HISTORIA

Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galiza nas fontes árabes

Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galiza nas fontes árabes
Mapa Reino de Galiza
Mapa Reino de Galiza  

Yilliqiya ou Galisiya. Así aludían ao Reino de Galiza as fontes árabes, que achegan unha información que impugna o relato da historiografía españolista e que pon sobre a mesa a súa importancia. Ibn Jaldun, o historiador árabe por antonomasia, dedica no século XV un capítulo da súa obra a elaborar toda unha historia dos Reis de Galiza. Publicamos un extracto do recollido no semanario Sermos Galiza 256.


6As crónicas árabes son unha fonte de primeira orde para o coñecemento, a recuperación e a rectificación da historia do Reino de Galiza. Só Ana María Carballeira Debasa, no seu libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales, certifica a existencia de perto de cincuenta autores que entre o 711 e o século XV se teñen ocupado do Reino de Galiza. Destacan entre eles o cordobés Ibn Hayyan, se cadra o máis importante dos historiadores do medievo peninsular, o xeógrafo onubense Al-Bakri, o ceutí Al-Idrisi e o mesmo Ibn Jaldun, o historiador árabe por antonomasia que no século XV dedica un capítulo da súa obra a elaborar toda unha historia dos Reis de Galiza. As fontes árabes, ao igual que acontece coas francas, escandinavas ou as vaticanas, coetáneas da Galiza medieval, achegan unha información que impugna o relato da historiografía españolista e permite que aboie na súa realidade e tamén na súa importancia o Reino de Galiza.

 

Coñecían o Reino de Galiza como Yilliqiya ou Galisiya, situando entre as súas cidades máis importantes Santiago de Compostela e Lugo, pero tamén Oviedo, León, Zamora, Astorga, Salamanca ou Coimbra polo sur. O contorno xeográfico do territorio que os musulmáns recoñecían como Galiza era moito máis amplo que o actual, estendéndose por toda a parte noroeste da Península e incluíndo a marxe das terras da Galiza actual, Asturias, Portugal, León e a Castela citerior. Segundo indicaba o profesor Francisco Rodríguez nun recente artigo sobre o tema, publicado no dixital Terra e Tempo, “Galiza aparece como unha realidade xeográfica, social, económica, cultural e política, abranguendo maior ou menor extensión segundo o momento, sendo sempre o espazo central e nuclear a Galiza de Ortegal ao Douro, moi definida, contundente e tan importante como para os musulmáns identificar a parte cristiá da península prioritariamente con esa denominación (Yilliqyia, Galisiya)”.

 

Así Un Al-Istajri, un autor do século IX, marca as fronteiras do Reino de Galiza nas cidades de Mérida, Guadalaxara, Cáceres e Toledo, situando como cidades principais Zamora e Oviedo. Por exemplo, no século XI, AlBakri, recoñece como parte do Reino de Galiza, entre outros territorios Asturias, cuxo nome procede do Río Astur, León e a Castela ulterior e a Castela citerior, citando entre as prazas fortes da mesma a Grañón, Alcocero, Amaya e o propio Burgos.

 

[Poder ler a información íntegra no Sermos Galiza 256, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x