A Vía Catalá, unha cadea humana na procura do "divorcio civilizado con España"

A Vía Catalá, unha cadea humana na procura do "divorcio civilizado con España"

Horas antes da celebración do 11 de setembro en Catalunya, a súa “festa nacional”, as poboacións polas que pasará a Vía Catalá teñen todo preparado para que a reivindicación sexa un éxito. Vilafranca del Penedès é unha delas.


 

Catrocentos quilómetros de cadea humana reivindicarán o desexo independentista de Catalunya. Visitamos Vilafranca del Penedès, unha das poboacións polas que pasa a denominada Vía Catalana, para decatarnos de que a mobilización social é visíbel nas súas rúas.

Antes do 11 de setembro sorprende a cantidade de bandeiras “estelades” en cada recuncho da vila e nos comercios. Mesmo na Igrexa de Santa María, a poucos metros da Casa do Concello, dúas de grande tamaño presiden a praza desde as festas de Sant Félix a finais do mes de agosto. “Xa é unha tradición e quedan até pasada a festa da Diada”, comenta unha das colaboradoras do párroco.

A colaboración relixiosa é algo anecdótico, como explica Ramón Costa, coordinador da Territorial da Assemblea Nacional Catalana (ANC) e responsábel dos tramos que pasan pola comarca do Alt Penedès. “O cura sabe que a maior parte da xente é independentista”. Conta a Sermos Galiza que na misa do patrón @s asistentes berraron a favor da independencia cando se negou, como lle pedían desde a ANC, a que tocaran as campás ás 17:14 horas cando se realice a cadea humana de 400 quilómetros que preparan como reivindicación este ano (17:14 horas, unha clara evocación de 1714, ano da derrota catalá na guerra de secesión). A petición formalizouna esta entidade como parte dos actos da Diada e tivo a negativa rotunda da Conferencia Episcopal, a través dos bispos de Solsona, Tostosa e Sant Feliu.

A Vía por Vilafranca

O organizador da cadea humana no Penedès comezou o seu traballo voluntario cando soubo que este ano a mobilización envolvía ás comarcas, sen centralizar todos os actos na capital catalá. “Reunímonos unha vez ao mes e nunha desas reunións chegounos a información de que se realizaría a Vía”. O verán, desta volta, foi época de traballo e aínda que o trazado viña marcado houbo modificacións importantes. O Penedès, por exemplo, non entraba. “Primeiro pensaron nas Costas de Garraf, moi estético, mais pouco recomendábel”. Escolleron logo a antiga Vía Romana que vai pola N-340 até Barcelona e logo polo Maresme continúa pola N-2. “Ademais de reivindicar a independencia denunciamos o estado das infraestruturas polas que pasaremos, as fotografías demostrarán que a inversión foi de cero, como nos trata o Estado español”, sinala ao noso xornal Ramón Costa.

O sistema que empregaron desde a ANC para distribuír os participantes ao longo da cadea realizouse a través dun sistema informático coa finalidade de encher todos os tramos. “Fíxose un cálculo polo que en cada tramo deberían participar 500 persoas, a 500 metros, unha persoa por metro”. O sistema conta cunha marxe superior e pechábase para comunicar á xente interesada en participar que tiña que apuntarse noutros tramos. Nestes días previos á Diada houbo un ruxerruxe de que habería lugares que non se encherían. “Falouse do Baix Ebre e o Ordal, hoxe cheos”. A cifra mínima para completar a cadea era de 400 mil persoas e xa está superada. “No Penedès tiñamos que acadar 24.500 e agora achegámonos ás 30 mil”.

Colaboración institucional

A cadea humana deste 11 de setembro conta con todos os permisos e desde a organización saben que Policía local e Mossos realizarán o seu traballo. “Aquí non temos unha situación de enfrontamento e a ANC colabora con voluntarios”, asegura Ramón Costa, “nunha manifestación autorizada, as institucións teñen que realizar o seu traballo”. Nesta comarca o voluntariado que participará xunto ás institucións no funcionamento loxístico será de 53 persoas. “Non haberá incidentes, mesmo respectaremos as bandeiras españolas nin admitiremos cartaces contra España, o noso é un divorcio civilizado”.

As imaxes desta reportaxe son da autoría de S. Amado.



x