EDUARD LÓPEZ (ERC)

“Pase o que pasar o 9N, o discurso de PP e PSOE está derrotado. A vitoria ideolóxica é do soberanismo”

“Pase o que pasar o 9N, o discurso de PP e PSOE está derrotado. A vitoria ideolóxica é do soberanismo”
Eduard López Domenech
Eduard López Domenech  

O vice-secretario xeral de Coordinación interna de ERC participa esta quinta feira en Compostela no coloquio organizado por Galiza Sempre sobre o proceso soberanista de Catalunya.


 

Eduard López Domenech (Barcelona, 1965) está a partir das 19:30 desta quinta feira na Facultade de Políticas de Compostela para falar do proceso soberanista catalán. Faino da man da Fundación Galiza Sempre e intervirá canda Guillerme Vázquez. O 9N e o camiño cara a independencia. Agora que? é o título da ponencia. López é vice-secretario xeral de coordinación interna e de territorio de ERC.

-Todo apunta a que esta sexta feira o goberno español impugnará tamén a consulta alternativa. Vai haber urnas o 9N?

Nós esperamos que si, que a xente se poida manifestar e expresar, aínda que sexa a través dun proceso participativo e non a consulta, esperamos que se poida decidir o futuro do país. E entendemos que as forzas políticas e o propio goberno temos que comprometernos a ter as urnas na rúa o día 9, que ao final é polo que nos votaron. Non esquezamos que o compromiso de facer unha consulta foi o tema estrela, o compromiso que adoptaron nas eleccións de 2012.

"As urnas teñen que estar na rúa o día 9, ao final é para o que nos votou a xente"

- Desde Madrid, con esta impugnación á consulta alternativa, non están moito por permitir que haxa 9N..

Teño a sensación de estar un pouco como no día da marmota, onde o Estado impugna outra vez. Xa case nin nos sorprende. O único que lles queda é prohibirnos pensar ou expresarnos. Mais, en calquera caso, nós temos que traballar colectivamente, goberno, partidos, cidadanía; para que a xente poida expresarse o día 9. Temos que constatar que vaia como vaia o día 9N, o discurso do PP e de parte do PSOE en Catalunya, foi derrotado. Eles teñen o aparato de Estado ao seu servizo, un Tribunal Constitucional politizado ao seu servizo, mais malia iso, o seu discurso non callou, non é sentido como propio pola cidadanía de Catalunya. Non se poden poñer cancelas á democracia. A vitoria ideolóxica é do soberanismo.

- Cal é a imaxe que ERC gostaría que se dea o 9N?

Nós enfocamos o día 9 como un día importante de mobilización, como foi o da V deste 11 de setembro, ou a cadea humana da Diada do ano pasado ou a mobilización masiva en Barcelona de 2012. O que queremos é que a xente se exprese, e que o faga coa máxima normalidade, pacificamente, como tería que ser en democracia. Cremos que vai ser así sempre e cando o Estado non interfira. O único que pode rachar a normalidade, a tranquilidade, a paz dese día é o Estado.

"O paso de consulta a proceso participativo tivo un custo. En primeira instancia, esgazou a unidade. Mais en vista do día 9 isto foise recuperando"

- ANC e Omnium advogaron por, unha vez pasado o día 9, convocar eleccións nun prazo de tres meses. E apuntaban a unha lista de país co dereito a decidir como aspecto fulcral. ERC está disposta a ir nunha candidatura conxunta e cun programa común?

É evidente que o plantexamento de ANC e Ómnium nos parece ben. Non podemos decidir nunha consulta refendaria como estaba previsto, polo que hai que atopar un mecanismo a través do cal podamos exercer un voto que sexa vencellante politicamente. Desde este punto de vista, partillamos a idea que se fai desde o soberanismo civil.

Outra cousa é como temos que acudir a estas eleccións. O que a nós nos parece un valor a manter é que o proceso catalán é plural e diverso. Nisto diferenciámonos de Escocia, onde basicamente era un goberno e un só partido os que impulsaron o proceso. Nós cremos que o máis coherente é manter esa pluralidade. O que non quere dicir, ao contrario, que non vaia haber compromisos conxuntos, adquiridos publicamente, polas diferentes forzas que impulsaron o proceso, para despois das eleccións. E neste sentido si que podemos falar de eleccións plebiscitarias, xa que non nos deixaron expresar a nosa opción nunha consulta, terémolo que facer en base aos compromisos que adopten os partidos políticos nunhas eleccións autonómicas tecnicamente ordinarias.

"Eu non gosto de falar de unilateral [en relación á declaración de independencia] porque pode soar duro e pode parecer que non é democrática"

- O proceso catalán reúne unha heteroxeneidade de forzas, visións, organizacións... Quedou esa unidade ‘tocada’ após decisión de facer para o 9N a consulta alernativa e non o referendo previsto?

O paso de consulta a proceso participativo tivo un custo. En primeira instancia, quebrou a unidade que facía posíbel o compromiso. Mais, en vista do día 9, isto recuperouse máis ou menos. E vai ser un día de mobilización moi importante. E incluso diría que a actitude do goberno español fixo que esa unidade se reforzase tamén. Outra cousa será posteriormente, no tránsito a unhas eleccións, nas que xa haberá competencia, pero iso non é preocupante: sen discrepancia non hai democracia, sen competencia política non hai democracia (sorrí). Mais pode haber amplas zonas de acordo en cuestións de país.

-De se producir ese guión de eleccións de carácter plebiscitario, ERC levará a Declaración Unilateral de Independencia como alicerce do seu programa?

