DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN

160 propostas de resolución que dan para moito: entre o dereito a decidir e o aplauso a Filipe VI

160 propostas de resolución que dan para moito: entre o dereito a decidir e o aplauso a Filipe VI

As catro formacións con representación parlamentar deron a coñecer esta quinta feira as iniciativas rexistradas no marco do debate de política xeral no Parlamento de galiza.


 

Partido Popular: apoiar o Borbón e as Forzas de Seguridade

 

Catalunya foi a baza xogada polo PP para deturpar o debate do Estado da Nación que decorreu esta cuarta feira. E deberon ficar contentos coa xogada, porque de novo Catalunya foi a carta na que apostaron os populares para a xornada na que se dan a coñecer as propostas de resolución que se presentan ao abeiro do mencionado debate. Así, e entre as 40 propostas de resolución do PP, figura nun lugar privilexiado as propostas de que a Cámara exprese a súa adhesión ao discurso de Filpie VI sobre Catalunya e de apoio ás forzas de seguridade alí enviadas.

 

O secretario xeral do PPdeG e viceportavoz parlamentar, Miguel Tellado, considera que a oposición “debe aclarar onde está” en relación co proceso catalán. Así, defendeu que todas as forzas políticas debían “poñerse detrás do rei” fronte un goberno catalán que “vulnera as regras democráticas”.

 

En Marea: facer fronte aos problemas reais

 

Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea, presentou as 40 propostas de resolución do partido instrumental. Da defensa do dereito a decidir á retirada do anteproxecto de saúde, as iniciativas procuran “solventar os problemas reais e diarios dos galegos, propostas sociais, educativas, sanitarias, servizos públicos para a maioría social”.

 

Entre as iniciativas postas sobre a mesa, En Marea defende un plan de loita contra a pobreza e a desigualdade que sirva para sentar os alicerces dunha Renda Galega de Cidadanía. Pide establecer blindaxes orzamentarios para sanidade e educación, para alén de cuestións como o resgate da AP9 ou a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde.

 

PSdeG: máis autogoberno e reforzar os servizos públicos

 

A ampliación do autogoberno, a mellora dos servizos públicos e medidas para pular pola recuperación económica son algunhas das cuestións nas que se centran as propostas de resolución do grupo parlamentar socialista. Patricia Vilán, viceportavoz do PSdeG; anunciou que, entre outras cuestións, solicitaban unha estratexia de loita contra o paro.

 

A cobertura de todas as persoas dependentes en lista de agarda, un novo decreto do galego para o ensino, a reforma do estatuto de autonomía ou iniciativas en materia de industria tamén fan parte do paquete de propostas dos socialistas.

 

BNG: Recuperar dereitos sociais e laborais, e “empoderar” Galiza

 

As 40 propostas de resolución que presenta o BNG pretenden un duplo obxectivo: recuperar os dereitos sociais e laborais perdidos en nove anos de Goberno do PP e iniciar un debate para avanzar no autogoberno e no dereito a decidir de Galiza. “Galiza ten que buscar a súa propia folla de ruta que lle permita empoderarse para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, manifestou Ana Pontón, portavoz nacionalista.

 

 

O BNG propón subir as pensións mínimas de xubilación e equiparalas co SMI, crear unha renda social, acabar coa lista de agarda das persoas dependentes garantindo o cobro da prestación, empezando por reclamar ao Estado os 150 M€ de recorte en dependencia. Tamén fan parte das propostas, un plan de choque contra o desemprego e a precariedade, retirar a reforma da Lei de Saúde, mellorar a atención na sanidade primaria e recuperar investimentos e persoal. A recuperación do pazod e Meirás e outros bens espoliados oolo franquismo e a reprobación de Mariano Rajoy e de Ana Pastor polo veto a AP9, son outras das cuestións. 



x