A RTP lembra o portugués galeguista que loitou pola República

A RTP lembra o portugués galeguista que loitou pola República
Manuel Graciano Araújo, na única foto que se conserva del.
Manuel Graciano Araújo, na única foto que se conserva del.  

A televisión pública do país veciño vén de lembrar nun documental os portugueses caídos na Guerra Civil española. E comezan por Manuel Graciano Araújo, un xornaleiro e canteiro que vivía na Estrada e que foi fusilado por galeguista e comunista. 


Graciano era natural de Viana do Castelo, onde residía a súa familia, mais vivía na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco.​ 

A acusación pola que o asasinaron dicía así: "Se valía, siguiendo consignas que claramente sabemos que vienen de Rusia, de sedicentes propagandas galleguistas y de un falso afecto a nuestra región, para combatir la única e intangible realidad nacional con la creación de antihistóricos y artificiosos hechos diferenciales".

A historia foi recuperada pola RTP coa colaboración de Dionisio Pereira, que ten publicado unha obra na que afonda na historia dos portugueses na Galiza, 'Emigrados, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)', na editorial Através.  

Dionisio Pereira cifra en 370 as persoas de nacionalidade portuguesa residentes en Galiza que foron represaliadas de diferentes maneiras, das cales 68 foron asasinadas. 

No documental da RPT, titulado 'A guerra também foi nossa' (programa Linha da Frente, emitido o 19 de novembro), Pereira cifra en 370 as persoas de nacionalidade portuguesa residentes en Galiza que foron represaliadas de diferentes maneiras, das cales 68 foron asasinadas. 

O historiador galego explica que Graciano traballaba de xornaleiro facendo estradas e “formou parte dos grupos que defendían a República”. Tiña 29 anos e deixou viúva e dous fillos. O día anterior ao seu fusilamento deixou escrita esta mensaxe para o cónsul portugués de Vigo: “Ex. Sr. hoje chegou minha hora, sinto como Portugues não poder abrazar a bandeira da Patria querida, mais não tenho tempo que Vde. Benha junto de min. Um adeus a Portugal. Sou filho da Patria Querida”. Ao día seguinte era fusilado en Pontevedra e descansa no cemiterio de Santo Amaro. En xaneiro 2014 foi homenaxeado na Estrada polas asociacións Vagalume e Verbo Xido. 

Outro caso: Abílio Barbosa Araújo

O documental tamén conta a historia doutro portugués emigrado na Galiza que foi paseado: Abílio Araújo Barbosa. Soterrado polos veciños de Gondomar logo de ser asasinado, o seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoranos, en colaboración cos forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago, grazas ás políticas impulsadas polo bipartito neste eido.