ERMELINDO PORTELA, HISTORIADOR

"Xelmírez é unha figura inesgotable"

"Xelmírez é unha figura inesgotable"
Diego Xelmírez e Urraca, nunha imaxe da serie 'O final do Camiño' [Foto: Voz Audiovisual]
Diego Xelmírez e Urraca, nunha imaxe da serie 'O final do Camiño' [Foto: Voz Audiovisual]  

O catedrático de Historia Medieval da USC  vén de publicar 'El báculo y la ballesta. Diego Gelmírez (1065-1140)', un novo achegamento á figura do bispo compostelán, que volve á actualidade grazas á serie 'O final do Camiño'- 


- A serie 'O final do Camiño' suscitou moito interese arredor do bispo Xelmírez e vostede vén de presentar novo ensaio sobre el...
- Si, a ficción serve para suscitar interese, pero logo convén contrastar a ficción coa realidade. 

- Nese sentido, a serie foi fiel aos feitos históricos?
- Tiveron unha asesoría histórica solvente, que fai José Miguel Andrade, pero logo hai unha peripecia, un argumento, unhas situacións que non teñen por que responder á realidade histórica, que é o propio da creación artística. Son dous ámbitos diferentes, pero complementarios, que poden xerar interese da serie cara o libro, e do libro cara á serie. 

- A ambición de Xelmírez era tan desmedida como aparece no filme?
- Home, ambición non lle debeu faltar, parece indubidable, aínda que é moi difícil facer unha caracterización psicolóxica dun personaxe dun tempo tan afastado como a Idade Media. O interese polo poder, que en todo político sempre hai, tería que estar tamén en Xelmírez, isto parece claro, pero non sei até que punto. 

Xelmírez tal vez estivo interesado no mantemento de Galiza e parte do territorio de Portugal, mesmo ao sur do Douro, como unidade política.

- Que tería sido de Compostela ou deste país sen Xelmírez?
- É imposible sabelo. A historia é o que pasou, non o que puido pasar. Foi moi influínte no seu tempo, contribuíu a orientar algunhas evolucións, iso é innegable. Tivo un papel relevante na historia da Galiza do seu tempo. E as súas decisións foron cambiando de signo, como non podía ser menos.

- Dito doutra maneira: cal diría que foi o seu legado, as súas contribucións máis importantes?
- Hai unha contribución no ámbito do reino desde o punto de vista da evolución política posterior: a súa posición respecto do poder nacente en Portugal. Xelmírez, fronte a iso, sempre se mantivo á marxe, non estivo interesado, como estiveron outros aristócratas galegos, no proxecto político que se estaba desenvolvendo en torno a Teresa de Portugal e logo en torno ao seu fillo Afonso Henriques. El reservouse o espazo da Galiza actual para que fora o seu ámbito de influencia política, diferente da influencia que podían ter os arcebispos de Braga. Iso ten unha influenica. Como terían sido as cousas se a posición de Xelmírez fose distinta? Non podemos dicilo, puideron pasar moitas cousas: que Galiza se tivese integrado no proxecto político portugués, ou que se tivese producido unha unificación máis ampla, co conxunto do reino leonés. Todas as posibilidades seguirían estando abertas. 

Xelmírez sempre se mantivo á marxe do proxecto político que se estaba desenvolvendo en Portugal. El reservouse o espazo da Galiza actual para que fora o seu ámbito de influencia política.

- El mesmo mandou deixar por escrito a historia do seu legado na 'Historia Compostelana', e nel mesmo se conta o seu propio latrocinio das reliquias de Braga. 
. Sobre este episodio vólvese con moita frecuencia, pero dun xeito un tanto simplificado. Na 'Historia Compostelana' dise que é un latrocinio "pío", piadoso, e -en realidade- non é algo que Xelmírez inventara. O roubo de reliquias é unha práctica que ten moi longa tradición en Occidente e que deu lugar a unha literatura, a literatura dos 'furta sacra', dos roubos sagrados, porque se facían cunha xustificación: "imos retirar estas reliquias porque aquí non reciben un culto axeitado, e ímolas levar a outros sitios". Considerábase un roubo, pero sagrado, era un xeito de amparalo. E iso é o que se fai aquí: el vai a Braga a operar nas igrexas que dependen de Santiago, iso hai que dicilo tamén, e trae as reliquias aquí. Este é o amparo teórico, claro que en Portugal consideraron as cousas doutra maneira, considerárono un roubo. E neste asunto hai que considerar dúas cousas: os feitos reais que aconteceron no ano 1102 e a narración dos feitos que se fixo bastante despois, no 1111, que corresponde máis ao contexto político do momento. Convén distinguir estes niveis, aínda que a historia sexa fermosa. Hai que contextualizalo. Por debaixo diso que hai? O interese de Xelmírez en prestixiar a súa sede con novas reliquias, e hai que pensar que Braga se convertera en sede arzobispal e desde o punto de vista eclesial, era unha rival. 

