Piden ao Parlamento galego que renda homenaxe aos galegos que estiveron en campos de concentración nazis

Piden ao Parlamento galego que renda homenaxe aos galegos que estiveron en campos de concentración nazis
Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).
Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).  

“En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”. Afirmábao en conversa con Sermos Galiza Heladio Anxo Fernández, coordenador dunhas xornadas en Monterrei en homenaxe ao seu veciño Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria). Varios centos de galegos pasaron polos campos de exterminio nazis. Principalmente Mauthausen-Gusen, mais tamén houbo galegos en Dachau(onde se facían experimentos cos prisioneiros) ou Sanhsenhausen, onde foron asasinadas máis de 30.000 persoas.

 

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) vén de pedir ao Parlamento de Galiza que "renda homenaxe" a 179 republicanos galegos deportados aos campos de exterminio nazis. A petición foi enviada por rexistro o pasado 21 de decembro, dirixida ao presidente da Cámara, Miguel Santalices. Até agora, indica a Asociación, non obtivo resposta.

 

O 27 de xaneiro celébrase en todo o mundo o Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto. Dos máis de 10.000 republicanos españois, un total de 179 eran orixinarios de Galiza, segundo esta Asociación. 

 

A Pobra, Bueu, As Nogais, Baltar...

 

Segundo ‘Triángulo azul: los republicanos españoles en Mauthausen 1940-45’, nese campo morreron 102 galegos. A maior parte deles, segundo os arquivos, de cidades, vilas e aldeas da provincia da Coruña (42 mortos): Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Fisterra, Malpica, Mugardos...  Da provincia de Lugo, 21 mortos nese campo (presos orixinarios de localidades como As Nogais ou Viveiro, por exemplo). Outras 21, de Ourense (Baltar, A Veiga...). Un total de 18, da provincia de Pontevedra, de vilas como Bueu, Carril, Vilagarcía ou cidades como Vigo. A morte axexaba de todos os xeitos posíbeis aos republicanos alí presos: rebentados polo duro traballo inhumano na canteira, fusilados, afogados, colgados ou mallados a paus.

 

Os republicanos comezaron a chegar a ese campo de concentración en 1940. En abril de 1941, segundo as listaxes, rexístranse as primeiras mortes de galegos. José Fidalgo (Castiñeiras-Ribeira) e Francisco Varela (Vilagarcía). En febreiro de 1945, poucos meses antes da liberación deste campo, falecía Arturo Gómez, de Pontevedra. Un cento de galegos deixaron a vida nese campo de exterminio.

 

Dachau: o laboratorio dos experimentos con humanos

 

Mais non só en Mauthausen foron asasinados presos galegos. En Dachau, perto de Munich e dirixido por T. Eicke, e onde se levaron centos de experimentos con prisioneir@s; tense constancia de 2 galegos que perderon alí a vida: Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto Fernández Cid (Augassantas). Por Dachau pasaron 200.000 prisioneiros de 30 países. No campo de Sanhsenhausen (Brandenburgo)morreu o veciño de Vilaboa Antonio S. Nogueira. En Sanhsenhausen –onde, entre outros, estivo preso Largo Caballero, presidente do goberno na II República española- foron assasinadas por volta de 30.000 persoas.

 



x