Serafín Ferro, máis ala da xeración do 27

Serafín Ferro, máis ala da xeración do 27
Cernuda e Ferro
Cernuda e Ferro  

Foi o astro galego que namorou Luís Cernuda naquel universo da xeración española de 1927 pero fundamentalmente, un actor, un dramaturgo, un poeta, un bisexual, un combatente antifascista, un libertario e un nacionalista.


A práctica totalidade das achegas á súa figura sinálano como o grande amor do xenial  poeta, signifícano como a inspiración de Los placeres prohibidos e Donde habite el olvido [obras ambas de Cernuda], identifícano como o vértice daqueles triángulos amorosos de García Lorca, Vicente Aleixandre e Cernuda, é o “ángel, demonio, suelo de un amor soñado” pero tamén a “serpiente que llevo hace tiempo enroscada a mi corazón” da obra cume do sevillano. Ao fin, as súas andanzas entre as xentes do 27 remataron por convertelo para o público nun actor secundario da súa propia vida, nunha extensión sen autonomía dese capítulo das letras españolas, nunha caricatura máis ou menos simpática debuxada en relación a outros, isto é,  nunha persoa agochada baixa a sombra dos seus próximos.

 

Chegou a Madrid fuxindo da miseria. Nado nunha familia da clase traballadora no barrio coruñés de Monelos o 12 de Agosto de 1914, emigrou, aínda non cumpridos os 17 anos, á capital do estado, onde xa residían os seus irmáns Amádeo e Xosé, destacados cadros do movemento libertario. Era na altura, en palabras de García Lorca, “un muchacho todavía, pero ya es algo más que un chiquillo: un Juan Bautista de la época en que Jesús era niño… Me conmueve en él esa tristeza indefinida que contrasta con su extremada juventud”. Os anos españois de Serafín Fernández Ferro están marcados por unhas condicións materiais de vida moi precarias, unhas grandes preocupacións intelectuais, unhas arraigadas convicións políticas e un amplo mundo de relacións sociais. Linotipista na imprenta dos poetas Manuel Altolaguirre e Concha Méndez, habitual nos faladoiros das xentes do 27 como os escritores García Lorca, Carlos Morla Lynch, Pablo Neruda, Luís Cernuda ou os pintores Ramón Gaya ou Juán Moreno Villa, pero sempre rebelde enfrontándose na rúa con contundencia ben aos marxistas ben aos fascistas.

 

Nunca marchou de Galiza. Ao tempo que partillaba conversa e bohemia coas xentes do 27, asistía sen fallo á xuntanza dos nacionalistas no Café Regina da rúa de Alcalá, presidida por Ramón Cabanillas e na que non faltaban Daniel Castelao, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedraio e Antón Vilar Ponte, entón deputados no congreso. Acompañábase de libros, como testemuñou Guerra da Cal, o único decorado na súa habitación da praza da Cebada eran dúas maletas cheas de volumes, mostrando especial querenza por Cantos de Maldoror de Lautréamont, Follas de herba de Whitman, os clásicos do anarquismo, particularmente Bakunin, e a obra de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Amado Carballo. A comezos de 1935 retorna a Galiza estreitando os seus contactos co mundo do Partido Galeguista, onde é introducido por Ramón Suárez Picallo, traba amizade con Álvaro de las Casas e dá ao prelo os seus primeiros poemas, entre eles Noite, publicado na revista Nós e lánzase á actividade teatral. Após dunha estadía de meses en Lisboa a onde acode como actor dun grupo galego, a comezos de 1936 anúnciase a presentación da súa propia compañía teatral “Keltya”, cunha montaxe dirixida por el propio sobre a peza de Yeats O país da saudade, Nocturnio de medo e morte de Antón Vilar Ponte e Matria de Álvaro de las Casas.

 

Ferro. Sierra de Teruel.Morreu en Mexico o 8 de Agosto de 1954. Só, tuberculoso, alcoholizado, era un home derrotado como todos aqueles que o acompañaron na viaxe do Ipanema. Atrás ficaba a fuxida da Coruña fascista alistándose como voluntario ao exército rebelde, o seu paso ás filas republicanas, a súa incorporación ás “Milicias Galegas” e o seu concurso nas accións de guerra das milicias populares, onde acadou o grao de tenente e será ferido en diversas ocasións, o que lle valeu a consideración de mutilado. Incorporado á “Solidaridade galega antifeixista” en Barcelona, colaborou nas páxinas de Nova Galiza, onde publicou en galego poemas e artigos, coa lembranza da represión en Galiza sempre moi presente. Ao tempo, participará como actor de reparto nunha das películas centrais da filmografía antifascista, Sierra de Teruel, obra dirixida polo francés André Malraux, tomando como base a súa novela L´Espoir, filmada en Catalunya  entre 1938 e 1939, rematada en Franza e que conta como actor principal co tamén galego Andrés Mejuto. E ao final chegou o exilio, os días de México, e o silencio, agás unhas poucas liñas da correspondencia entre Blanco Amor e Suárez Picallo, a manipulación, unha peza decorativa no medio das xentes do 27. Recuperémolo.

 

Nota: A imaxe que vai inserida no meio do texto é un fotograma do filme Sierra de Teruel



x