A Universidade de Santiago mantén dous escudos franquistas 

A Universidade de Santiago mantén dous escudos franquistas 
O escudo franquista a presidir a torre do edificio da faculdade de Químicas da USC
O escudo franquista a presidir a torre do edificio da faculdade de Químicas da USC  

Máis de 30 profesores e estudantes da Universidade de Santiago de Compostela foron vítimas da represión e sufriron inhabilitacións, sancións, anos de cadea, exilio e mesmo a morte durante o franquismo polos seus vínculos nacionalista e de esquerdas. As fachadas da Facultade de Química e do auditorio situado no Campus Vida aínda locen senllos escudos fascistas após 42 anos da morte do ditador.


As recentes intervencións realizadas na estrutura exterior do auditorio, na época dos reitores Senén Barro e Casares Long, non incluíron a retirada de dous escudos acaroados do Frente de Juventudes, que foi unha sección da Falanxe Española creada polo réxime de Franco en 1940 para o adoutrinamento político da mocidade segundo os principios do chamado Movimiento Nacional.

 

Na fachada branca deste edificio do arquitecto Jenaro de la Fuente, construído en 1954, seguen os emblemas fascistas de cantaría de granito, co cisne representado en lembranza do cardeal Cisneros (xefe da Inquisición entre 1507 e 1517), cun dameiro central e mais as frechas características da Falanxe.

 

En 2005 este auditorio, pese conservar esa simboloxía, converteuse na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo compostelán con obra que denuncia a represión e avoga por espertar a conciencia da xustiza social na Galiza.

 

sala.teatro.vidal.bolanhoNa Facultade de Química, situada na avenida das Ciencias, o escudo da aguia implantado polo réxime de Franco está situado sobre un miradoiro adornado co grupo escultórico de "Minerva e os xenios", enriba da porta principal de acceso que usan centos de estudantes cada xornada.

 

Tampouco o reitor Juan Viaño atendeu, de momento, o acordo do Pleno do Concello de Santiago de Compostela de febreiro de 2017 a raíz dunha moción do portavoz do BNG, Rubén Cela, aprobada por unanimidade para esixir "a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos e mencións conmemorativas de enxalzamento da Ditadura franquista que aínda permanecen en diversos lugares da cidade".

 

Esa moción recolleu o inventario realizado pola Comisión de Historia da Gentalha do Pichel, que tamén rexistrou cadansúa petición ao alcalde de Compostela Aberta, Martiño Noriega, o 15 de xuño de 2015, e ao reitor Juan Viaño, o 18 de xullo de 2016.

 

Deste xeito, a USC está a incumprir a Lei de Memoria Histórica de 2007, onde se expón que "as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra civil e da represión da Ditadura”.

 

Cando o fascismo quixo tronzar a conciencia galeguista estudantil

 

Na propia web da USC recoñécese que o levantamento militar contra o Goberno da República en 1936 e a represión política incidiron no profesorado e modificaron "o horizonte da universidade compostelá". A USC vivía daquela un momento de efervescencia na concienciación galeguista e mesmo participou na redacción do Estatuto da Galiza.

 

escudo.frente.juventudes.auditorio.uscÉ significativa a degradación docente experimentada na Universidade de Santiago de Compostela nese período, da man da introdución de persoas servís á Falanxe que carecían de cualificación profesional, en canto profesorado nacionalista e de esquerdas foi eliminado.

 

Na web Voces e Nomes recóllense máis de 30 profesores e estudantes universitarios de Compostela con vínculos políticos que foron vítimas da represión, inhabilitados, cesados dos seus cargos e que sufriron sancións económicas, anos de cadea, exilio e mesmo a morte.

 

Como exemplos, o decano da Facultade de Medicina, Luis Morillo Uña, logo de ser cesado, suicidouse en xaneiro de 1937 tras ser perseguido por estudantes falanxistas.

 

Felipe Cordero Carrete, que era director da Residencia de Estudantes, membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador cultural no Instituto Padre Sarmiento, foi sancionado tras o golpe militar.

 

Fernando Calvet Prats era catedrático de Química Orgánica e membro da xunta directiva do Padroado da Universidade. Sufriu a separación definitiva do servizo, marchou exiliado a Suecia e Inglaterra e de volta a Galiza ingresou na cadea.

 

O estudante Rafael Frade Peña, de 22 anos, foi xulgado por traizón co resultado de sentenza a pena de morte. Foi executado en Compostela o 3 de decembro de 1936.

 

En 1939 o Goberno franquista redactou o proxecto de ordenación universitaria, antecedente da lei de 1943, "centralista, autoritaria e unificadora". O Ministerio de Educación Nacional asumía o poder e o reitor sería “xefe da Universidade”, en cuxa representación actuaban as demais autoridades, "mentres o profesorado debía xurar fiel servizo á patria".

 

A USC está a incumprir a Lei de Memoria Histórica ao non retirar as insignias franquistas dos seus edificios

 

"Durante varias décadas, autárquica e tradicionalista, estivo baixo o control nacional-católico, o que só empezaría a mudar contra finais dos anos sesenta, mercé ás crecentes demandas estudantís, á incorporación crítica dun novo profesorado e á influencia das dinámicas sociais favorábeis á democracia política", descríbese na historia da USC.

 

Porén, 80 anos despois das depuracións do profesorado e do estudantado por mor da ditadura fascista continúan estas insignias nas fachadas de dous emblemáticos edificios da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Nota: as fotos que acompañan o corpo do texto, da autoría de A.S., son (1). O auditorio da sala de teatro Roberto Vidal Bolaño en que aparece un emblema en lembranza do cardenal Cisneros con simboloxía falanxista e (2). Escudo do "Frente das Juventudes" no auditorio.



x