Trabas para poñer en Negreira unha placa en memoria dos represaliados polo franquismo

Trabas para poñer en Negreira unha placa en memoria dos represaliados polo franquismo
Imaxe dun acto de homenaxe aos represaliados en San Simón
Imaxe dun acto de homenaxe aos represaliados en San Simón  

A Asociación Cultural Afonso Eanes lamenta a falla de interese e colaboración do Concello de Negreira.


 

Este 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, era a data elixida pola Asociación Cultural Afonso Eanes para colocar nunha praza de Negreira (detrás da Casa do Concello, noutrora cárcere) unha placa de lembranza e homenaxe ás persoas da comarca da Barcala represaliadas polo franquismo. Para levar a cabo este acto, a asociación reuniuse en maio co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, solicitándolle permiso para colocar esta placa.

 

“Logo de máis de 3 meses de espera, Afonso Eanes lamenta a falta dunha resposta concreta e positiva por parte do Concello de Negreira”. Unha actitude que non entenden, máxime cando Afonso Eanes correría con todos os gastos da actividade e da placa conmemorativa. A asociación indica que este acto suporía poñer o ramo a un proceso xa iniciado no ano 2015, cando se puxo en marcha o “Proxecto para a reparación moral da veciñanza barcalesa represaliada durante o Franquismo 1936-1977”. “Xa entón non se obtivo a colaboración nin do Concello de Negreira nin do da Baña, nin tampouco dos partidos que conforman as corporacións municipais da comarca, coas excepcións de CxG da Baña e do BNG de Negreira e da Baña”.

 

A AC quer denunciar que se están a poñer “tantas trabas para acometer este acto simbólico de dignidade e de memoria histórica”.

 

80 anos do asasinato de 5 veciños

 

AAC editou e distribuiu un cartaz no que se lembraba cinco veciños da comarca que foron asasinados o 4 de xuño de 1937. Son:

 

Manuel Faxín, ‘O Moreno’. 24 anos, veciño de San Vicenzo (A Baña). Xoán Antón Barros Manteira, ‘Barritos’, 28 anos, veciño de Ordoeste (A Baña). Benxamín Troitiña Beiro, de 37 anos, veciño de Liñaio (Negreira). Xesús Lens Patiño. ‘Goriño’, de 28 anos, veciño de Logrosa (Negreira) e Ramón Pose, de 23 anos, veciño de Negreira. Os cinco foron executados no cemiterio de Boisaca, Santiago de Compostela.

 



x