Teatro solidario contra os foros

Teatro solidario contra os foros

O 27 de novembro de 1922 tres persoas foron asasinadas en Sobredo. Timidamente a nova vai aparecendo na prensa. La integridad, diario católico de Tui, recolle unha breve nota o día 1 de decembro en que baixo o título As Campañas agrarias dá conta da “distribución de follas clandestinas inxuriando gravemente as autoridades desta cidade” ao tempo que pede reflexión aos labregos para tratar de procurar unha saída harmónica ao conflito e informa da suspensión da sesión municipal en sinal de dó.

 

 

Uns días despois, o 9, Galicia, diario de Vigo, informa de que en Compostela comezaron as primeiras medidas de solidariedade e que despois dunha reunión de líderes sindicais se acordou que en Compostela non se verifique o paro de 24 horas previsto, entregando, en cambio, cada obreiro o xornal dun día, que se dedicará a socorrer as familias das vítimas de Sobredo. O acordo farase extensivo a todas as poboacións galegas, calculando que a recadación poderá ascender a 7 mil pesos. Tamén se advirte que, caso o goberno desatender as peticións formuladas polos labregos en relación ao tributo foral, plantexarán unha folga xeral en Galiza con carácter indefinido.

 

O mesmo diario, en data 15/12/1922, dá conta dunha velada teatral en Compostela que porá en escena O Fidalgo, do dramaturgo San Luís, e que o avogado Manuel Mª González, culto e elocuente orador, pronunciará un discurso glosando as escenas antiforais e anticaciquís da obra. As representacións da obra continuarán por Pontevedra e Vigo e teñen por finalidade recadar fondos para as vítimas de Sobredo. Xa en 1923 as protestas toman forma de mitín. Vilaboa celebra un o 4 de febreiro “en protesta contra os sucesos de Sobredo”. Tivo tanta repercusión que houbo que repetir a representación e, nesa ocasión, foi Valentín Paz Andrade o encargado de pronunciar o discurso.

 

Este movemento de concienciación popular foi axiña contrarrestado. Da corte chegou outro tipo de encenación. Primeiro, en marzo do 23, Portela Valladares que visitou Tui doando 300 ptas para cada unha das familias das vítimas e en xullo o conde de Castelo, alén de condoar un foro que tiña en Tui, fala de levantar, á súa costa, un monumento a aqueles que sucumbiron en “holocausto á liberdade da súa terra”



x