San Fins homenaxea ‘Santalices’, anarquista catalán implicado na reorganización da resistencia antifranquista en Galiza

San Fins homenaxea ‘Santalices’, anarquista catalán implicado na reorganización da resistencia antifranquista en Galiza
San Fins
San Fins  

A II edición da Romaría da Columna Sanfins, en Lousame, terá lugar este sábado. Palestras, xantar de convivio, música e a inauguración dunha placa homenaxe a Miguel Sangenís Sabater ‘Santalices’.


San Fins (Lousame) acolle este sábado a segunda edición da Romaria da Coluna Sanfins. Un nome que rememora e homenaxea os mineiros das minas de San Fins, importante foco de organización obreira, nomeadamente en torno ao anarquismo. Cando o golpe de estado de 1936 foron tamén focos de resistencia. No caso de San Fins esa resistencia concretouse na 'Columna Sanfins', integrada por volta de 200 mineiros que se organizaron para facer fronte aos militares golpistas. Formaron unha columna con autobuses e camións que blindaran e cargaran de explosivos procedentes da mina e partiran para a Coruña, xuntando xente a medida que paraban por Noia, Compostela e Ordes. Os mineiros combatentes, mais tamén a veciñanza de Lousame, foron vítimas dunha brutal represión nos meses posteriores.

 

Nesta segunda xornada homenaxearse Miguel Sangenís Sabater, ‘Santalices’. Un anarquista nado en Barcelona a comezos de século XX e que en 1936 recalara en Compostela. Após a Guerra Civil traballou en San Fins e foi enlace co comité nacional da CNT. En 1947 tentou reorganizar a CNT galega. Na súa memoria descubrirase unha placa de bronce.

 

O acto do sábado é organizado nunha parceria con Verdegaia, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Sociedade Histórica e Cultural ‘Coluna Sanfins’, Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a propia CNT.

 

O programa de actividades inclúe, de mañá, unha roga ambiental no monte veciñal e xantar popular. Logo do xantar, á tarde Xoán Hermida, Xerardo Agrafoxo, Xesús Santos e Joám Evans participarán nunha palestra intitulada ‘Memoria da (pós)guerra’. Para fechar a xornada, concerto ao ar libre de Barahúnda.



x