UNHA ESCOLMA DO PAPEL / DEBATES 5X2

Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?

Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?
[Imaxe: Cintia París]
[Imaxe: Cintia París]  

Para a décima e derradeira entrega do 5x2, a sección que creamos para conmemorar o V aniversario de Sermos Galiza, xuntamos Felipe-Senén, museólogo e arqueólogo, ademais de ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, con Pepa Rei, profesora de Prehistoria na Universidade de Santiago e especialista no mundo castrexo. O obxectivo é recuperar unha vella discusión que volve a nós a cada pouco: a posíbel orixe celta da nosa cultura. Ou non. Un tema espiñento, complexo e con moitos matices no que estivemos a rabuñar con estes dous expertos.


Sermos Galiza. Poderiamos dicir que Galiza é un país celta, tal e como se definen Irlanda, Gales, Cornualles ou Escocia?

 

Felipe-Senén. Iso era o que dicían os románticos no momento en que se buscaba unha identidade céltica, pero de todo o occidente atlántico, non só nós. Fálase de música céltica, de literatura céltica, mesmo de bebidas célticas, como a sidra ou a cervexa, como unha marca de identidade en toda unha diacronía que vén desde a prehistoria até a contemporaneidade.

 

SG. Vostede diría que Galiza é un país celta?

 

Senén. Eu diría que visto así, na súa diacronía cultural, entendéndoo como un país do occidente atlántico que une a cultura a través dunha autovía que é o Atlántico, si. E ademais, na historia os romanos cando chegan aquí, ven os outros e din: “non son coma nós, son célticos, ou son celtíberos”, e teñen ritos moi ao estilo oriental, de carácter mesmo grego, como visten, o que toman, etc. E ademais aparecen documentos arqueolóxicos, a Estela de Crecente, que está no Museo de Lugo, onde hai un tamarico que presume de céltico, é dicir, que entre os romanos presume de céltico. E logo na época medieval, no Libro das Invasións do século XII no que fala de Breogán, que parte de Brigantia, etc. Logo as lendas do ciclo artúrico están en Galiza, no Cebreiro, no Monte Pindo, que ese é o mundo céltico por excelencia. Como o propio Breogán que se cristianiza, e logo santiños populares galegos, panteístas moitos deles… E logo eu aí vexo unhas permanentes identitarias culturais que venden turisticamente moitísimo. Despois, nese mundo protohistórico hai uns elementos moi propios. A nosa cultura dos castros, tan romanizada, é unha cultura moi particular, moi semellante ao dos hillforts ingleses. E hai unha etnoarqueoloxía viva moi particular, moi identitaria nosa procedente dese mundo chamado occidental atlántico ou, entre aspas, mundo céltico.

 

Felipe-Senén: " Os celtas eran como os indios para colón. Son os outros"

 

Pepa Rei. Eu o problema que vexo desde o punto de vista arqueolóxico e artefactual é que non hai fontes escritas. Eu sempre defendín, independentemente de flias e fobias, que a dos celtas é unha liña de investigación que necesita estar aí, pero arqueoloxicamente neste momento é unha parte pouco traballada, hai unha liña de investigación en toda a Península que se chama Etnoxénese e que intenta ver as orixes daqueles pobos cos que se atoparon os cartaxineses e os romanos, que son os galaicos, os astures, os baceos, os celtibéricos, etc. Entón esa liña está aí. Pero a investigación xa sabemos o fráxil que é porque temos unhas desigualdades de coñecemento moi fortes como para ter unha configuración de orixes, procedencias e circuítos moi importante. Iso é moi importante. Pero non só afecta a Península Ibérica. Por exemplo, en Irlanda o céltico é fundamentalmente medieval. O que está claro desde a perspectiva arqueolóxica, sen fontes escritas, é que só temos a cultura material e a estética, que son como faragullas de pan que che permiten identificar rastros e condutas xeográficas. Só sabemos que no Bronce final as relacións atlánticas son moi importantes. Realmente non somos un fondo de saco, como se dicía. Somos atlánticos, marítimos fundamentalmente, realmente nós somos un centro do Atlántico. Esa é a perspectiva que agora temos.

 

SG. O que estás a dicir é que non temos probas de que estas culturas fosen celtas?

