EDITORIAL SERMOS263

Non foi doazón, foi espolio

Non foi doazón, foi espolio

É moi sintomática a resistencia que ten Feijóo a chamar polo seu nome o espolio, a extorsión, perpetradas co Pazo de Meirás en 1938. Foi un roubo en toda a regra. Por certo, un roubo legal, en aplicación da legalidade imposta polo fascismo golpista. A lei non é sempre xusta. Iso é o que nos ensina a historia. Os crimes cometidos pola ditadura -desde o comezo do golpe até os fusilamentos dos 70- producíronse baixo o amparo da lei. Esa á que invoca a Fundación Francisco Franco cando sostén a tese de que a lei debe prevaler sobre a democracia. A lei tamén como coartada é o argumento ao que apela o Goberno Rajoy para negar o direito de Catalunya a decidir libremente o seu futuro.

 

Esta mesma cuarta feira, Feijóo, no Parlamento galego -onde, como defendimos no editorial do Sermos261, se está a debater o asunto-, voltou a falar da “cesión” do Pazo en 1938. Non vale a esta altura pretextar ignorancia. Feijóo sabe perfeitamente de que fala. Por que non lle chama espolio ou roubo á apropiación indebida do Pazo por parte do ditador? Ao asumir o termo “cesión”, o presidente da Xunta sitúase no campo conceitual da familia Franco e atenta gravemente contra a dignidade do cargo que ocupa.



x