16 DE XUÑO DE 1976

Primeira manifestación veciñal da Transición: a xente perdeu o medo a saír á rúa

Primeira manifestación veciñal da Transición: a xente perdeu o medo a saír á rúa

Foi o 16 de xuño de 1976, logo de dous anos de reivindicacións e de 16 mortes en accidentes de tráfico no barrio do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, cando botou a andar a primeira manifestación autorizada no período da chamada Transición. A asociación veciñal acolleuse á recente lei que regulaba o dereito de reunión e o gobernador civil autorizou a mobilización e dous lemas para as faixas, aínda que censurou outros dous. “A mobilización anunciouse nos días anteriores polos altofalantes do campo da festa e a marcha foi acompañada dun jeep cargado de grises”, lembran na asociación veciñal.


A comunidade veciñal do Castiñeiriño acordou, en decembro de 1974, promover unha reivindicación solidaria centrada en procurar solución ao gran número de accidentes mortais na estrada cara á Pontepedriña.

 

Logo de recoller información dos accidentes de tráfico e de reunírense en diversos puntos do barrio para trasladar a necesidade de reclamar semáforos, recolleron sinaturas casa por casa e crearon unha comisión para ir falar co alcalde.

 

En febreiro de 1975 enviáronlle máis de 700 sinaturas e unha carta ao alcalde Antonio Castro García, o rexedor franquista que permanecía naquela altura e que, co tempo, foi director xeral de Xustiza con Alianza Popular na Xunta. Relataban que vivían ante "unha forte abundancia de tráfico desta estrada, hai pouco arranxada, que divide o barrio practicamente en dúas zonas e pola que pasan os vehículos a gran velocidade", aliás de advertir do perigo "nas horas de saída da escola, á que asisten 350 alumnos", na zona da igrexa, da parada de autobuses e na Pontepedriña "onde viven aproximadamente 400 familias e hai tamén unha gran dificultade de paso". Explicábanlle tamén que nos dous últimos anos se rexistraron dous accidentes graves con nove persoas mortas.

 

mani02Reclamaban deste xeito pasos de peóns coas sinalizacións correspondentes de semáforos de luz intermitente "ou o que consideren oportuno tecnicamente para garantir a seguranza dos nenos e dos veciños de toda esta zona, que segundo os peritos de tráfico constituíu polos seus accidentes mortais un dos puntos máis negros do tráfico de Santiago". A proposta tivo boa acollida da prensa e producíronse dúas visitas máis ao alcalde, mais sen resultados.

 

A legalización das mobilizacións

 

Un ano despois, xa constituída a asociación veciñal, acordouse organizar a primeira manifestación ao abeiro da nova lei que recoñecía as mobilizacións. Era a Lei 17/1976, de 29 de maio, reguladora do dereito de reunión.

 

Rexistraron unha comunicación o 4 de xuño de 1976 dirixida ao Goberno civil para rogar que lles fose concedido permiso para realizaren unha manifestación con saída no cruce das estradas de Ourense e da Estrada, coa indicación do percorrido, para rematar no Obradoiro, daquela "praza de España", "onde se visitará o señor alcalde se este accede a iso no Concello". Indicaban tamén que tiñan prevista unha asistencia de 1.000 persoas, os horarios, os motivos da manifestación e os responsábeis do mantemento da orde.

 

Unha semana despois, o xefe da Policía de Santiago entregou a carta de resposta do gobernador en que acordaba autorizar a manifestación coas prescricións de coidar "polos organizadores, auxiliados polas forzas de orde pública, garda civil de tráfico e policía municipal, evitar todo entorpecemento da circulación rodada tanto na estrada como nas vías urbanas".

 

O gobernador civil prohibiu que o texto "Nin alcalde nin corporación, non, non e non" figurase nas faixas da manifestación

 

Autorizaba tamén os textos das pancartas "Tódolos barrios son de Dios, si o alcalde non o sabe decímosllo nós" e "Dezaseis mortos valen algo máis ca unha parra". Porén, desbotou as faixas cos textos "Xa don Ramón dixo un día, dimite Castro García" e "Nin alcalde nin corporación, non, non e non", lemas que estima improcedentes e non axustados ao motivo da manifestación. "Fóra das pancartas autorizadas non se permitirá ningunha outra así como tampouco variacións no texto das dúas propostas e aprobadas", sinalaba o gobernador civil.

 

Coa autorización do acto reivindicativo, a asociación veciñal procedeu á súa difusión e mesmo usou os altofalantes do campo da festa para anunciar a manifestación.

 

"Á hora prevista xuntouse diante da igrexa un grupo considerábel de persoas arredor da pancarta que ía encabezar a marcha", relatan no libro 30 anos da asociación de veciños do Castiñeiriño. En canto apareceu "o jeep cargado de grises a meirande parte da xente desapareceu, houbo un momento de indecisión e, ao fin, a cabeceira da manifestación púxose en marcha; foi un momento máxico".

 

"Ao pouco de empezar a andar, na metade da costa do Restollal aquilo xa era unha manifestación de verdade, aínda non moi numerosa, pero xa tiña forza". "A prensa estimou en perto de 4.000 o número de persoas que chegamos en manifestación ao Obradoiro", sinalan. Alí o alcalde recibiu unha comisión de representantes da asociación e comprometeuse a afrontar o problema de seguranza viaria. "Nesta volta cumpriu a súa palabra e aos poucos días comezaron os traballos para instalar semáforos que eliminaron practicamente os accidentes e, por outra parte, valeu para que a xente comezase a perder o medo a saír a rúa e viuse con claridade que se actuabamos unidos podíanse acadar moitas cousas", explican dende a asociación veciñal.

 

As fotos que acompañan este texto son da Asociación Veciñal do Castiñeiriño



x