Editorial Sermos283: Ouvidos xordos e sanidade na UCI

Editorial Sermos283: Ouvidos xordos e sanidade na UCI
Un aspecto da masiva manifestación de 4 de febreiro
Un aspecto da masiva manifestación de 4 de febreiro  

A teimosía patolóxica do PP en desmantelar e privatizar a sanidade pública galega é tal que fai ouvidos xordos á mobilización masiva que tivo lugar o día 4 en Compostela contra a reforma que suprime catro áreas sanitarias: O Barco, O Salnés, Monforte e A Mariña, onde a sanidade, a día de hoxe, representa un motor de dinamización económica para as comarcas.

 

Lonxe de suspender a tramitación da reforma da Lei de Saúde e de abrir un proceso de diálogo, o PP ignora a inmensa maioría social que clama por reforzar a sanidade pública e por facer dela unha fonte de riqueza e de integración social e avanza na centralización de servizos. Non esquezamos que ao fulminar as catro áreas sanitarias citadas, Feijóo reforza o papel das provincias. Nada escapa á ideoloxía do PP.

 

O modelo sanitario do PP ten consecuencias: 3 mil profesionais menos; feche de camas; repagos; listaxes de agarda; derivacións á privada (86 pacientes cada día!); atención primaria desbordada; caos nas urxencias; pediatras itinerantes que nunha semana cobren até 4 concellos; falta de planificación na formación de especialistas; contratos por días diante de ausencias programadas; portas xiratorias de cargos do PP; privatización de seguridade, limpeza, lavandaría, subministros, electromedicina... Berrábase o domingo “Este Goberno é unha mafia!”. Remitímonos aos feitos.

 



x