A rebelión galega contra os Reis Católicos

A rebelión galega contra os Reis Católicos
Restos da fortaleza da Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu o cerco castelá.
Restos da fortaleza da Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu o cerco castelá.  

As décadas finais do século XV serán testemuña dos derradeiros capítulos da resistencia galega a incorporación subordinada do país á coroa de Castela


As décadas finais do século XV serán testemuña dos derradeiros capítulos da resistencia galega a incorporación subordinada do país á coroa de Castela. Estamos ao remate dun proceso político iniciado por volta de 1230 coa anexión de Galiza a Castela, na persoa do Fernando III e que terá continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado polos Castro e posteriormente por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. Xa corrido o século XV, o fracaso da revolta irmandiña e particularmente a derrota da rebelión galega, na que acadaron o papel de símbolos Pardo de Cela, Pedro Madruga ou o Conde de Lemos, deixa a Galiza fanada, frustrada,  inerme ante a expansión de Castela e presa na roda colonial.

A rebelión galega contra os Reis Católicos só puido ser derrotada pola violencia e o terror xeneralizado do que son exemplo a execución de Pardo de Cela ou exilio de máis de 1500 galegos en Portugal e Bretaña.

A anexión de Galiza por Castela non foi precisamente un proceso pacífico. O rei galego Afonso VIII, morto en Sarria en 1230 e soterrado no panteón real da Catedral de Compostela, cuxo reinado se caracterizou por un aberto enfrontamento con Castela, sinalou como herdeiras do reino de Galiza as súas fillas primoxénitas dona Dulce e dona Sancha, deixando o trono castelá en mans do seu fillo Fernando, co que non tiña relación, mantendo así a tradicional separación entre as dúas coroas. Porén o futuro rei santo violentou os dereitos das súas irmás, fillas dunha infanta portuguesa e que representaban a aproximación política a Portugal, a orientación cara unha política atlántica e que gozaban co apoio da nobreza galega e dun emerxente sector mercantil. Serán precisamente estes sectores os que lideren a oposición ao rei alleo, mantendo o conflito aberto durante tres anos e  tomando posteriormente moitos deles o camiño do exilio, significándose entre eles Lourenzo Suarez Gallinato, o protagonista da novela “El conde Lucanor” de don Juan Manuel.

 

A bandeira da rebelión galega será recollida no século XIV polos Castro. Aproveitando o contexto da guerra dos cen anos as clases dirixentes galegas, a cuxa fronte se situaba Fernán Ruiz de Castro, tentan influír en Castela e Portugal, sexa pola política matrimonial, as manobras diplomáticas ou a acción das armas, favorecendo unha Galiza, outra vez hexemónica no ámbito peninsular, unida a Portugal e abrazada aos pobos atlánticos. A derrota de Fernán Ruiz de Castro na batalla de Porto de Bois en Palas de Rei, a súa fuxida a Portugal e a súa morte no exilio francés non significaría o fin da loita galega, continuada polo seu irmán Álvaro Pérez de Castro e que remataría co nomeamento como rei de Galiza do monarca portugués Fernando I. Un novo intento desta alternativa política será formalizada só uns poucos máis adiante coa proclamación de Xoán de Gante, duque de Lancaster, membro da familia real británica e na altura casado cunha filla de Pedro I, como rei de Galiza nunha operación dirixida por Xoán Andeiro e apoiada polos mesmos sectores sociais comprometidos coa causa dos Castro.

Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Álvarez de Osorio e o seu neto Rodrigo de Castro simbolizan a oposición galega a política centralizadora dos Reis Católicos

Galiza non entrou vencida no século XV. A decadencia política, económica e cultural iniciada a finais do século XIII, a perda de influenza no espazo ibérico e europeo, o xurdimento dun novo núcleo de poder conformado arredor da oligarquía castelá-andaluza, non impide que o noso país siga contando coan amplas cotas de liberdade. O cronista dos Reis Católicos Hernando Pérez del Pulgar, recoñece que ao longo do século XV Galiza escapou ao control da coroa, afirmando “nin o rei Henrique, irmán da raíña, nin menos o rei don Xoán seu pai, puideron subxugar aquel reino”. Mesmamente, até a aplicación das disposicións gobernativas dos reis católicos, o control da orde pública ou a recadación dos tributos era realizado por unha clase dirixente autóctona que seguía a manter importantes propiedades ou vínculos de parentesco con Portugal. Explicase neste contexto a existencia dunha corrente de opinión maioritaria no conxunto das capas sociais de Galiza que seguían a defender un papel distinto o país, unhas veces apostando por un función directora no reino dos Trastamara, outras xogando decididamente a carta da unidade con Portugal.

 

Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Álvarez de Osorio e o seu neto Rodrigo de Castro simbolizan a oposición galega a política centralizadora dos reis Católicos. As súas sostidas rebeldías, con diferenzas concrecións prácticas, partillan o común denominador de enfrontarse ao proxecto regresivo no nacional e no social representado por Isabel e Fernando pero tamén na defensa do reino de Galiza como entidade de seu, resistente fronte a absorción que supoñía a imposición do autoritarismo monárquico.Estamos, pois, diante dunha revolta autenticamente nacional, con apoio no conxunto do territorio galego sen discriminar os ámbitos rurais ou urbanos, popular, isto é partillada por un igual polo conxunto das clases sociais de Galiza, que se alonga por preto de sete anos e que só puido ser derrotada pola violencia e o terror xeneralizado. Un bo exemplo do que vimos de afirmar atopámolo nos máis de 1500 galegos que se viron obrigados a exiliarse en Portugal e Bretaña como consecuencia da participación nesta loita, algúns dos cales foron autorizados a volver a Galiza a cambio de loitar coas forzas castelás na conquista de Granada.

A defensa dunha Galiza dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico será defendida polos Castro e Andeiro no século XIV e por  Pedro Madruga no XV.

Máis unha vez, reaparece a alternativa da aproximación de Galiza con Portugal. Ao fronte da mesma situouse Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como “Pedro Madruga”, o grande rebelde do sur de Galiza, cuxa actuación significaría pola súa envergadura pero tamén polas posibilidades de éxito na defensa da causa de dona Xoana, a raíña lexitima, fronte a súa tia Isabel. Neste contexto, o propio monarca portugués Afonso V chega a propor aos Reis Católicos, dentro dos acordos de paz após a batalla de Toro, a unión do reino de Galiza e Portugal polos dereitos que tiña como esposo de Xoana “tinha nos Regnos de Castella, lhe soltssen liuremente algua parte do senhorio della, e que esta seria bo regno de Galiza como todos os seus termos”. O exilio de Pedro Madruga en Portugal, onde sería nomeado conde de Camiña e a súa posterior morte en éstranas circunstancias no castelo de Luna, non significaría a derrota definitiva do partido portugués en Galiza, contando dona Xoana coan apoios no país canda menos até 1499, tal e como fica demostrado na correspondencia entre a raíña Isabel e Rodrigo de Castro.

 

A derrota da rebelión galega do século XV inicia unha nova etapa na historia de Galiza. A desaparición do reino de Galiza, como realidade política pero non administrativa, a supresión das institucións propias e a posta en marcha de novos organismos impostos desde fora nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros, a definición dun novo marco de relacións económicas de carácter colonial onde se favorece a drenaxe do aforro ou a persecución a nosa realidade cultural e lingüística, son algúns dos aspectos que significan o período. A historia continúa, pero o noso pais entra noutra fase, definida pola incapacidade de iniciativa convertida nunha realidade marxinal da monarquía española.

 



x