DOCUMENTACIÓN INÉDITA

O Pazo de Meirás: 80 anos de espolios

O Pazo de Meirás: 80 anos de espolios

O investigador Carlos Babío Urquidi e o historiador Manuel Pérez Lorenzo narran, para Sermos, o proceso de espolio do Pazo de Meirás como adianto da publicación en que traballan e que verá a luz nos próximos meses. Eis un extracto do publicado no semanario Sermos Galiza, que inclúe documentos inéditos.


7Cen anos atrás, o nome de Meirás xa resoaba alén das fronteiras do país, nomeadamente nos círculos artísticos e políticos. As torres de estilo historicista eran daquela residencia e lugar de traballo da escritora Emilia Pardo Bazán, a mesma que as mandara edificar e deseñara a cabalo entre os séculos XIX e XX. Superados os cinco lustros logo da morte da condesa, unha sublevación militar daba lugar á Guerra Civil, que remataría coa democracia republicana. En Galiza, os sublevados facíanse co control das institucións e do territorio nos primeiros días após o golpe. Unha nova elite, política e económica, fraguábase no contexto da contenda e da instauración da ditadura de Franco, facéndose dona de todos os resortes do poder.

 

É entón cando ese sector da burguesía coruñesa ten unha idea. Agasallar o ditador cun pazo. Facerlle un obsequio co que gañar o seu favor e, por outra banda, telo preto nos períodos estivais. Para iso, representantes das institucións e do tecido empresarial deciden reunirse, convocados polo Gobernador Muñoz de Aguilar e tomar unha serie de decisións acerca de que inmoble escoller e como xestionar todo o procedemento. O primeiro dos acordos aos que se chega é o que introduce xa a Meirás nesta historia. A residencia señorial emprazada no concello de Sada, a poucos minutos da cidade herculina, cumpría á perfección cos requirimentos dos promotores da iniciativa. Pero había algo máis. Nun informe dun tenente coronel do exército, datado en novembro de 1939, advertíase que correra o rumor de que a elección de Meirás “obedecía a que así se favorecía a una Entidad Bancaria (Banco Pastor), por el hecho de tener hipoteca sobre la finca”, relacionando este feito co “precio excesivo de 415.000 pesetas que se dice importó la compra”. Non por casualidade, o director do Banco Pastor era Pedro Barrié de la Maza, un dos impulsores da doazón.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 258, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x