ESTE 12-N, 81 CABODANO DO SEU ASASINATO

Víctor Casas, o patriota que pariu Cinta Rei

Víctor Casas, o patriota que pariu Cinta Rei
Cintia Rei, retratada no piñeiral onde mataron o seu fillo. A fotografía é da autoría de Amalia Álvarez Gallego
Cintia Rei, retratada no piñeiral onde mataron o seu fillo. A fotografía é da autoría de Amalia Álvarez Gallego  

Foi o militante simbol para todas aquelas xeracións formadas nas filas das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. Moitos anos despois do seu asasinato, os que seguían fieis á causa patriótica, seguíanmo sinalando como o espello onde debían mirarse aquelas que tentaban darlle continuidade á loita.


A un tempo, exemplifica o sentido do compromiso, chegando a entregar a vida por Galiza, o significado da militancia,  máis 20 anos de entrega a tempo completo á causa, o esforzo por explicar o país, como certifican os seus escritos teóricos, e a vontade de erguer unha alternativa política con capacidade de mudar a sociedade, a acción permanente e a necesidade dunha ferramenta organizativa eficaz. Fixo de todo, e cando chegou o momento de enfrontar con valentía a morte, non dubidou en sinalar por escrito a Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista, o camiño a seguir, “Reorganicen  o Partido, o noso grorioso Partido, e xa craramente, pois non pode haber dúbida para ninguén, dentro dun matiz izquierdista dentro das esencias vivas da personalidade de Galiza”.

 

A súa traxectoria vital e política simboliza a xeira do nacionalismo galego até 1936. Afiliado á Irmandade da Fala d ´A Coruña en 1916, asinante do manifesto de Lugo con 18 anos, inspirador de estruturas organizativas de dirección feniana con Fermín Penzol, actor de referencia nos grupos teatrais impulsados polo nacionalismo, redactor, mantedor e director d´A Nosa Terra, muxidor de alianzas políticas que servisen para avanzar na liberdade de Galiza, látego daqueles que traficaban cos dereitos  do pais e fundador do Partido Galeguista. O seu contributo será chave na incorporación da Irmandade da Fala d´A Coruña ao proxecto de unificación do nacionalismo, mais tamén na expansión territorial e na formalización organizativa do Partido Galeguista, formando con Alexandre Bóveda, xa liberado como secretario técnico da formación, o núcleo duro do aparello orgánico. Se os seus anos coruñeses deron para coñecer o axitador total, a persoa que arrombaba feiras e teatros coa súa oratoria ou que aproveitaba as viaxes comerciais como empregado de Senra para adherir novos afiliados á causa, os días pontevedreses descubriron o xenio organizativo, a construír man a man con Alexandre Bóveda unha estrutura de masas desde unha formación de cadros.

 

Víctor Casas afirmaba que “o trunfo do galeguismo non poderá endexamais considerarse abranxido namentres non se chegue a estas dúas conquistas: Independencia política e independencia espiritual”

 

 

Foi o militante simbolo para todas aquelas xeracións formadas nas filas das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. Moitos anos despois do seu asasinato, os que seguían fieis á causa patriótica, seguíano sinalando como o espello onde debían mirarse aquelas que tentaban darlle continuidade á loita.

 

vítor casas 2As súas achegas doutrinais continúan a interpelar o nacionalismo galego de hoxe. As posicións teóricas formuladas, máis que opinións particulares, representan a liña ideolóxica hexemónica no movemento patriótico anterior a 1936 sobre a que se articulará e reorganizará o nacionalismo á volta dos anos 60. Caracteriza Galiza unha como nación, e xa que logo suxeito de dereitos políticos, entendendo a autonomía como un punto de partida e non como alternativa estratéxica, xa que “o trunfo do galeguismo non poderá endexamais considerarse abranxido namentres non se chegue a estas dúas conquistas: Independencia política e independencia espiritual”. Significa o nacionalismo como un movemento progresista, de definición anti-imperialista e de practica internacionalista, “non hai incompatibilidade entre nacionalismo e internacionalismo”, combatendo aquelas posicións interesadas que tentan identificar os fascismos movementos de liberación nacional, “este nacionalismo é de liberación, de liberdades das nacionalidades que viven baixo a tutela ou escravitude dos Estados máis poderosos constituídos por diversas nacións. O outro é imperialismo…”.

 

Víctor Casas será sempre para nós o fillo de Cinta Rei. Falo da nai amadora, da moza vigorosa que após ser abandonada polo seu compañeiro sacou adiante os seus fillos sen máis axuda que o seu esforzo, pero tamén da muller rexa, fotografada por Amalia Álvarez Gallego a carón do piñeiro da Caeira onde foi fusilado o seu fillo. Fico co patriota que soubo ver que en caso de trunfo da reacción “o galeguismo sería exterminado e os homes do galeguismo seríamos obxecto de toda clase de persecucións", co galego que en horas decisivas soubo facer fronte ao fascismo controlando as comunicacións no edificio de telefónica de Pontevedra mandatado por Bóveda, co militante que escribe ao seu secretario xeral solicitándolle “a vosté e a todos que no intre de trunfo e liquidación do sucedido non esquezan aos culpabres. Confío en que seguiran traballando para a Terra encamiñándoa polos vieiros da súa liberación definitiva”, co irmán, en carta á familia, sinalando os seus verdugos “Comandante de Artillería. Vila. Xuíz da Causa. O fillo de Puga. Fiscal. Perez Villamil. Poñente do Tribunal. Álvarez Abundancia, alférez secretario do proceso”. E foi asasinado no piñeiral da Caeira, un 12 de Novembro canda Xoán Rico, Xosé Adrio Barreiro, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, Telmo Bernardez, Paulo Novás, Luis Poza Pastrana e Benigno Rei Pavón.

 



x