O terror en Lugo ten nomes

O terror en Lugo ten nomes
Franco en Lugo, saudando desde o balcón da casa do concello.
Franco en Lugo, saudando desde o balcón da casa do concello.  

Eis o operativo represivo. Un cartel do terror a cuxa cabeza se situaba a institución militar e do que facían parte sectores da igrexa católica, dirixentes patronais e as milicias paramilitares, formadas maiormente por falanxistas. As escadras negras moi activas na comarca de Sarria e Lemos, entre elas a de Sarria e Eirexalba, responsábeis entre outras das mortes, de Manuel Díaz González, o médico dos pobre do Incio, ou Xesús Casas “O Inverno”, aquel libertario do Incio que só pedía ver as fillas antes de morrer. As xentes da Falanxe de Ribadeo e Viveiro, co seu particular coche da morte, o “Coche do cangrexo”, que levou o terror parroquia a parroquia e vila a vila pola terras da Mariña e do Eo Navia e que un día cargou a Mendezona, aquel vista de alfándegas de Viveiro amigo de verdade de Gordón Ordax. O “Tercio da Falange de Becerreá”, a sementar a morte polas terras dos Áncares e de cuxa feitura fican aínda perdidos no Cereixedo en Cervantes os corpos sen vida de Eduardo Amigo, Pedro Gómez, Manuel Méndez, Teolindo Digón e Xoán Gutiérrez.

 

Aquí os nomes. Alá no norte, nas beiras salgadas da Mariña, Manuel Trobo Rivera, fundador da Falanxe en Viveiro, Manuel Galende, xefe de posto da Garda Civil en Mondoñedo e tamén, testemuña Nova Galiza, “Condín”, Leonardo Cuervo Cortés (a) “Tito” –frade perjuro-, un irmán seu chamado Rafael, médico; o secretario de Falange Manuel Cortés, o seu fillo Pepe, e o cura de Ribadeo Enrique López Galuá”. Xa na comarca de Sarria “O Zaera”, “O Requejo”, “O Carrozas”, “O Mao”, “ O Poleta” “O Eirexalba”, “O Arturo”, “ O Blanco”, “O Redondo”,“O Chaquetón”, e tamén “ O Garbito”, “O Rubio de Vilamaior”, “O Edra de Santalla”, “Pepe das Bustaregas” ou “David de Villamayor”. Aló nas terras de Lemos, ricas en viño e románico, “O Mosquito”, Villalobos, “O Cuadrado”, o “O Recaldado” ou o Marcial Vide, todos eles para manchar o nome da cidade dos Castro, “Servando de Buime”, o mineiro desclasado de Canabal, Louredo, o ferroviario de Bóveda, e tamén no Saviñao “Xaime de Agroxoi”, “Amieira de Villaesteba”, “O Bombas de Ousende” ou “O Rapelo de Freán”.

 

Esta quinta feira (19.30 h) vaise apresentar na libraría Trama de Lugo  “Os nomes do terror”, volume que saca á luz o operativo represor pero tamén a identidade dos verdugos nas comarcas de Lugo

 

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, volume editado por Sermos Galiza, recolle, ao fin, entre outras moitas cousas, estes nomes e estes feitos, sacando á luz o operativo represor pero tamén a identidade dos verdugos nas comarcas de Lugo. Estábano agardando, e así se explica o éxito colleitado nas diversas presentacións organizadas ao longo da provincia, onde se converteu no libro en galego máis vendido das feiras do libro de Viveiro e Foz. E chega a Lugo, a quinta feira 28 de Setembro ás 19:30 preséntase na libraría Trama, nun acto no que participaran a escritora Marica Campo, o activista da memoria e sobriño neto de Manuel Díaz, o médico do Incio, Xosé Manuel Díaz, o presidente de Sermos Galiza Xoán Costa e os autores que dentro do mesmo lle teñen dedicado os seus traballos á Lugo, Carlos Nuevo Cal e Xosé Ramón Ermida Meilán. A bo seguro, o acto organizado na libraría Trama, non só servira para coñecer e divulgar aqueles aspectos da represión referidos á cidade amurallada e a súa comarca senón que fornecerá máis información sobre os seus verdugos.

 

A publicación de Sermos Galiza fai un percorrido exhaustivo polos diversos capítulos do terror en Lugo parándose naqueles actores que máis significaron na represión paralegal, pero tamén na legal. O entramado que dirixiu os consellos de guerra, o estado de dereito do franquismo, entre outros Velayos Pérez-Cardenal, Otero Goyanes, Manuel María Puga, ou Azpiazu Tato, a ditar sentenzas de morte contra inocentes nos xuízos farsa, tamén daquela, celebrados no Pazo de San Marcos. As “Milicias de España en Lugo”, aqueles burgueses con uniforme procedentes do máis selecto da dereita local comandados polo capitán Areñas Molina, o mesmo que encanou coa súa pistola o coronel Caso para selar a felonía. Os paramilitares da Falanxe, á cabeza deles Viador Traseira, segundo Ben-Cho-Shey  “o inmoral Viador, quen tiña da súa parte a todol-os criminales sedentos de sangue inocente e o que resulta aínda máis incompresíbel as nenas góticas que presumen de católicas ”, axustizado en boa hora por Luís Trigo “O Gardarrios” en Abadín. E tamén a igrexa, e a garda civil, dirixida por aquel carniceiro da Galiza enteira que foi González Vallés, a fabricar mortes, como en Montecubeiro, da mans dos falanxistas naquel agosto de 1937. E ao fin, o terror, en Lugo,  xa ten nomes. 



x