Roi Xordo, o dirixente irmandiño de 1431

Roi Xordo, o dirixente irmandiño de 1431
Fragmento do Roi Xordo de Luís Seoane
Fragmento do Roi Xordo de Luís Seoane  

É unha figura decisiva na historia da Galiza do século XV. Segundo uns, era orixinario de Ferrol e morreu en Pontedeume nos momentos finais da irmandade. Para outros, entre eles nós, era rexedor da Coruña e morreu en Xuño de 1458 a mans de Fernán Pérez de Andrade “O Mozo”, após facer testamento un ano antes.


Sexa como for, este fidalgo, como a totalidade dos dirixentes irmandiños desa centuria, foi a cabeza daquela revolta que abalou á altura de 1431 as terras de Nuno Freire de Andrade “O Mao” e que remataría por estenderse a todo o norte galego coa clara intención de xeneralizar a protesta. Ergueu e dirixiu nunha revolta de 3.000 persoas, procedentes das comarcas de Trasancos, As Mariñas e a Terra Chá, á que non tardarían en sumarse os descontentos das terras dos bispados de Lugo e Mondoñedo, até formar unha milicia de máis de 10.000 persoas que comezaron a derrubar fortalezas e cortar viñas, visando espallar a revolta por toda a parte.

 

O norte galego vai ser o escenario dos principais capítulos desta loita. A pelexa será especialmente dura nas terras de Ferrol e Pontedeume, en cuxo pazo serán asediadas a muller e a filla de Nuno Freire de Andrade polas xentes de Roi Xordo, repetindo o operativo no castelo da Nogueirosa e continuándoo en Betanzos, onde chegan a queimarlle a residencia. A expansión da revolta ao centro de Galiza e o intento mesmo de tomar Santiago de Compostela, rematando co poder do arcebispo Lope de Mendoza, representará o comezo do declive da protesta, ao ser rexeitadas ás forzas de Roi Xordo ás portas da cidade e non ser aceptadas as súas demandas polos mediadores reais. Reagrupados os irmandiños sobre as súas bases iniciais na zona das Mariñas, serán derrotados definitivamente en Pontedeume polos exércitos de Nuno Freire de Andrade “O Mao” e do corexedor real Gómez de García de Hoyos, que non só logran levantar o cerco sobre o castelo da vila, senón que inician unha forte represión contra os rebeldes.

 

A revolución dirixida por Roi Xordo é a resposta ás medidas fiscais de Nuno Freire de Andrade “O Mao”, persoa chave do poder real castelán no pais

 

A revolución dirixida por Roi Xordo é a resposta ás medidas fiscais de Nuno Freire de Andrade “O Mao”, persoa chave do poder real castelán no pais, e a vontade de Ferrol e Pontedeume por recuperar o carácter de vilas de reguengo, perdido polo seu apoio a Pedro I. As súas demandas son ben coñecidas, fundamentalmente a raíz das queixas achegadas ao rei Xoán II a finais de 1461 ou comezos de 1462 polo rexedor de Ferrol, Pontedeume e A Coruña, Pedro Padrón, nas que demandaba a volta destas tres localidades ao señorío real, reivindicación que se fará efectiva temporalmente á volta de 1441. Agora ben, as causas estruturais do conflito e a explicación do alargamento da rebelión a todo o norte galego, están ligadas as consecuencias das políticas dos Trastamara, cun programa de goberno ao servizo da oligarquía señorial e eclesiástica e enfrontados aos intereses das vilas e das cidades, merecedoras da atención de Pedro I.

 

A irmandade de 1431 foi un ensaio xeral para o norte galego da grande revolta irmandiña de 1467, xogando a mesma función que a “revolta dos portos” de 1451 e 1452 nas Rías Baixas, cumprirá para o sur do país. Estamos diante dun movemento de longa tradición no Reino de Galiza, cuxas orixes arrancan do século XII, con réplicas nas centurias seguintes, de carácter endóxeno, cunha lóxica e propósitos diferentes ás experiencias xurdidas no marco da coroa de Castela. Se para este último caso as irmandades responden a un programa de orde público asociado a novos fenómenos de poboamento urbano, no noso atende a obxectivos políticos asociados ao proceso de inserción subsidiaria no espazo castelán e da propia dinámica de clases interna, nun tempo que os sectores socias emerxentes, basicamente extractos da baixa e media fidalguía e do artesanado, tentan disputar a hexemonía aos grupos oligárquicos de matriz señorial ou eclesiástica.

 

A irmandade de 1431 foi un ensaio xeral para o norte galego da grande revolta irmandiña de 1467

 

Roi Xordo é vítima do malfado da historia de Galiza e dunha visión mitificada e deformada da loita irmandiña. Así, unha parte da historiografía, fundamentalmente aquela fundacional do discurso españolista,  tenta converter este movemento no capitulo galego da revolta dos comuneiros, na perspectiva de integrala no grande relato que é a invención de España. Ao tempo, debedora neste caso dunha interpretación escolástica do marxismo, asócianse ás revoltas a unha loita de dirección popular, porén á súa fronte atópanse sectores da fidalguía, como acontece con Roi Xordo en 1431 pero tamén en 1466 con Diego de Lemos, Alonso de Lanzós e Pedro Osorio, fillo do poderoso conde de Trastamara. Roi Xordo, unha rebeldía aínda por coñecer debidamente; a revolución irmandiña, un capítulo central da vida do noso pobo por explicar; a historia do Reino de Galiza, unha realidade por divulgar.



x