EDITORIAL SERMOS269

Após o lume

Após o lume

En dous días ardeu un 70% máis que en todo 2016. Entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 18 de outubro acabaron queimadas máis de 48 mil hectáreas. Son cifras récord da última década. Que fixo Feijóo após o lume? Nin compareceu diante do Parlamento, malia os requirimentos da oposición, nin adoptou ningún tipo de responsabilidade, malia o clamor popular que encheu a praza da Quintana o domingo 22 baixo os berros de “Nunca Máis” e “Feijóo demisión”.

 

As causas dos incendios son múltiplas, mais teñen a súa raíz na política forestal. A Xunta insiste en manter a aposta nun deseño do monte cunha esmagadora presenza de eucalipto, mesmo coa súa presenza en terras agrarias. Seguir recortando en prevención e apostalo todo á extinción é o camiño antagónico ao que debe seguirse. Os cambios que se precisan son de calado e o seu impulso require tempo. É evidente que os resultados fican anulados cando se interrompe unha liña transformadora. Vímolo coa chegada do PP á Xunta logo de catro anos de política forestal vangardista.

 

O urxente é a prevención de lumes e a posta en valor do monte. A multifuncionalidade e instrumentos como o Banco de Terras, tendo en conta que a parte do monte que xera riqueza e produce non arde, son algunha das medidas que recollemos no libro editado por Sermos Galiza O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?.



x