2.100 MILITANTES E 300 SIMPATIZANTES

2.400 persoas xa inscritas para participaren na XVI Asemblea Nacional do BNG

2.400 persoas xa inscritas para participaren na XVI Asemblea Nacional do BNG

A XVI Asemblea Nacional do BNG -a realizar a fin de semana do 25-26 de Marzo na Coruña, no Palexco- vai ser de participación masiva, se termos en conta o elevado número de persoas que se teñen inscrito para participaren no conclave. Este sábado o Consello Nacional debaterá e ditaminará as 296 emendas aos textos que chegan desde as asembleas comarcais.


2.400 persoas inscritas para tomaren parte na XVI Asemblea Nacional do BNG, resultado da adición de 2.100 militantes e 300 simpatizantes. 296 emendas aos textos formuladas desde as distintas asembleas comarcais. 14 propostas de alteración ou engádega ao informe de xestión da dirección saínte e un total de 38 suxestións de accións políticas para o seu desenvolvimento por parte do BNG no próximo período inter-asemblear. 

Desta volta non foi apresentada nengunha emenda á totalidade aos textos nen tampouco foi formulado nengún voto particular.

Estes son, grosso modo, as grandes cifras do proceso asemblear dadas a coñecer esta sexta feira en conferencia de imprensa por Goretti Sanmartín e Rubén Cela, integrantes das áreas de Organización e Comunicación, respectivamente.

Sanmartín e Cela explicaron que este sábado o Consello Nacional saínte debaterá e ditaminará as emendas provenientes das asembleas comarcais e dará o visto bon definitivo aos textos que se submeterán á consideración da militancia do BNG no marco da asemblea de Palexco.

Alén de analisar os textos, o Consello Nacional aprobará este sábado unha proposta de candidura para a dirección entrante, composta de 50 integrantes. Os primeiros 19 nomes son os propostos para formaren parte da Executiva Nacional. Foron todos eles eleitos entre as 137 persoas candidatadas polas asembleas comarcais para estaren nos órgaos de dirección da organización frontista.

Recoñecimento ao traballo de Xavier Vence

Os meios interesáronse por coñecer a opinión do BNG sobre a decisión de Xavier Vence de poñer fin á súa militancia na organización (até o de agora a formación frontista non realizara ningún pronunciamento oficial, nen verbal nen escrito). 

Cela combinou na súa resposta dous elementos. Primeiro, o respeito á decisión -"aínda que nos gustaría que fose doutra maneira porque son dos que pensa que no BNG non sobra ninguén, senón que se constrúe sobre todo coas ideas, o esforzo e a entrega da militancia". Segundo, o recoñecimento ao traballo feito por quen foi portavoz nacional no período 2013-2016. 

"É absolutamente recoñecido polo BNG o traballo realizado por Xavier, tanto no ámbito económico como especialista de prestixio como no ámbito político e organizativo, asumindo a Portavocía nacional nun momento complexo, encabezando unha dirección que fixo un traballo difícil nun contexto nada doado”, explicou Cela.

En todo caso, o responsábel de Comunicación do BNG puxo en destaque o crecimento da organización nos últimos meses -máis de 800 altas desde as eleccións galegas- e enfatizou que “un proxecto de país sen dependencias, como o que representa o Bloque, é máis necesario ca nunca”.



x