NA COMPAÑA DA POETA EN CASTELÁN E EXCEPCIONALMENTE EN GALEGO CLARA CORRAL

Rosalía, de paseo pola muralla de Lugo

Rosalía, de paseo pola muralla de Lugo
Un aspecto da muralla de Lugo [FOTO: Wikipedia]
Un aspecto da muralla de Lugo [FOTO: Wikipedia]  

A día de hoxe non posuímos ningunha proba directa e contemporánea que nos permita asegurar que Rosalía morou en Lugo. Sabemos con certeza que non o fixo de forma permanente e a súa presenza ocasional é sempre debida a testemuños indirectos e posteriores á súa morte pois, como di Carvalho Calero, “o relevo atinxido pola figura da escritora dá interese a todo o que a ela se refira”


É posíbel que entre 1864 e 1868 si se hospedase (é a palabra que utiliza B. Teijeiro máis abaixo), en ocasións, na cidade pois foi na imprensa de Soto Freire que viu a luz, en 1867, El Caballero de las botas azules, e tamén os dous primeiros volumes da Historia de Galiza de Murguía (1865 e 1866).

 

Para Francisco Rodríguez, alén desta relación editorial, na que Murguía tiña un papel moi destacado, as cartas de Rosalía a Soto Freire e as del por ela recebidas dos anos 1866 e 1867 dan a entender que non se coñecían persoalmente, o que non sería explicábel se Rosalía vivise en Lugo, pois Soto Freire si moraba na cidade neses anos.

 

E non temos ningún testemuño directo en que acreditar. Só indirectos. Sen dúbida podemos asegurar, seguindo o texto de Teijeiro Martínez que vén máis abaixo e as propias investigacións de Francisco Rodríguez, que Rosalía si se hospedou en Lugo (“Lucus Augusti hospedaba dúas poetisas...”), mais nunca morou na cidade.

 

En 1962 Carvalho Calero publica en Faro de Vigo un artigo titulado Rosalía en Lugo. Nel presenta as diversas posicións atinxentes á presenza de Rosalía en Lugo -tanto as de quen asegura que de 1865, ou xa 1864, a 1868, Rosalía vive en Lugo como as de quen non cre que permanecese constantemente na cidade por aquelas datas e admite temporadas de residencia alternadas en Lugo e terras de Compostela. Fala tamén Carvalho da falta de testemuños auténticos que nos permitan situar Rosalía perto das murallas e, perante a falta deles, bota man de Aureliano Pereira, lugués, para afirmar que “o testemuño de Pereira confirma, sen lugar a dúbidas, que Rosalía viviu en Lugo”.

 

E máis nada.

 

Testemuño similar, referido ao pasado, é o que se publica no número 53 (16 de maio de 1909) de Aires da Miña Terra, a revista publicada en Buenos Aires sob dirección de Manuel Nóvoa Costoya. Nese número o agrónomo natural de Ortigueira que exerceu de xornalista e historiador en América a partir de 1875, B. Teijeiro Martínez, describe un encontro en Lugo entre Rosalía de Castro e Clara Corral Aller. Isto é, entre a primeira e a segunda muller que no século XIX publican en galego. Faino como lembranza da amiga que morreu nese mesmo ano na Coruña.

 

Remóntase o cronista de Aires da Miña Terra máis de 40 anos atrás para referir o encontro. Unha tarde de primavera. Un paseo sobre as murallas de Lugo en que están Rosalía e Clara Corral. Mais vexamos o que escrebe B. Teijeiro Martínez en 1909, traducido do orixinal español:

 

“Pasaron máis de cuarenta anos! Lucus Augusti hospedaba dúas poetisas que xa non existen: Rosalía Castro e Clara Corral.

 

Unha tarde primaveral topei con ambas no paseo da romana muralla e, antes de expirar o día, baixamos á cidade. Clara quería lerlle á súa amante Rosalía a súa última produción poética, inspirada na lembranza de quen lle deu o ser.

 

A esa lectura asistía o Dr. Corral, pai cariñoso da inspirada autora de notábeis poesías en castellano e na doce e melodiosa fala que inspirou a Rosalía.

 

Clara comezou a lectura da súa última poesía El Crepúsculo, lectura que non puido terminar dominada por unha desas emocións profundas que anoan a gorxa e oprimen o corazón; saloucando ouvimos que dicía:

 

En el fondo del alma,

¿Quien un pesar no guardará escondido

Bajo aparente calma?

Aquel que haya sufrido,

Si sus hojas el llanto ha refrescado,

Al declinar la tarde habrá llorado.

 

A poetisa non pudo continuar e Rosalía terminou a lectura cos seguintes versos:

 

............................

Cuando la noche empiece,

A su alma dolorida,

Busque, el que sufre, celestial consuelo

En la bóveda azul del ancho cielo!

 

Esta lembranza íntima á memoria da que foi nobre amiga miña, que hai pouco faleceu, segundo o anuncia o Boletín da Real Academia Galega, da que foi membro correspondente, débese ao xenial poeta enxevre D. Manuel Nóvoa Costoya ao pedirme algunhas liñas para o número do primeiro aniversario da súa revista Aires d´a miña terra.

Tamén, como lembranza, envío o retrato único da poetisa señorita D. Clara Corral na época a que me referín máis arriba”

B. Teijeiro Martinez

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA         Clara Corral naceu en Ourense o 8 de xuño de 1847. Entre 1852 e 1868 reside en Lugo. En 1868, morto o pai en 28 de xuño, trasládase a Compostela. A nai xa morrera antes desa velada que refere Aires d´a miña terra. Despois de Compostela pasou a vivir á Coruña, onde morreu en 1909.

 

O texto de Teijeiro é unha nota fúnebre, aparece encabezado cunha cruz, de lembranza dunha amiga e dun tempo pasado, destinado a enxalzar unha muller con certo prestixio literario, polo menos na prensa do momento, e cualificada sempre como “de excepcional cultura”. Da súa escrita en galego só coñecemos tres poemas, un deles o que vai a seguir:

 

Lonxe vai miña alegría

Xa na vexo donde vai!

Bágoas atopo nos ollos

No peito atopo soedá ...

.....................................

Onte á caer da tardiña

moitas xentes vin pasar;

iban cubertas de loito.

Eu preguntei: que será?

E vin deitada na tomba,

sin reir e sin chorar,

unha nena como o ceo

do tempo que pasou xa ...

Bágoas atopo nos ollos

que nunca se secarán.

¡Quen fora morta na toma

sin reir e sin chorar!

 

A fotografía, tirada da Wikipedia, que vai inserida no corpo do texto é do cimiterio de Santo Amaro, onde repousan os restos de Clara Corral Aller 



x