ConviteXelmirez

- Na presentación do seu libro, Villares destacou que Xelmírez fora un gran politico a falta de monarcas galegos. 
- O problema da monarquía nese momento hai que entendelo nese contexto, non con categorías actuais. Galiza ten unha longa tradición de individuación política desde o tempo no que foi provincia romana, logo reino dos suevos, logo na época altomedieval é unha peza do sistema de sucesión que é o goberno entre herdeiros, iso é o que pasa despois de Fernando I. O reino divídese en tres partes, García recibe o goberno de Galiza, Afonso o de León e Sancho o de Castela. Iso era unha forma de transmisión de poder. E Galiza nese xogo, que non perdía o horizonte do reino de Hispania, porque todos eles se consideraban reis en Hispania, tamén García, supoñía unha tradición destas características en Galiza. Houbo un momento, antes do pontificado de Xelmírez, cando era novo, que a posibilidade de que Galiza tivera de novo un reino estivo aberta. Houbo unha posibilidade a través de Raimundo de Borgoña, que tiña por unha banda -en canto que casado con Urraca, a filla de Afonso- aspiracións ao trono conxunto, e había a posibilidade que como Conde de Galiza designado por Afonso VI puidera desembocar nunha situación na que Galiza volvese ser reino independente. É posible, pero nada diso pasou, porque morreu antes que Afonso VI, de forma que reinou Urraca e as cousas foron noutra dirección. Pero nun principio, Xelmírez tal vez estivo interesado no mantemento de Galiza e parte do territorio de Portugal, mesmo ao sur do Douro, como unidade política. Nalgún momento. Logo iso xa non puido ser e el orientouse noutra dirección diferente, na de manter a súa posición de influencia política na terra de Santiago e do conxunto de Galiza, sempre ao amparo do rei de León. 

Xelmírez conseguiu un señorío de características excepcionais

- O seu labor foi máis político que eclesial, non?
- Temos que partir dunha noción diferente das cousas. Neste momento, a comezos do século XII, a igrexa non é só a comunidade de crentes. É tamén a comunidade política, entón o papel dun eclesiástico non se reduce á súa función episcopal. Ten unha proxección política dobre: por unha banda, e faino e moi ben, está imbuído da ideoloxía hierocrática, que os sacerdotes, bispos e Papa, actúen como orientadores da sociedade, tamén dos gobernantes e dos reis, que teñen que estar sometidos á 'autorictas' dos clérigos. E, por outra, Xelmírez en tanto que señor dunha cidade e dun territorio, el exerce o poder político: administra xustiza, recada impostos, acuña moeda, emprega o exército, etc. Isto realízao no ámbito do seu señorío. Este dobre xogo é o que fai que un bispo deste tempo teña unha proxección política extraordinaria. E hai que dicir que desde ese punto de vista, Xelmírez conseguiu un señorío de características excepcionais, tanto pola extensión do territorio que abranguía, pola importancia da cidade e tamén o conxunto de atribucións de exercicio de poder que realizaba nese ámbito. 

- Estamos diante dun dos máis importante persoeiros galegos da época. O profesor Andrade Cernades dixo que Xelmírez ben merecía un filme propio...
- Dá para moitos, igual que para moitos libros de historia, e xa hai publicados moitos. Pero Xelmírez seguirá dando para novos libros no futuro, porque a fonte que mandou compoñer, a 'Historia Compostelana', é dunha riqueza extraordinaria, que se pode examinar sempre desde novos puntos de vista, e sempre relacionala con novas cousas. É unha figura inesgotable. É moi importante por iso, porque mandou compoñer os testemuños grazas aos cales podemos coñecer unha serie de cousas que doutro xeito se nos escaparían. E particularmente cousas que teñen que ver co exercicio do poder. 



x