Esquerra defenderá que ten que haber un Parlamento e un goberno, un goberno de amplo espectro, que fixese posíbel construír as estruturas de estado mínimas para poder impulsar no mínimo tempo posíbel unha declaración de independencia. Eu non gosto de falar de unilateral porque pode soar duro e pode parecer que non é democrática.

"O proxecto de ampliar e modernizar o auto-goberno no marco do Estado español fracasou"

E posteriormente, esa declaración pode ser referendada, a constitución saída desa declaración... Eu aspiraría a unha declaración de independencia á cal puidesen sumarse sectores que adhiren un modelo de tipo federal real. O federalismo pode nacer dun acto de soberanía. Non hai federalismo da outra parte, así que a única forma de impulsar ese proceso é cun acto de soberanía. Por iso, e até certo punto, debemos impulsar un pouco esta complicidade, e dígoo como independentista, con sectores que non contemplan aínda a independencia mais que si aspiran a unha relación federal con España.

-Que factores fixeron que nestes anos medrase e callase tanto o sentimento independentista na sociedade catalá?

Esta é unha pregunta de tese doutoural (ri). Creo que o proceso detonou en 2,3 anos, mais víñase incubando desde hai tempo. En parte desde o 2003, a última etapa de goberno de Pujol, con ese esquema de relación co Estado de CiU de apoiar os gobernos españois en troca de maiores cotas de auto-goberno. Ese esquema fica superado. O intento de aprobar un novo estatuto de autonomía con máis marxe, máis moderno, adaptado aos tempos, era un síntoma de que en Catalunya o autonomismo se fixera estreito. Había vontade de andar cara á un novo modelo, non o independentismo, mais si algo novo, que se podía dicir case que ‘filosoficamente federal’, no que tamén participasen os independentistas.

O fracaso deste proxecto, visualizado na sentenza do TC de 2010, certifica o fin dese intento de modernizar o autogoberno nun marco estatal. Isto fai que se chegue a un final de camiño.

Tamén a crise económica tivo un papel, claro, en todo este proceso. Tamén esa impugnación do estado de cousas presente, dese réxime da transición, favoreceu este proceso soberanista. E tamén tivo a súa importancia aquel movemento que comezou en 2009 de consultas independentistas en concellos de Catalunya.

"Gostariamos de contar, tendo en conta que estamos a reivindicar democracia, con maior complicidade real, visíbel, tanxíbel das persoas progresistas de España"

-E a actitude de cerrazón do Estado español..

Evidentemente. Iso fica claro. Xa desde a sentenza do TC.

-Coa crise comezaron a cuestionarse moitos tabús, como a monarquía. E abrollaron importantes movementos no Estado español pedindo máis democracia e que a xente poidese decidir. Porén, apenas hai voces na esquerda social, política, cultural española a favor do proceso que se vive nun país, Catalunya, onde levan tres anos seguidos saíndo centos de milleiros á rúa pedindo decidir, e que esa demanda se expresou nas urnas, no parlamento... Notades esa falla de apoio? A que cres que se pode deber?

É unha pregunta máis de historiador ou sociólogo que de político, non si? (sorrí). É complicado. A ver, o PSOE non tivo nunca como partido de goberno unha alternativa ao modo de entender de España da dereita. O mundo de IU ao menos nominalmente recoñece o dereito a decidir, iso recoñecémosllo, se ben é algo simplemente formal, que non vai máis alá. E no que respecta á esquerda máis alternativa, pois non sei moito exactamente que din. Creo que en Podemos o seu discurso é, no mellor dos casos, contraditorio. E no peor, non moi receptivo ao proceso catalán.

E si, claro, que gostariamos de contar, tendo en conta que estamos a reivindicar democracia, con maior complicidade real, visíbel, tanxíbel, das persoas progresistas de España, que as hai. Mais non debe ser fácil que se manifesten a prol deste proceso porque é unha posición moi penalizada e difamada.

Se eu viñese de Marte e vise o que a prensa española di do proceso catalán pois tampouco gostaría del: é volver á Idade Media, é unha deriva perigosa, é un tema étnico, racista, queren tapar coa senyera casos de corrupción... pois, claro, non apoiaría. Como o discurso que hai sobre Catalunya en España é monocorde, dificulta que haxa plantexamentos diferentes. E creo que o efecto dun triunfo das posicións soberanistas en Cataluna resultaría nunha reformulación da democracia de baixa calidade que en moitos ámbitos hai no Estado español.

"Queremos que o estado catalán naza da vontade democrática das persoas e polo tanto para facer reais os dereitos da xente"

-En fases deste proceso que se vive en Catalunya houbo un lema que se moveu moito: ‘Queremos ser un país normal’. Para ti e ERC que sería un país normal?

Nós sempre dicimos que queremos ser un estado de nova xeración, que nace da vontade da xente e que, por tanto, non responde ao modelo tradicional dunha moeda, un exército, un sistema de ensino... tal e como se construíron os estados en Europa. Queremos que este estado naza da vontade democrática das persoas e, polo tanto, para facer reais os dereitos da xente. Aspiramos a que sexa un modelo que sexa atractivo, integrador e que sexa quen de crear riqueza e repartila mellor. Mesmo un estado, desde un punto de vista identitario, dunha identidade máis feble que o que acostuman a ser os estados como o español. O soberanismo catalán é moito menos identitario que o nacionalismo español, mesmo ese que é “máis banal”, que parece imperceptíbel. O noso proxecto é máis integrador, adaptado a unha modernidade plural, cambiante, diversa.



x