprescindíbel saber como era o contacto entre Salvaterra e Monção", explica Alberto Grandal, de Lazoiro, "e descubrimos que, dalgunha maneira, había máis comercio antes, as xentes coñecíanse máis". Xentes da Raia é, xustamente, o título da exposición que acollerán, entre esta sexta feira e o domingo 22 de outubro, as Covas de Dona Urraca, na fortaleza de Salvaterra de Miño.

 

O proxecto de Lazoiro, documentar graficamente a historia da Raia, iniciouse hai catro anos. "É un proxecto que non ten fin", indica Grandal. As dúas anteriores edicións da mostra centráronse na "memoria gráfica xenérica" de Salvaterra de Miño, "con imaxes de todas as parroquias dos últimos cen anos", e mais na recuperación do rastro do 36 e a represión brutal  contra os demócratas que arrasou a bisbarra.

 

"Mais agora queriamos entender como eran os vínculos entre as poboacións de Salvaterra e Monção antes da construción da ponte internacional", di. A infraestrutura púxose en funcionamento en 1995. Con ela e a supresión das alfándegas, extinguiuse o paso en barco e lanchas, do que aínda quedan vestixios nos embarcadoiros, e tamén a lóxica do estraperlo. "O paradoxo é que, coa ponte, melloraron as comunicacións, a mobilidade, pero non as relacións. Ao contrario".

 

O activista cultural percibe que a posibilidade de atravesar o río en coche, a calquera hora, e sen depender das variábeis climáticas -o Miño, nesa zona, é ancho e caudaloso, as correntes poden ser perigosas- facilitou que "moita xente cruza desde Portugal pero vai directamente cara a Vigo ou outros lugares". A comunidade compartida de antano, en que os da parroquia de Cortes, en Monção, non faltaban nunca á festa en Salvaterra, e viceversa, desapareceu.

 

"Na investigación para a expo comprobámolo", recorda. Os veciños portugueses máis maiores sempre lles preguntaban por paisanos da beira galega. "A mocidade, en troques, non se coñece. Hai boas comunicacións, pero non unha relación pausada".

 

Desa ruptura dá conta Zé Galego, o barqueiro de Cortes de 82 anos que aparece na curtametraxe coa que, o domingo, se clausurará Xentes da Raia. Nado en Salvaterra como José Núñez de Rivero, mudouse á ribeira portuguesa e traballou décadas transportando xente sobre o río. Do seu mundo apenas queda xa máis que os seus recordos. E as sombras que recollen as fotografías, a máis antiga das cales data de 1910.



x