Sada realiza un pleno extraordinario para demandar a devolución do Pazo de Meirás

Sada realiza un pleno extraordinario para demandar a devolución do Pazo de Meirás
Vista do Pazo de Meirás [Imaxe: anitagaleuska.blogspot.com]
Vista do Pazo de Meirás [Imaxe: anitagaleuska.blogspot.com]  

O goberno local demandará que o enclave, declarado Ben de Interese Cultural, deixe de estar en mans da familia Franco, a quen o  BNG proporá que se lles declare “personas non gratas”.


O Concello de Sada podería dar un paso máis na ofensiva pública contra a “vergoña” do Pazo de Meirás. Após a polémica avivada semanas atrás cando se coñecía que a Fundación Francisco Franco asumía a xestión das visitas ao pazo, o goberno sadense de coligazón entre SadaMaioría, PSdeG e BNG, ofreceu que fose o propio Concello que asumise ese cometido. Este sábado terá lugar un pleno extraordinario para abordar o futuro do Pazo. A sesión, que dará comezo ás doce e media, contén un único punto na súa orde do día: “Proposta de asunción e xestión pública municipal do réxime de visitas do Pazo de Meirás e medidas complementarias”. No marco dese debate está previsto que se reclame a recuperación do pazo, declarado Ben de Interese Cultural para o patrimonio público. A votación producirase poucos días despois de se cumpriren dez anos precisamente do acordo plenario que fixo posíbel esa declaración. O BNG proporá ademais que Sada declare a familia Franco como “personas non gratas”.

 

Desde o goberno local critican a inacción da Xunta de Galiza ao permitir a "vergoña" de que a Fundación Francisco Franco xestione as visitas públicas

Para o alcalde, Benito Portela, este pleno é “un momento chave” que se debe aproveitar para “non perder a oportunidade de que o Pazo de Meirás sexa propiedade publica e con destino a actividades de memoria histórica”. En palabras de Portela, trátase dun “asunto de interese xeral, de toda a sociedade galega”. É por iso que o rexedor decidiu convidar para que asistan á sesión plenaria o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, os presidentes das deputacións provinciais, entidades e veciñanza. O alcalde reprocha a inacción do goberno galego diante do que cualifica de situación vergoñenta. “A Xunta non pode seguir de perfil, mostrando publicamente a súa contrariedade con que a fundación xestione as visitas e, ao mesmo tempo, non adopte ningunha medida efectiva para evitalo”, afirma. 

 

Personas non gratas

O BNG quere ir alén dese reclamo e propón que se declare “personas non gratas” á familia Franco.  Faino a través dunha emenda formulada á iniciativa impulsada polo alcalde que se presentou como un “texto fechado”.  “As declaracións de responsábeis da Fundación Francisco Franco pretendendo facer de Sada un parque temático do franquismo, a través do Pazo de Meirás, deben ter unha resposta contundente, máis alá de instar ás institucións a facer cumprir a lei”, defende a fronte nacionalista. 

 

Na corporación municipal, as forzas que dan soporte ao goberno --SadaMaioría, PSdeG e BNG-- suman 8 votos. O Partido Popular e Partido Demócrata Sada Popular, suman os 9 restantes. Da decisión de ambos os dous grupos dependerá o desenlace do pleno. 

 

Iniciativa pola devolución

O pasado 9 de agosto varias institucións pública e entidades acordaban promover unha Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. A Deputación da Coruña, os concellos de Pontedeume, Sada e A Coruña, a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e o proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña, fan parte desta iniciativa e acordaron  apoiar que con carácter inmediato as visitas ao Pazo de Meirás sexan xestionadas directamente polo Concello de Sada. Aliás, proporán a modificación da Lei de Fundacións para ilegalizar aquelas que fagan apoloxía do franquismo, e urxirán unha Lei da Memoria histórica galega. 

 

Dez anos da solicitude do BIC

O pleno extraordinario deste sábado terá lugar poucos días de se cumpriren dez anos do acordo plenario que permitiu iniciar os trámites para a declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. A iniciativa, proposta do goberno local liderado polo daquela alcalde do BNG, Abel López  Soto, discutiuse o 9 de agosto de 2007 e saíu adiante cos votos a prol do BNG, PSdeG, Agrupación Sada Unida e PP.  O Partido Demócrata Sada Popular optara pola abstención.

 



x