GALIZA NO MAPA

O Reino de Galiza no mapa de Al Biruni

O Reino de Galiza no mapa de Al Biruni

É unha das grandes cartografías da cultura árabe de matriz persa. Elaborado a camiño entre o século X e o XI, dátase como ano do seu remate 1030, sendo decisiva a súa influencia noutros mapas posteriores. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 284.


3O mapa, orientado cara ao sur na tradición das cartas elaboradas polos arabés, a fin de que a Meca ocupase un lugar central no gravado, tomou como fontes as propias experiencias viaxeiras do seu autor e traballos anteriores da mesma área cultural. A copia máis antiga da versión orixinal atópase na Biblioteca  británica, sendo obxecto de múltiples estudos e reconstrucións posteriores, destacando a realizada a finais do século XIX polo grande xeógrafo e viaxeiro norteamericano HS Challenger.

 

O seu autor, Ahmad al-Biruni, foi un dos máis relevantes científicos do seu tempo. Nado en Katz, Uzbekistán, en 973 e morto en Gazni, Afganistán, en 1048, sinalouse como historiador, xeógrafo, farmacéutico, astrónomo e matemático. Calculou o radio da esfera terrestre cun erro inferior ao 1%, un resultado que o mundo occidental non chegou a ter até o século XVI, sendo o grande impulsor dos estudos nos campos das análises combinatorias. Políglota destacado, o que lle permitiu ler e relacionarse con xente moi diversa, grande viaxeiro, aspecto que sería central nas súas cartografías, mantivo contactos cos grandes intelectuais do tempo como Avicena ou Abu Mansur.

 

O mapa de Al Biruni, tamén coñecido como Alberuni, fai especial referencia ao continente asiático, sendo menor a información que achega de África e Europa, onde só se refire ás cidades de Roma, Córdoba e Constantinopla e aos reinos de Rusia, Frantz, a Franza, Andalus e Dzelikia. As fontes utilizadas para a cartografía do espazo peninsular proceden fundamentalmente das súas lecturas, da correspondencia que mantivo con personalidades de Andalus e das propias fontes arabés anteriores. O usbeco mantén a diferenza común na época, utilizando o nome de Galiza para significar o espazo do reino cristián ibérico, e Andalus, para designar o espazo musulmán, distinción que se manterá até o século XIV.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x