 

Rei. O que eu quero dicir é que o que somos é fundamentalmente atlánticos e neste momento o que mellor está estudado en relación coa cultura castrexa son as Rías Baixas e practicamente coñecemos mal o territorio astur ou lugués.

 

SG. Ás e aos habitantes de aquí como lles chamas? Castrexos?

 

Rei. Nós, en principio, a palabra arqueolóxica que utilizamos é castrexo, porque o fósil máis evidente é o castro.

 

SG. E hai unha cultura castrexa?

 

Rei. Hai unha cultura castrexa con moitísimas connotacións territoriais. Non é o mesmo o territorio lugués, o astur ou o bracarense. A pregunta é: a que lle chamamos celtas? Son unha etnia? Son unha xente diferente á do Mediterráneo? Desde esa perspectiva somos opostos ao Mediterráneo. Coñecemos o mediterráneo, interpretámolo moitísimo, pero baixo a nosa estética. Nós somos eminentemente atlánticos. Hoxe en día defender etnias non é viábel porque non coñecemos os cemiterios, non podemos facer análises xenéticas de procedencias. Só o podemos facer polas faragullas de pan, pola estética das cousas.

 

SG. Os castros só existen na Gallaecia?

 

Rei. Existen en toda Europa, no Bronce final, son momentos de relacións de amplo percorrido. En toda Europa vese un proceso de fortificación, e unha connotación específica galega son as casas circulares, que serían o menos celta, entendendo celta por Centro Europa, por exemplo.

 

SG. A cultura castrexa ten algo que ver cos celtas?

 

Rei. Depende do que entendamos por celtas. Uns formulan que son o oposto ao Mediterráneo.

 

Senén. Para o mundo romano eran os outros.

 

Rei. Como o equivalente a bárbaros. Outras veces sitúan os celtas como pobos moi específicos, mesmo en distintos puntos da Península.

 

Senén. Un pouco os celtas eran como os indios para Colón. Son os outros. Ti dicías de Irlanda, vaia se hai castros. Non che digo os que hai en Gales, Cornualles e Inglaterra, que son moi similares aos de Bergantiños, cos seus foxos e os seus terrapléns. É unha cultura moi particular que se acorda a través da historia chamarlle cultura occidental atlántica, que é máis prudente, e se turisticamente vende o de celta e os romanos o dicían… porque eles tamén tiñan as mesmas dúbidas para precisar. E din que os ártabros eran célticos. E se logo, na época medieval, o Libro das Invasións fala de Breogán e no XIX retoman iso, diacronicamente na cultura está que somos celtas, e aínda por riba vende, pois adiante. Agora, a arqueoloxía é outra cousa.

 

Rei. Co que coñecemos hoxe hai que dicir que funciona máis como unha cultura atlántica. As cousas chegan do Mediterráneo, porque era o epicentro económico, e como toda zona de poder tamén ten prestixio economicamente. E a partir de aí toda Europa participa de todo iso.

 

Senén. Aí estaremos de acordo en que ese chamado mundo occidental atlántico, ou chamado mundo céltico, aí hai un mundo moi curioso: os torques, ese maniqueísmo: o si e o non, o día e a noite, ese simbolismo astral… Hai unhas connotacións moi propias, tanto que na época de Carisio acúñase nos campamentos unha moeda cos círculos concéntricos, que é o escudo dos guerreiros galaicos.

 

SG. É unha época pouco estudada desde a historiografía galega?

 

Rei. Eu creo que non, mesmo temos moitos máis estudos que na zona da Meseta. Cada zona centra a súa investigación en distintas épocas e ás veces en determinadas temáticas. E eses desequilibrios complican á hora de encaixar cousas, pero somos unha cultura máis dinámica do que parece, aquí chegaron novidades continuamente ao longo da Idade do Bronce. O proceso de fortificación chega a finais do Bronce final, que é cando as relacións atlánticas son máis intensas, e a partir de aí dá a sensación de que somos un pobo estático onde non pasou nada até que chegaron os romanos. As cronoloxías están dicindo que aquí as novidades chegan máis cedo do que se cría. E non é unha cultura estática onde nos mediterraneizamos cando chegan os romanos. Para min o problema é o significado: se falamos de etnias ou de que. O que si está claro é que a xente que está aquí está en continua interrelación co que está pasando en toda Europa e no Mediterráneo. En cerámica, por exemplo, atopamos imitacións de cráteras gregas.

