Todo sobre a represión na zona mindoniense

Todo sobre a represión na zona mindoniense
Imaxe de abril de 1936 dun enterro laico en Mondoñedo presidido entre outros polo destacado dirixente socialista e famoso guerrilleiro Luís Trigo Chao “O Gardarríos”
Imaxe de abril de 1936 dun enterro laico en Mondoñedo presidido entre outros polo destacado dirixente socialista e famoso guerrilleiro Luís Trigo Chao “O Gardarríos”  

Mañá sexta feira a Casa da Xuventude de Mondoñedo acolle un relatorio sobre a represión na comarca da man dos investigadores Eliseo Fernández e Xosé Ramón Ermida, autor do libro 'Mortos por amor á terra', editado por Sermos Galiza. 


Ermida e Fernández  lembrarán e homenaxearan a aqueles veciños de Mondoñedo que sufriron a represión franquista e que mesmo chegaron a ser asasinados. A palestra que se celebra baixo o titulo de “Mortos por amor a terra. A represión franquista en Mondoñedo”, servirá tamén de presentación do libro de Ramón Ermida 'Mortos por amor a terra'.

Ermida indicou que “a represión política que se vai vivir en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano. Un Mondoñedo que contaba con agrupacións políticas como o PSOE, Izquierda Republicana, Partido Galeguista, Partido Sindicalista e mesmo coa Unión Socialista Galega. Un Mondoñedo cunha importante presenza sindical, na que destacaban a presenza da CNT e da UXT que organizaban importantes mobilizacións no primeiro de Maio, pero tamén un Mondoñedo vivo culturalmente, como testemuña o xornal nacionalista Galiza, impulsado por Álvaro Cunqueiro, a oficina poética do Noroeste Galego ou a celebración dos Maios. O Franquismo sen dúbida ningunha representou un punto e aparte na historia de Mondoñedo”.

“A represión política que se vai vivir en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano"

Oito asasinados

“A proba do nove da dureza da represión franquista son os oito mindonienses asasinados a consecuencia da súa militancia democrática”, afirma Ermida que tamén  lembrou que 29 veciños da localidade sufriron algún tipo de represión pola súas ideas políticas. Os asasinados, pola súa orde de execución, foron Xesús Verdeal Maseda, dirixente da CNT no Barqueiro e fusilado en Ferrol o 16 de abril de 1937; Siervo González Rivas, funcionario municipal, candidato a cortes pola Unión Socialista Galega e secretario Local da CNT; Graciano Paz Amieiro, follalateiro e dirixente da Unión Socialista Galega; e  Manuel Rodríguez Núñez, comerciante e militante da CNT, serán paseados na madrugada do 11 de Xaneiro de 1938 na Travesía dos Remedios por un piquete de gardas civís e milicianos falanxistas comandado pola brigada da Garda Civil Galende. 

O labrego do bairro de San Lázaro Pedro Marful Fernández, condenado a cadea perpetua, finara no seu cativerio no Campo de Concentración da Illa de San Simón o 10 de Xuño de 1941. A consecuencia da represión franquista vai perder a vida tamén en León Xosé Otero García o 12 de maio de 1942. Outras dúas persoas ligadas a Mondoñedo, como Luís Trigo Chao “O Gardarríos” e Xosé Porto Lestegas “O Herbellás”, rematarán sumándose á guerrilla, perdendo a vida o primeiro o 25 de xuño de 1948 en Lourenzá e o segundo, o 2 de outubro de 1947 nos Montes de Silán en Muras.

Houbo oito asasinados e 29 veciños da localidade sufriron algún tipo de represión pola súas ideas políticas.

A nómina da represión franquista en Mondoñedo abrangue a práctica totalidade das tipoloxías represivas, isto é a cadea, a depuración ou as sanción administrativas, o conxunto das opcións políticas democráticas e destacan aquelas persoas que ocuparon cargos de representación institucional, partidaria ou sindical. Os nomes deste martiroloxio confórmano Alfredo Martínez Martínez, Xermán Fanego Salaverri, Guillerme Otero Villalba, Xosé Sánchez Gacio, Constantino Sánchez Gacio, Xosé Ramón Villamarín Pallín, Emilio González Valoría, Patricio Vijande Villar, Gráciano Leivas Freire, X.A. Loureiro Fiallega, E. Redondas Camarista, Henrique Fernández Trashorras.X.A Morales Gruñeiro, Antonio Rodríguez García, Adolfo Rivas Pérez, Félix Rivas Pérez Xaime Polo Barrio, C. Carreiras Domenech, Benito Expósito García, Xosé María Alonso, Xoaquín Ares Díaz, Xosé María Méndez Rodríguez,Víctor Otero Otero, Dodolino Trigo Barro e Xosé Sasonte Mourelle.

A cidade de Mondoñedo vai ser testemuña do asasinato de varios veciños da comarca, como resultado neste caso da acción dos grupos paramilitares entre os que debemos sinalar o coñecido como o “Coche do Cangrexo” ou “Coche do Centolo”, formado maiormente por falanxistas de Ribadeo e de Viveiro. O 12 de setembro de 1936 serán asinados no Prado dos Remedios de  Mondoñedo os veciños de Ribadeo Bruno Martínez “O Barquillero”, Antonio María Martínez López, Henrique Navarret e o Presidente da CNT de Viveiro,  André Vale “O moreno de Cobas”. O 15 de setembro aparece no mesmo lugar o cadáver do socialista de Ribadeo Florencio Carballo e cinco días máis tarde aparecerá en Argomoso o corpo do veciño de Obe Xosé Antonio Díaz. O 7 de outubro será asasinado nesa cidade o tamén ribadense Xesús Longarela e o 12 é executado nun traslado de Mondoñedo a Lugo o veciño do Marco de Alvare, Concello de Pastoriza, Benito Folgueira.

O rexistro da casa de Cunqueiro

Xa por último Ermida sinalou que “agardamos que o acto axude a clarificar determinados aspectos da lóxica represiva en Mondoñedo. Neste sentido imos achegar documentación até agora non divulgada sobre dos asasinatos de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez Núñez que contribuirán a explicar as diversas variábeis que confluíron no seu tráxico final. Asemade  daremos a coñecer información inédita sobre o tristemente celebre “Coche do Cangrexo”, paramilitares fascistas responsábeis dalgúns dos asasinatos na localidade e no conxunto da comarca da Mariña. Outra das cuestións nas que nos deteremos será no xeito que afronta Álvaro Cunqueiro, un dos máis destacados dirixentes do Partido Galeguista na localidade, os primeiros días do Golpe de Estado, nos que a súa casa é rexistrada polos falanxistas e nos que se ve obrigado a poñerse a resgardo para fuxir da represión. Na mesma liña esperamos que a participación veciñal permita tamén dar luz sobre moitos aspectos do Mondoñedo republicano e antifascista que a día de hoxe seguen ocultos e con risco de desaparición, agás que aquelas persoas coñecedoras do tema acheguen a información”.