EDITORIAL SERMOS271

Non é terrorismo, señor Feijóo

Non é terrorismo, señor Feijóo

Publicamos a seguir o editorial do número 271 do semanario Sermos Galiza. Ten como asunto a posición fixada por Feijóo na súa recente comparecencia parlamentar sobre a vaga de lumes.


As investigacións policias practicadas en relación á vaga de lumes de outubro e a propia leitura non prexuizosa do código penal deitan unha conclusión moi clara: non se sostén a tese do "terrorismo incendiario" á que se aferra Feijóo para evadir as súas responsabilidades na xestión da catástrofe. Os indicios apontan á imprudencia na conduta das dúas persoas detidas até o de agora. En ningún caso houbo intención deliberada de delinquir.

 

A definición de terrorismo no código penal é nidia: só incorren nel as persoas que perseguen como fins das súas accións, entre outros, a alteración grave da paz pública ou a criación dun estado de terror nas populacións. É obvio que ningún destes supostos é aplicábel ás dúas persoas arrestadas. Por iso non é de recibo que unha delas estea a receber o tratamento -prisión provisional sen fianza- que se indica na lexislación para terroristas.

 

Non estamos perante terrorismo, por tanto, senón perante o fracaso dunha política forestal que non se fai en beneficio da sociedade, senón para o exclusivo servizo de intereses privados, entre os que sobrancean os da pasteira ENCE.

 

[Este editorial é o do número 271 de Sermos Galiza, disponíbel xa na loxa e nos pontos de venda habituais]

 



x