ESTE DOMINGO, ACTO EN OLEIROS

Teo, A Coruña, Arzúa e Compostela uníronse para lembrar Ánxel Casal

Teo, A Coruña, Arzúa e Compostela uníronse para lembrar Ánxel Casal
[Imaxe: Concello de Teo]
[Imaxe: Concello de Teo]  

Na tarde do sábado, 19 de agosto, os concellos de Teo, A Coruña, Arzúa e Compostela homenaxearon Ánxel Casal e reivindicaron o seu legado, con motivo do 81 aniversario do seu asasinato. No acto institucional, reivindicaron o dereito “a recuperar a memoria”.


Se de mañá tiña lugar o acto convocado polo BNG de Santiago de Compostela na rúa do Vilar, pasadas as 20h comezaba en Teo a homenaxe a Ánxel Casal, membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, con motivo do 81 aniversario do seu asasinato.

 

Así, nunha gabia da estrada de Montouto, “onde os criminais que o pasearon tiraron o seu corpo”, o Concello de Teo, coa participación dos concellos de A Coruña, Arzúa e Compostela –cun forte vínculo co político e editor– lembraron “a entrega” e choraron o asasinato do nacionalista. Fixérono coa ollada posta no futuro, co fin de “sentar as bases” para que a “barbarie, o fascismo e a intransixencia política ou relixiosa non teñan acubillo”.

 

A declaración institucional estivo marcada polo masacre de Barcelona e Cambrils, “o odio que alimenta o atentado de Barcelona é o mesmo que acabou coa vida de Ánxel Casal: o odio da imposición, do fanatismo, da uniformidade, o odio contra o que pensa distinto, contra o dereito dos demais, contra a liberdade e a democracia”. Por iso, engadiu o concello, “reivindicamos Ánxel Casal e todas as vítimas do levantamento militar de 1936, e por iso reclamamos o dereito a recuperar a memoria”.

 

Apostouse na "denuncia e condena social e xudicial das persoas que propiciaron ou colaboraron naquel levantamento e a persecución dos seus apoloxistas"

 

Neste sentido, apostouse na “denuncia e condena social e xudicial das persoas que propiciaron ou colaboraron naquel levantamento e a persecución dos seus apoloxistas”. “Un estado democrático non pode permitirse a existencia legal de fundacións que glorifican o ditador e banalizan os seus asasinatos”, en clara alusión á Fundación Francisco Franco, quen xestiona as visitas ao espoliado Pazo de Meirás.

 

“Do mesmo xeito que esiximos esta condena, proclamamos a necesidade de construír unha sociedade baseada no diálogo, o respecto, a liberdade, a igualdade e a non discriminación social ou económica, único xeito de evitar que se produzan no futuro feitos lutuosos coma os que hoxe choramos”, concluía a declaracións institucional.

 

Após este acto, as persoas participantes dirixíronse ao monólito que lembra Ánxel Casal, onde tivo lugar a ofrenda floral que cada ano organiza o BNG de Teo.

 

O Día da Galiza Mártir recala en Oleiros

 

Tamén no contexto do Día da Galiza Mártir, o BNG de Oleiros conmemora esta xornada reivindicativa este domingo, ás 19h, en San Pedro de Nós. Trátase dunha homenaxe a Carmen Temprano Salorio “A Moza” e José María Castelo Mosquera “Casteliño”, integrantes da resistencia antifranquista.

 

No acto convocado pola organización nacionalista intervirá Luís Bará, parlamentar do BNG, e actuarán As Barallocas de Dexo e o cantautor Miro Casabella.



x