Editorial Sermos274: Feijóo, o cupo vasco e o financiamento galego

Editorial Sermos274: Feijóo, o cupo vasco e o financiamento galego
Foto: Lavandeira Jr.
Foto: Lavandeira Jr.  

Feijóo continúa a actuar no cenario político como un dirixente do PP español e non como o presidente do goberno galego. Todos os seus movimentos hainos que ler nesa chave. Nas últimas semanas, aínda ten acentuado máis ese perfil. A peaxe que paga o país en termos políticos é ben máis onerosa do que o abusivo incremento recentemente rexistado nas portaxes da AP-9. Coñecemos o que opina o aspirante a líder estatal do PP Alberto Núñez Feijóo sobre o cupo vasco, mais ignoramos que proposta concreta ten na súa calidade de presidente do goberno galego en materia de financiamento. Non só o ignoramos nós como meio de comunicación, tamén o descoñece o Parlamento galego, ao que se ten furtado o coñecimento sobre a proposta galega -se é que esta existe- no xa inminente proceso de reforma do sistema de financiamento autonómico.

 

O Feijóo candidato a suceder a Rajoy estase a empregar como un ariete máis do españolismo contra o cupo vasco porque é consciente de que o eleitorado de direitas en España, excitado polo neofalanxismo de Ciudadanos, o que pide é precisamente máis madeira recentralizadora. O ambiente nos sectores conservadores da sociedade española -hexemónicos no establishment mediático- é cada día máis favorábel a unha reforma involutiva da Constitución española que até fixese táboa rasa de elementos centrais na Carte Magna, como o concerto vasco. O réxime de 1978 está en crise, si, mais as forzas reaccionarias, que teñen Aznar como líder xa non tan na sombra, non só non están dispostas a discutir sobre quen debe ser o titular da soberanía -a demanda catalá-, senón que ameazan abertamente cunha volta atrás: igualación competencial entre "rexións" e "nacionalidades históricas", toma de control por parte do Estado da educación e a sanidade...

 

O Feijóo candidato a suceder a Rajoy estase a empregar como un ariete máis do españolismo contra o cupo vasco porque é consciente de que o eleitorado de direitas en España, excitado polo neofalanxismo de Ciudadanos, o que pide é precisamente máis madeira recentralizadora.

 

 

Desde unha perspectiva galega, inquieta ver nese debate o presidente da Xunta a lle facer as beiras ás posicións máis recentralizadoras. Con Feijóo en Monte Pío, desde 2009 Galiza non conseguiu nen unha soa competencia nova. Non podemos continuar así, cun presidente a abdicar das súas responsabilidades e a disputar con Albert Rivera o combate polo título do dirixente político máis españolista.

 

 



x