 

Pepa Rei: "Non somos un fondo de saco, como se decía. Somos atlánticos, marítimos fundamentalmente, realmente nós somos un centro do Atlántico."

 

Senén. Onde máis se ve é na ourivería, aí somos moi particulares.

 

SG. Pepa, vostede como lles chamaría aos pobos que habitaban nesta zona antes dos romanos?

 

Rei. Eu chámolles castrexos. É que nós vinculamos á cultura castrexa a todo o que está nos castros, pero ollo, por iso eu dicía que hai castros en Irlanda… E hai castros medievais, castros romanos… E seguro que hai granxas da Idade do Ferro ou outro tipo de poboamentos que aínda non sabemos ver. Ese é o tema.

 

Senén. Con todo, os galeses e os escoceses nos hillforts falan claramente do mundo céltico. Eu non dubidaría en chamarlle mundo céltico. E iso marca diferenzas que se aproveitaron na época do romanticismo e co comezo dos nacionalismos. E que ademais venden enormemente. Fíxate que acaba case de demostrarse que o Grial é o cáliz de dona Urraca que está en San Isidoro de León. E isto conéctase co mundo artúrico, as novelas de cabalarías, o mundo céltico vende enormemente, tanto como as reliquias do íntimo amigo de cristo, Santiago Apóstolo. E logo iso de Asturias nación celta… Asturias forma parte dun conxunto que era o noroeste peninsular e non podemos cinxirnos ao mapa de Galiza de 1850. O Cid Campeador era un “perro gallego” nas crónicas árabes que estaban en Tombuctú.

 

Rei. O dos torques é case un tema universal, só que a especificidade nosa é o ouro ou cor ouro. O proceso de fortificación é algo moito máis xeral. As casas son circulares, e as centroeuropeas sempre se construíron en cadrado ou cuadrangulares. O repuxado, que se considera céltico, non é algo específico. Darlle a iso atributo céltico non é viábel hoxe por hoxe.

 


 

A UNIVERSIDADE GALEGA, Á MARXE DOS ESTUDOS CÉLTICOS

 

Tanto Felipe Senén como Pepa Rei coinciden en que a universidade galega, por razóns históricas, non estudou as culturas célticas.

 

Senén. A universidade galega só ten abordado estas cuestións en congresos puntuais. Aí debería haber unha cátedra. É a universidade a que ten que regar dentro dun esquema permanente.

 

Rei. Si, pero imos pensar unha cousa: á universidade neste momento non lle queda nada para ser unha escola unitaria. Eu practicamente son a última que entrou na miña área e xa non me queda tanto para xubilarme. Os profesores da área de Arqueoloxía nin sequera cobren todas as etapas da Prehistoria galega. E cal é a traxectoria da universidade? Primeiro Alonso del Real [catedrático da USC, que estivo na División Azul], nun tempo en que o tema celta te podía relacionar cos nazis; logo Valil, unha persoa educada na mirada mediterránea, que potenciou este enfoque. Eu son discípula de Luzón, tamén enfocado cara a aí. Non esquezamos que a historia é unha ciencia social, e como tal é sentimental. Todos temos intencións políticas. Houbo un ano en que organizou André Pena un congreso de celtas, pero non había practicamente alumnos, polo tema de filias e fobias. O celtismo non é un credo, é unha cuestión de liñas de investigación que deberían estar aí. Temos hoxe en día máis desenvolvida a mirada mediterránea e non a atlántica. En cambio, fáltanos a mirada, eu sei que a zona luguesa nos vai dar sorpresas porque é un mundo moi diferente.

 

Senén. Nós somos produto dos nosos profesores. E a pregunta é: que fixeron con Florentino López Cuevillas aqueles francotiradores? Eu creo que falta conexión coas universidades británicas, co mundo dos hillforts… Iso respecto á prehistoria, pero acontece o mesmo cos normandos e cos viquingos.

 

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº252, publicado a 29 de xuño de 2017.

 



x